19 de febreiro de 2012

Chegou o entroido a Ouzande:::


Na tarde de onte o Entroido chegou á nosa parroquia. Os acordes da orquesta Panourama foron o fío condutor dunha tarde chea de disfraces, gastronomía típica e moito bo humor. A actividade festiva deseñada pola Fervenza de Ouzande arrancou do Campo da Festa en dous tratores que, a xeito de carrozas, percorreron as distintas aldeas de Ouzande. Encabezou a comitiva o escenario móbil da orquestra Panourama ao que non lle faltaba detalle; mesmo levaba megafonía co que foi quentando motores pola parroquia. Noutro tractor instalouse o "clube de fans".
Ao remate do percorrido houbo "verbena" nun Campo da Festa moi animado; rosquilleira, peruana, fans, gatos, gogós, músicos... só faltaba unha comisión de festas que organizara tal explosión de Entroido. O bo tempo reinante durante todo o tempo foi enfriado a medida que se fixo de noite, de maneira que os "festeiros" non dubidaron en meterse no local social para saborear as delicias culinarias destas festas.
Quen non podía faltar no Entroido ouzandés eran as "CEGAS" que chegaron á parroquia cunhas roupas moi modernas e non deixaron títere con cabeza coas súas coplas.
A organización valorou moi positivamente esta activiade de Entroido debido ao éxito de público e de animación que xerou.

11 de febreiro de 2012

Exitosa tarde de cociña en Ouzande:::


Esta tarde, o local social de Ouzande converteuse nunha mestura de alta cociña e programa de Tv pois Jaume García do restaurante Velis Nolis da Estrada veu, por mediación da Fervenza de Ouzande, facer unha demostración. 34 persoas tiveron a posibilidade de asistir a esta actividade que tiña prazas limitadas. Cociñou pratos elaborados pero que, coa súa explicación, aos asistentes resultáronlle moi doados. A organización ten idea de repetir esta experiencia máis veces, tanto pola demanda deste tipo de actividades por parte dos socios como polo éxito desta primeira demostración.

10 de febreiro de 2012

A nova orquestra da parroquia chámase PanOUrama:::

O casting que se celebrou o pasado sábado era para crear unha orquestra que percorrera a parroquia no Entroido, como non; unha iniciativa da Fervenza de Ouzande para animar as datas carnavalescas. Xa lle teñen nome; panourama e escenario móbil; un tractor. O divertimento vai estar asegurado nestas festas de Entroido en Ouznade

3 de febreiro de 2012

Cásting dunha orquestra en Ouzande:::

Mañá sábado ás 7 da tarde está previsto que no Campo da Festa de Ouzande se realice un "casting" para a creación dunha nova orquestra. Solicítase xente divertida e con moito humor pero curiosamente non é preciso, segundo se anuncia nos carteis que colocaron pola parroquia, o coñecemento de música nin baile para participar neste novo proxecto. En breve este blog dará máis información sobre esta nova orquestra. Habemos de ir ao Casting para aclarar de que se trata.