25 de abril de 2011

BANDA BROA PRESÉNTASE EN OUZANDE:::

Será o día un de maio ás sete da tarde no local social. Banda Broa é un grupo de folk creado en 2009 e do que participa a ouzandesa Noelia do Rubio canda ao profesor de gaita de Ouzande, Marcos Varela e outros músicos de toda Galicia; Xosé Tuñas, Roberto Bouça e Madi Martínez.
Con esta actividade A Fervenza de Ouzande dá inicio á actividade de primavera e que continuará nas seguintes semanas con dúas rutas de sendeirismo pola zona; o día oito polos camiños de Ouzande e o 17 cunha subida ao monte de Penalba.
Máis información no blog da Fervenza de Ouzande ou na súa páxina de facebook.

10 de abril de 2011

LÉVANLLE O COCHE CO GUINDASTRE E ACCIDÉNTANLLO:::

Isto é o que lle pasou ao noso veciño Manuel Buján. Viaxou á capital de Galicia para facer unhas xestións, estacionou o seu coche na zona "ora" deixándolle o correspondente ticket de pago ben á vista. Á volta o coche non estaba. Buján, sen darse de conta, aparcara nunha zona de carga e descarga. Púxose en contacto coa Policía Local e sorprendentemente preguntáronlle que "que tal carácter tiña" posto que a noticia non ía ser do seu agrado. No traslado do vehículo desde o centro da cidade ao depósito municipal este desengachouse do guindastre saíndo despedido á altura da Avenida de Asturias.
Agora o seguro da compañía de guindastres compostelá terá que facerse cargo dos arranxos do PEUGUEOT 406 que Buján tan ben coidado tiña.
Algúns medios de comunicación déronse eco desta noticia polo sorprendente da mesma e pola empatía que provoca en todos os condutores que imaxinan como calquera podería ser a vítima deste desatino, desta volta tocoulle a Buján.

Sígueme por correo electrónico:::