30 de novembro de 2012

Noite de música e aplausos con Retrouso no Principal:::

Á saída do concerto de RETROUSO respirábase unha entrañable melodía común a medio camiño entre a felicidade e a emoción. Logo de escoitar as case 20 pezas das que se compuxo a velada, uns falaban dos colaboradores que puxeron voz ás pezas de Retrouso, outros ecoaban para os seus adentros o Alalá das Mariñas ou o retrouso do pasodoble de Imende. Non fallou nada, nin a disposición no escenario, nin o son, nin os agradecementos. Pouco a pouco foron saíndo a luz algunhas das sorpresiñas que prepararan os nosos músicos; un video sobre a historia do grupo gravado o verán pasado no Muíño do Rubio, fotos dos sete anos de andadura, os nomes dos que foron membros do grupo, o deseño de Rosa de Cabanas... todos os ingredientes que compoñen o froito dunha laranxeira chamada Retrouso.
Coas xotas, mazurcas, muiñeiras e pasodobles que soaron esta noite o público levou para a casa unha mestura de sintonías que poderá recordar cada vez que escoiten OU, o disco que hoxe presentou o grupo ouzandés no Teatro Principal da Estrada. E para quen non puido asistir, aí vai un valioso agasallo.






29 de novembro de 2012

As entradas para o concerto de Retrouso poderanse coller na taquilla do Principal:::

Mañá ás nove será o gran concerto de presentación do disco OU de Retrouso no Teatro Principal. A entrada é de balde, pero cómpre recollela previamente na mesma taquilla do teatro que abrirá unha hora antes. A duración do concerto será dunha hora e media aproximadamente e hanse escoitar as distintas pezas que compoñen o disco, este estará á venda canda as camisetas do grupo no vestíbulo do teatro. As distintas pezas estarán acompañadas de varios contidos audiovisuais e sorpresas preparadas polo grupo ouzandés para amenizar a velada.
O pasado  luns foi presentado o concerto no consistorio da Estrada

Retrouso ultima os detalles no concerto no Teatro Principal

26 de novembro de 2012

Retrouso presenta o disco "OU" en rolda de prensa:::

Hoxe os ouzandeses Retrouso deron unha rolda de prensa no Concello da Estrada para dar a coñecer detalles do seu disco "OU" que presentarán esta mesma semana no Teatro Principal da vila, será o venres ás 9 do serán. 
Marcos Varela explicou como xurdiu a idea e a posibilidade de gravar un disco desde a súa experiencia como profesor de gaita en Ouzande, non imaxinaba que as clases que hai anos leva dando na parroquia desen tantos froitos. Ademais explicou algúns detalles da gravación deste traballo. A gaiteira  Noelia Bouzón fixo un repaso á historia do grupo, recordando os inicios como alumnos de Marcos e o orgullo que entraña presentar un disco como OU. 
A entrada ao concerto de presentación é gratuíta e ademais de escoitar ao vivo as fermosas pezas que compoñen o disco, o grupo ten preparadas varias sorpresas que han ser do agrado do público. Polo momento xa se pode ver colgado o cartel que é deseño de Rosa de Cabanas, quen tamén fixo a portada do traballo.

Noelia Bouzón, Juan Constenla e Marcos Varela na presentación do
concerto de Rerouso ante os medios de comunicación.
 
Cartel do concerto

tarxeta-invitación para o concerto




25 de novembro de 2012

A Xunta Parroquial presenta diversos proxectos ante a veciñanza:::

A Xunta Parroquial de Ouzande vén de expoñer varios asuntos nunha reunión celebrada esta tarde. O primeiro deles foi informar de que esta entidade xa ten CIF e polo tanto está constituída como asociación legal, xa que ata o momento a Xunta Parroquial de Ouzande non podía acceder á solicitude de subvencións, entre outras cousas. O nome é "Asociación de Veciños Manuel Castiñeiras" en honra ao que foi cura párroco de Ouzande.
O tema que centrou a reunión foi a intención da Xunta veciñal de facer un local destinado a almacén no lado esquerdo do local social. Terá un frontal de dez metros e o mesmo fondo que o palco. O motivo da reunión era pedir acordo para facer esta obra e todos os asistentes (40) acordaron que si, pois non hai que poñer diñeiro aínda que si man de obra. Xustificaron a necesidade deste espazo e valoraron os problemas que podían aparecer na obra. 
Desde a Xunta repasaron algunhas cousas que se levan feito ou que se solicitaron a outras administracións e que están en marcha, algunhas son competencia do Alcalde de Barrio que estaba presente na reunión e que recalcou que non se lle pode pedir moito ao Concello. Un deses temas que preocupaba aos asistentes é o arranxo de pistas pois coa chuvia estas están en mal estado. Solicitáronlle ao Concello o arranxo dalgunhas mais outras meten auga nas parcelas particulares, coma -por exemplo- no lugar do Picoto.
A organización das festas foi outro tema que suscitou debate pois os asistentes entenden que non serve de moito gastar o diñeiro en contratar orquestras se logo isto non supón unha participación das mesmas, polo que a Xunta o terá en conta na organización dos eventos festivos de 2013.

As pistas en mal estado foron tema de debate

24 de novembro de 2012

Retrouso ofrecerá nunha rolda de prensa detalles sobre o seu concerto de presentación do disco "OU":::


O vindeiro luns á unha do mediodía, o grupo RETROUSO ofrecerá unha rolda de prensa no Concello da Estrada para dar detalles sobre a presentación do seu disco "OU" que terá lugar o venres día 30 no Teatro Principal da Estrada. Nestes momentos, os integrantes de Retrouso ultiman os detalles desa actuación que promete ser especial e que terá algunha que outra sorpresa.
Compoñentes de Retrouso ultimando detalles do concerto co que presentarán
 o vindeiro venres o seu disco "OU" no Teatro Principal da Estrada
Retrouso porá á venda o seu disco "OU" o venres no Teatro Principal

A Xunta convoca unha reunión mañá no local social ás 5 da tarde:::

A Xunta Parroquial de Ouzande fará unha xuntanza veciñal mañá domingo ás 5 da tarde co obxectivo de informar de distintos aspectos relativos de interese parroquial. Un dos puntos que se abordarán é o relativo ás festas deste ano. Aínda que o de maior interese social son as xestións que se están a facer para a mellora das condicións do Campo da Festa e a construción dun pequeno local anexo ao Palco que funcione como almacén e mesmo como bar nos días de festa.
Tamén veñen de facer públicas as contas relativas ás festas do presente exercicio, que xa se poden consultar nun informe que repartiron polas distintas casas da parroquia.

23 de novembro de 2012

Abel Carbajal presentou "Te Pillé" no Principal da Estrada:::


O Teatro Principal da Estrada acolleu este serán, ás 21:00h, a estrea da curtametraxe de Abel Cabajal "Te Pillé". Ante un patio de butacas cheo de público, Abel subiu ao escenario para presentar o filme, dándollelas grazas a todas as persoas que colaboraron e apoiaron o seu proxecto que hoxe xa é realidade. De seguido o teatro enmudeceu para dar paso cuns aplausos de benvida a uns 18 minutos de película policiaca regada con doses de bo humor e orixinalidade. Xoque Carbajal encarna ao protagonista, un estafador dado á bebida e perseguido pola policía. A riqueza de planos e mailas dóces melodías enriqueceron a cinta, mentres que o público se deixou seducir polas localizacións, de sobra coñecidas para os asistentes (Praza da Farola, Avenida de Ponteareas...)
Ao remate unha salve de aplausos volveu encher o Principal para facer que os actores e colaboradores pousases para unha foto de recordo.

O Teatro Principal da Estrada encheuse para ver a curtametraxe

Créditos do inicio

Gonzalo Valcárcel nunha secuencia do filme

Varios veciños de Abel colaboraron no proxecto, coma Darío Barros

Paco de Camba nunha secuencia da curtametraxe

Actores e colaboradores fixeron unha foto de recordo

22 de novembro de 2012

Ábrese o prazo para enviar felicitacións para 2013 no Portal de Ouzande:::

Desde hoxe e ata o vindeiro 22 de decembro estará aberto o prazo para que quen o desexe poida enviar as felicitacións para 2013 que serán colgadas no PORTAL DE OUZANDE. Pódense enviar textos, fotos, videos... O obxectivo é felicitar o anonovo e pedir desexos para que número 13 sexa o da boa sorte. Pode participar quen o desexe: ouzandeses que estean na diáspora ou na aldea, xentes que frecuentan a parroquia ou que a pisan de cando en cando. Para facer chegar as aportacións hai que usar o correo electrónico do portal (oportaldeouzande@gmail.com) Tan pronto como sexa recibido, enviaráselle ao remitente unha mensaxe para que saiba que a súa aportación vai figurar nos últimos días de decembro colgada no Portal de Ouzande.
Con esta inciativa, desde o PORTAL DE OUZANDE ábrese unha vía de participación dos lectores/as que van en aumento diariamente (a día de hoxe xa hai máis de 6.500 visualizacións, cunha media de 200 semanais)

20 de novembro de 2012

O cartel das Festas da Estrada na III Festa do Cartel:::

O Cartel das festas da Estrada de 2012 está na primeira fase da III Festa do Cartel. Trátase dunha iniciativa de "Galicia en Fesas", unha páxina de "Facebook" monográfica sobre as festas de Galicia. Propoñen 80 carteis para que o público vote polo que máis lle gusta. De momento os 25 votados pasarán á final. Hai de prazo para facer as votacións ata o 3 de decembro. Para votar cómpre ter conta nesta rede social e sobre o cartel das Festas da Estrada, darlle ao "gústame". Polo momento xa é un dos máis votados.
O cartel das Festas da Estrada 2012 é autoría de Rosa de Cabanas, quen ten un completo currículum no ámbito do deseño.
O enlace para as votacións é este.



Cartel das Festas da Estrada, finalista do concurso
Algúns dos carteis do cocurso


19 de novembro de 2012

As bicicletas son para os domingos con Bikestrada:::

Na solleira mañá de onte, domingo, un nutrido grupo de pequenos ciclistas invadiu as pistas e camiños de Ouzande e maila Somoza, foi grazas á ruta de BTT deseñada pola Peña Ciclista Bikestrada. A partida foi ás dez da mañá da Alameda da Estrada, ascenderon pola Avenida de Benito Vigo e encamiñáronse cara a Ouzande pola Avenida de Vigo e o lugar do Castro, rodeándoo para pasar polo Picoto e o Redondo cara á Aldea de Abaixo. Pasaron por detrás da igrexa parroquial para atravesar o lugar de Alemparte, evitando a estrada xeral e indo sempre polas pistas baixo a atenta mirada dos maiores. Na Somoza fixeron un tour unha vez chegados á igrexa para ir a Castro Ramiro e volver. No regreso á Estrada volveron pasar pola Alemparte cara ás Varelas e de aí ao Tallo para entrar na vila, fixérono por Bedelle, polas rúas Serafín Pazo e Matadoiro, Avenida de Castelao e Benito Vigo ata o lugar de saída. En total fixeron 12.50 quilómetros nun trazado de escasa dificultade.

As rutas BTT de Bikestrada continúan, as vindeiras semanas estarán dirixidas ao público adulto, tendo unha intensidade e dureza un pouquiño maior, aínda que asequibles a calquera persoa que queira gozar dunha divertida mañá de domingo en bicicleta. Este domingo farán unha subida ao Monte da Somoza e visitarán a Cooperativa Monte Cabalar, degustando a carne dos animais que alí se crían e que se está promocionando para os deportistas polo seu alto aporte nutritivo.
Mapa do percorrido 

Perfil da ruta





18 de novembro de 2012

As castañas protagonizaron a Festa do Outono:::

Na tardiña de onte, a parroquia de Ouzande acolleu unha Festa do Outono moi concurrida. Organizada pola Fervenza de Ouzande, tivo varias novidades, a máis destacada foi o éxito de calidade e cantidade de postres feitos con castaña que numerosas socias aportaron á festa. Outra das cousas novas foi a instalación dun posto de venda de produtos ecolóxicos do Caurel, marca Caurelor; castañas en xarope e crema de castaña por unha banda e pola outra marmeladas de distintos froitos; moras, cereixas, uva...
Ademais das castañas asadas e da festa que se montou ao redor da comida e da música, houbo un momento moi especial que foi o debut ante o público ouzandés do coro de canto tradicional que hai pouco arrancou coa súa aprendizaxe e que xa deron mostra do seu bo facer. Para quen o perdera aí vai unha pequena mostra neste video:
                



Dóces feitos polos socios da Fervenza de Ouzande con castañas

Momento de preparación do lume para asar castañas e chourizos

17 de novembro de 2012

As castañas do Caurel chegan á Festa do Outono:::

Caurelor é unha pequena empresa familiar que xurdiu no Caurel para poñer en valor o froito de calidade que se produce nos milenarios soutos, rodeados por unha paisaxe impoñente. Están en Santa Eufemia do Caurel e levan 12 anos traballando para dar a coñecer este saboroso produto, hoxe hano mostrar en Ouzande. O feito de que leven este tempo dignificando a castaña dun xeito acorde ao entorno, traballando desde unha óptica ecolóxica, fixo que fosen convidados a presentar os seus produtos na Festa do Outono da parroquia. En Caurelor traballan só con produtos daqueles fermosos vales; castaña, arando, moras do monte, noces... fano dun xeito totalmente artesán e ecolóxico, sen conservantes nin insecticidas, colaborando cos veciños no coidado dos soutos e seguindo os métodos tradicionais de recollida e tratamento dos froitos. Por este motivo reciben constantes premios a nivel estatal e os seus produtos xa circulan a nivel internacional, son unha delicatesen que hoxe se poderán saborear en Ouzande.

Verónica e Daniel, responsables de Caurelor no tratamento da castaña
Entrevista a Verónica Núñez, de Caurelor . 

logotipo de Caurelor

O próximo venres estrean a curtametraxe "Te Pillé":::

O Teatro Principal da Estrada acollerá o vindeiro venres 23 de novembro a estrea da curtametraxe "Te Pillé" do novo director ouzandés Abel Carbajal. A película dura 18,44 minutos e é de temática policiaca. Foi rodada durante o verán e preestreada recentemente no local social de Ouzande polo equipo que traballou na execución deste proxecto. O seu director, Abel Carbajal estivo arroupado e apoiado pola súa familia e amigos que colaboraron desinteresadamente nesta aventura cinematográfica. No reparto podemos ver nomes coñecidos da parroquia e da comarca; Xoque Carbajal,Rocío Louzao, Gonzalo Valcárcel, Chus Sánchez, Montse Carbia, Tino Regueira, Antía Regueira, Jouse García, Patricia Rodríguez, Paco Camba, Miguel Carbajal, Darío Barros, Miguel Figueiras e Blanca Menacho. O guión, dirección, cámara e montaxe foi cousa de Abel, Miguel Carbajal levou a responsabilidade do son, e contaron coa colaboración de distintas entidades da zona. De momento podemos ver o trailer, pero o venres compartirán co público en xeral este traballo gravado polas rúas da Estrada.

Equipo que traballou no filme na preestrea no local social de Ouzande

cartel do filme que se proxectará o vindeiro venres no Principal da Estrada

13 de novembro de 2012

Comeza a conta atrás para a festa do outono:::

En Ouzande xa está todo listo para celebrar con castañas e música a festa do outono. Desta volta hai novidades pois a festa vai xirar ao redor do mundo da castaña e do seu aproveitamento gastronómico. Asi desde a entidade organizadora, A Fervenza de Ouzande, veñen de anunciar que ademais das castañas asadas, ven contar coa degustación de dóces e comidas derivadas deste froito. Outra novidade será a intalación dun posto de venda de produtos derivados da castaña procedentes do Caurel; castañas confitadas, crema de castañas... todos eles ecolóxicos e ofrecidos pola marca Caurelor, galardoada en numerosas ocasións polo éxito no aporveitamento deste recurso.
A cita é ás nove do serán do vindeiro sábado 17 e, para completar a oferta, haberá servizo de bar con comida (chourizos asados) e música tradicional a cargo do grupo Retrouso e mais do alumnado das clases que semanalmente alí se desenvolven e mais das persoas que se desexen unir ao evento. Outra novidade máis vai ser o "debut" do grupo de canto tradicional que terá na festa do outono a súa primeira actuación con público.
A festa está organizada no local social e no Campo da Festa de Ouzande, desde a Fervenza de Ouzande animan á participación, levando intrumentos musicais ou produtos elaborados con castañas.
Cartel da Festa do Outono, deseñado por Rosa de Cabanas
As castañas xa están preparadas para a festa

10 de novembro de 2012

AXENDA de OUZANDE:::

MÉRCORES
         17:00 a 18:00h xerontoximnasia (Sisel-Concello da Estrada) non todo o ano


SÁBADOS
          10:30 a 11:30 ACORDEÓN. Profesor: Marcos Varela.
          11:30 A 12:30 GAITA (INICIACIÓN) Profesor Marcos Varela.
          11:30 a 12:30 TAMBORIL. Profesor Xosé Martíns Fofi
          12:30 A 13:30 GAITA (Perfeccionamento) Profesor Marcos Varela.
          16:30 a 18:30 PANDEIRETA. Profesora Silvia Martínez 
          22:00 a 23:00 CANCIÓNS TRADICIONAIS Profesor Marcos Varela.

As inscricións están abertas nas clases de música, cómpre pórse en contacto coa Fervenza de Ouzande (carreirosouzande@gmail.com) e as de xerontoximnasia están pechadas (máis info Concello da Estrada)

9 de novembro de 2012

"Todo é silencio" xa está nos cinemas:::

Desde hoxe, o filme Todo es silencio xa está nas salas dos cinemas comerciais galegos. A versión cinematográfica da novela homónima de Manuel Rivas foi preestreada onte na Coruña e xa figura nas carteleiras. 
Co trasfondo do narcotráfico, conta a historia de Frins e Brinco, dous mozos rivais pero amigos que a finais dos anos sesenta compiten por unha moza de nome Leda. Inocentemente xogan a buscar tesouros na praia, rescatando obxectos que van deixando as mareas. Xorde o amor entre Leda e Frins ao tempo que as dificultades serias para os personaxes. Pasan 20 anos afastados ata que se Frins volve sendo policía a traballar á súa vila natal. Mestura de traballo e emocións nun ambiente moi distinto ao de anos atrás.
O filme foi dirixido por José Luis Cuerda e conta cun reparto de actores de primeira liña na escena cinematográfica española; algúns galegos, como Luis Zahera ou o ouzandés Xoque quen encarna un drogadicto da vila.

Cartel de Todo es silencio, xa nos cines
Trailer do filme

6 de novembro de 2012

"Pedigree" alcanza o 2º premio do Festival Internacional de Cine de Ourense:::


Hoxe déronse a coñecer os gañadores da 17ª edición do OUFF ESCOLA (Festival de cine internacional de Ourense). A obra presentada polo obradoiro de creación artística do IES Manuel García Barros, PEDEGEE, acadou o segundo premio de entre outras 45 no ámbito educativo de ensino secundario. A curtametraxe versa sobre o maltrato animal e é unha creación de animación a partir de plastilina, como xa o fora Dairas, obra que tivo moi boa acollida de público. Á fronte deste obradoiro está o ouzandés Miguel Carbajal, profesor de música no centro.

4 de novembro de 2012

Xa hai 18 persoas nas clases de canto tradicional:::

Nos últimos anos, en Ouzande foise creando unha auténtica escola de música tradicional. A Fervenza de Ouzande comezou a ofertar pandeireta, baile e gaita. A veciñanza acolleu de bo grao esta oferta formativa, tal foi así que foi in crescendo e houbo que ofertar acordeón, percusión... Este verán, na festa dunha "noite no muíño" comezouse a corear "clases de canto xa", e así foi. A asociación cultural pediulle ao entregado profesor de gaita, Marcos Varela un pouco de axuda. O máis complicado foi fixar un horario, pois este debía ser os sábados ás dez da noite. O que en principio parecía un incoveniente, en poucas semanas convertiuse nunha cita imprescindible en Ouzande. Comezaron con "Camariñas" e co "Cantar do Arrieiro", foise unindo máis e máis xente; na actualidade hai 18 alumnos de moi distintas idades nas clases. Levan poucas sesións, pero xa contan de cantar o día 17 de novembro ante o seu primeiro público; a veciñanza que acoda á festa do Magosto na parroquia.
O éxito destas clases radica en que non se preparan para "actuar" no sentido convencional da palabra, senón que a xente vai "para aprender", tanto en canto coma no resto das disciplinas. A maior parte quere saber cancións, tocar algún intrumento ou bailar para poder participar nas fermosas festas con que A Fervenza de Ouzande agasalla constantemente ao público.


Un momento ao inicio dunha das clases do grupo de canto tradicional

3 de novembro de 2012

Novo look para o Campo da Festa:::

O Campo da Festa de Ouzande locirá unha nova imaxe nos próximos meses grazas ás obras que se acaban de iniciar para arranxalo. A Xunta Parroquial vén de solicitarlle ao Concello da Estrada terra para botar polo chan e así poder achanzala e facer que medre herba dun xeito homoxéneo.
A terra xa está no Campo da Festa, agora só falta que sexa distribuída, que se semente herba e que se coide para que as vindeiras actividades a realizar no recinto festivo da parroquia conten cun piso  debidamente acondicionado.
A Xunta Parroquial tamén planea outras obras para optimizar o espazo na parte inferior do local e a construción dun pequeno almacén para gardar as infraestruturas das festas.

O Campo da Festa será cuberto con terra

Arestora a terra está amoreada na parte central do Campo da Festa

2 de novembro de 2012

As bicicletas son para o outono:::

 A Peña ciclista BIKESTRADA vén de facer público o calendario de saídas populares para este outono. Haberá dúas modalidades; unha para toda a familia e á que poden ir os pais cos seus fillos e outras para adultos. Calquera das dúas opcións é totalmente factible, mesmo para persoas que non estean moi adestradas niso de saír ao monte sobre dúas rodas.
O 11 e 18 de novembro celebraranse as "infantís", a primeira delas percorrerá a nosa parroquia e mais a da Somoza, o percorrido non ascende dos 10km e non contempla grandes costas.
O 25 de novembro e o 2 de decembro son as datas escollidas para as dirixidas aos adultos, teñen sobre 25km de percorrido e os destinos son distintos puntos do municipio estradense.

foto de Bikestrada nunha ruta infantil en edicións pasadas

Cartel das RUTAS BTT de BIKESTRADA

1 de novembro de 2012

O novo tramo das beirarrúas podería ser construído en 2013:::

Segundo vén de informar o Concello da Estrada, as beirarrúas proxectadas desde o Tallo e até a igrexa de Ouzande, poderían ser construídas no vindeiro ano. O orzamento para ás mesmas é de 500.000€ e as obras poderían iniciarse no mesmo mes de xaneiro. O tramo a facer sería só dun lado da estrada, en concreto pola  parte dereita segundo imos cara á igrexa, afectaría a unha lonxitude de 500 metros e contaría coa mesma dotación que os 400 xa contruídos. Parece ser que xa falaron con todos os propietarios e que estes ceden desinteresadamente os terreos para que así se poida facer esta necesaria obra para a seguridade vial da parroquia. Polo de pronto, o proxecto terá que pasar o visto bo de Patrimonio, sobre todo polos últimos 100 metros, que entran na zona de especial protección deste organismo debido á proximidade da igrexa ouzandesa. 
O tramo a construír vai dende O Tallo e até a
igrexa de Ouzande (500m)
Na actualidade non hai beiravías;
desde a calzada pásase á cuneta