30 de agosto de 2013

Os centenarios carballos de San Xurxo de Vea foron testemuña do III festival folk desta parroquia estradense:::

Pasadas as 23h todo estaba listo no Campo da Festa de San Xurxo de Vea para que dera inicio a 3ª edición do Festival Folk. Os primeiros en animar musicalmente a velada foron os ouzandeses Retrouso que presentaron o seu primeiro disco OU, quecendo os motores dunha festa que paseniñamente se ía enchendo de xente. A seguir O Recobio de Vaamonde tomou o relevo da música tradicional pero desta volta a xeito de banda de música. O Regato de Matamulleres de Callobre foi o terceiro grupo en subir ao palco e facer cantar ao auditorio. O punto e final do festival non foi tan tradicional pois estivo da man dos cuntienses Estofados en Salsa, liderados por Fran Campos e Damián Cortés, coñecidos polo auditorio polo seu bo facer no mundo da radio, música e humor. Tomaron músicas comerciais para variarlles a letra e facer rir ao público. A novidade desta edición foi o lugar escollido para a festa, pois trasladouse a unha pequena carballeira que hai no estremo do Campo da Festa, creando un lugar moi agradable para este evento.
Os vellos carballos de San Xurxo de Vea foron testemuña do III Festival Folk
As gaitas de Retrouso inauguraron a festa
A formación ouzandesa sobre o palco
A música tradicional prendeu con forza en Vea
Fon, Pablo e Miriam, de Retrouso
Traballo dos técnicos de son
O Recobío de Vaamonde (Teo) fixo as delicias dos asistentes

Anuncian a obra das beirarrúas na marxe dereita desde o Tallo e ata a igrexa parroquial:::

Comitiva municipal explicando o proxecto. Foto: La Voz de Galicia
Ouzande recibiu onte a visita dunha comitiva encabezada polo alcalde do municipio, Xosé López, e que estivo acompañado por representantes da empresa Taboada e Ramos así como dun técnico municipal e de dous veciños. Nesta visita anunciou que en setembro continuarán as obras das beirarrúas desde o lugar do Tallo e ata a zona da igrexa parroquial, pero só polo lateral dereito segundo se camiña cara ao sur. Esta obra consistirá nuns metros de vital importancia para a seguridade viaria na parroquia e consistirá no levantado dunha beirarrúa, iluminación e mobiliario urbano; bancos e papeleiras. Desde a igrexa e ata o entroncamento da Costa da Labrada non haberá beirarrúas, pero si unha senda peonil asfaltada. Recentemente vénse de facer un foxo de formigón cun forte desnivel, que segundo o rexedor estradense deixa un metro entre a calzada e o desaugadoiro, sendo este o espazo a asfaltar. Os veciños explicáronlle ao alcalde a necesidade de prolongar as beirarrúas pero este informou que por falta de diñeiro hai que conformarse con esta medida, comprometéndose na medida do posible a realizar a ampliación máis adiante. Outro problema que abordou a comitiva foi o tratamento das augas que cada vez que chove chegan á estrada provincial, inundándoa e enchéndoa de lama. Ante o problema tratarán de facer as drenaxes axeitadas na zona a obrar. A obra fora anunciada xa para o mes de xaneiro e orzamentada en 500.000 euros, con esta visita chega o anuncio de que se realizarán no entrante de setembro e por 130.000 euros procedentes do “Plan de Investimentos” da Deputación de Pontevedra (PID) de 2012. Coa mingua do investimento, a parte relativa á humanización correrá a cargo de fondos municipais. O anuncio da ampliación das beirarrúas foi ben acollido pola veciñanza, aínda que con desilusión a causa da dilatada historia do proxecto e que parece condenado a rematar por non ser executado na súa totalidade.

O tramo a construír vai dende O Tallo e até a
igrexa de Ouzande (500m)

25 de agosto de 2013

As festas do Socorro de Ouzande contarán cun completo programa de actividades:::

A Romería do Socorro contará cun programa repleto de actividades. Os actos relixiosos xa comezan o vindeiro xoves coa novena. A festa celébrase os días 6, 7 e 8 de setembro. O festival folk "Fervenza de Músicas" abrirá as actividades. Os grupos locais Retrouso e Recanto actuarán na foliada. Volve o Triangular de Fútbol Mixto Solteiros-casados-separados. As festas rematan cunha obra de teatro de Disfunción Continua. O campo estará cuberto cunha carpa e cóntase cun polbeiro. Este é o programa:

Do xoves 29 de agosto ao venres 6 de setembro: Novenario na honra da Nosa Señora do Socorro, será ás 21:00h.

Venres 6 de setembro: VI Festival Folk Fervenza de Músicas, organizado pola Fervenza de Ouzande. Actuarán os grupos O GHUSTO DO BOI de Boqueixón, OS KE HAI de Callobre, XURUMELO de Santiago de Compostela, RETROUSO de Ouzande  e o grupo de canto tradicional RECANTO de Ouzande. Esta foliada será baixo unha grande carpa e contará cun posto de polbo e churrasco.
Ghusto do Boi de Boqueixón actuou o pasado 14 de agosto no festival As Nosas Músicas de Couso















Xurumelo, liderado polo profesor de gaita, Marcos Varela, deuse a coñecer no festival Folk de Raíz de Callobre no mes de xullo.
Sábado 7 de setembro: 
Actos relixiosos ás 13:00h na honra da Virxe do Carme, seguidos da procesión e sesión vermouth amenizada polo DÚO GÉMINIS. Ás 18:00h no Campo da Festa IV Triangular de Fútbol Mixto solteiros/as, casados/as e separados/as. Pola noite verbena amenizada polo grupo Iris e o dúo Géminis.
Imaxe de arquivo do I Triangular de Fútbol Mixto celebrado en Ouzande en 2010
Domingo 8 de setembro: 
Día da Nosa Señora do Socorro. Ás 10:30h misa rezada, solemne ás 13:15h seguidos da tradicional procesión e poxa das ofrendas á santa. Pasarrúas e concerto da BANDA DE MÚSICA MUNICIPAL DA ESTRADA. Ás 20:00h teatro no Campo da Festa coa compañía estradense DISFUNCIÓN CONTINUA TEATRO que interpretará a comedia ERAN OUTROS TEMPOS, OU NON?
A Banda de Música Municipal da Estrada nunha edición anterior do Socorro
Disfunción Continua Teatro representará ERAN OUTROS TEMPOS, OU NON? no Campo da Festa de Ouzande


O porco bravo fai estragos en veigas ouzandesas:::

Nos últimos anos a veciñanza ve como foi aumentando a poboación de xabarín nas proximidades da aldea, sobre todo polos estragos que este fai nos campos de millo. Agora que este cultivo xa vai medrado, as espigas son reclamo para o porco bravo que se achega ás veigas da parroquia para alimentarse. A zona do Formigueiro é das máis afectadas e nas últimas semanas xa se deixaron ver os estragos. Os propietarios están alerta ante este problema e xa teñen colocados repelentes nas súas veigas co fin de disuadir a este comensal de tan gorentoso banquete. De todos xeitos os estragos son escasos en comparación coa veciña parroquia de Tabeirós, onde algunhas explotacións agrogandeiras sufriron importantes perdas, especialmente na zona do Outeiriño e Sar.

Regos enteiros de millo foron destrozados polo porco bravo

Restos do casullo do millo no chan

Espiga con carozo á vista

Algúns repelentes son olorosos e agóchanse debaixo de tellas para que o porco non se achegue

23 de agosto de 2013

O peche de rúas na Estrada na etapa previa ao inicio da Volta a España provoca importantes engarrafamentos:::

Moitos condutores que este mediodía trataban de atravesar a vila da Estrada víronse sorprendidos con que a rúa Pérez Viondi e as Avenidas de Benito Vigo e Pontevedra así como todas as transversais estaban cortadas. Tentar esquivar este peche aínda se complicaba máis para quen trataba de buscar ao longo da estrada de Pontevedra ou de Forcarei unha escapatoria, pois a Garda Civil e a Policía Local mantiveron pechados todos os cruzamentos durante máis dunha hora. O motivo deste inesperado atranco foi a celebración da marcha ciclista "Pedaladas polo recordo" que saíra do Porto de Vilanova de Arousa ás 9:30 da mañá e na que participaban afeccionados ao ciclismo de toda Galicia. 

longas ringleiras de vehículos íanse acumulando nos accesos á Estrada
A organización desta proba corría a cargo da Deputación de Pontevedra e Unipublic e pretendía publicitar o inicio mañá da Volta Ciclista a España. Esta proba fora anunciada hai meses como "Etapa de la Vuelta" pero decidiron cambiarlle o nome e denominala "Pedaladas polo Recordo" en homenaxe ás vítimas do fatal accidente ferroviario do pasado 24 de xullo. A ruta tiña 130 km de lonxitude e saía da beiramar aurousá cara a Caldas de Reis, atravesaba Moraña e Campolameiro para enfilar por Cerdedo e así entrar na Estrada por Sabucedo, Codeseda... e na vila por Pérez Viondi, Avenida de Benito Vigo, Avenida de Pontevedra, abandonando A Estrada polo Alto da Cruz cara á Anllada, Cuntis, Caldas e con remate no Monte Lobeira. Ao mesmo tempo había unha miniruta de 7km desde o porto da Basella e ata o Monte Lobeira.
Algúns afeccionados da zona participaron nesta actividade
A que se presumía unha solleira xornada de ciclismo afeccionado bateu de cheo coa paciencia de centos de condutores que a hora punta se viron atrapados nas rúas da Estrada. As forzas da orde carecían de información sobre a duración do peche e este alongouse no tempo ao espallarse o paso de ciclistas pola vila. Ás 14:30 o tráfico estaba aberto mais aínda seguían pasando afeccionados en bicicleta no medio dos coches. A parroquia de Ouzande resultou especialmente afectada pois as vías que a rodean estiveron cortadas, provocando que moitos veciños non puidesen acceder ás súas casas en coche á hora de xantar.
Prevese que a situación se volva repetir o vindeiro martes, desta volta co paso dos profesionais que arrancan a marcha en Lalín cara a Fisterra. Á Estrada chegarán procedentes do Deza por Oca-Moreira-Callobre, entrando pola N-640 e atravesando este vial ao longo do entramado urbano para seguir por Castroloureiro, Portela, San Andrés de Vea, O Souto de Vea, Couso, Pontevea e Vedra e de aí cara a Santiago e a Costa da Morte. Polo momento non hai notificacións oficiais destes cortes de tráfico.
Un grupo de ciclistas atravesando a Avenida de Pontevedra
Os cortes de tráfico afectáronlle especialmente ás Rúas Pérez Viondi e Avenidas de Benito Vigo e Pontevedra





22 de agosto de 2013

As festas de San Lourenzo recollidas nun video:::

O Portal de Ouzande presenta o programa especial sobre o San Lourenzo que se celebrou os pasados días 9, 10 e 11 de agosto na parroquia. O próximo xoves xa comezan os actos relixiosos previos á festa do Socorro que será o 6, 7 e 8 de setembro. Polo de pronto recordamos os mellores momentos do San Lourenzo 2013 neste video de 18 minutos de duracións.

17 de agosto de 2013

Ouzande festexou a súa historia no Muíño do Rubio:::

O Muíño do Rubio foi o escenario onte da festa "Unha noite no muíño" organizada pola Fervenza de Ouzande. Eran as dez do serán cando os primeiros festeiros se achegaban ao acceso ao muíño coa sorpresa de atopalo pechado por un telón negro, chegar ao pé do Muíño do Rubio fixo que máis dun apresurase a respiración; espectros na noite cruzábanse aos seus pés facéndolles xogar unha mala pasada aos máis medeiros. Pero a animación tivo final feliz ás portas do muíño, era o lugar da cea e da festa. A comida foi estilo pic-nic e houbo tempo para a convivencia e o intercambio de viandas. Xa entrada a madrugada o druída da parroquia entoou o "Conxuro da Fervenza" dando paso a unha noite de valses, pasodobres, rumbas, xotas e -como non- muiñeras baixo os centenarios carballos da Fervenza que foron testemuña un ano máis da festa na honra á historia da parroquia.



15 de agosto de 2013

O sábado 17 volve "Unha Noite no Muíño":::

O Muíño do Rubio acollerá este sábado día 17 de agosto unha nova edición da orixinal festa "Unha Noite no Muíño". Organizada pola Fervenza de Ouzande, está dirixida especialmente á veciñanza ouzandesa pero aberta a quen desexe mimetizarse co idílico entorno da Fervenza. A cita é ás 10 do serán e desde a organización dan un par de indicacións para estar preparados de cara ao evento festivo. A primeira é equiparse con algunha lanterna para acceder ao privilexiado entorno pois a congostra de entrada carece de luz. A outra é levar a cea ao estilo pic-nic. Durante a noite de muiñada haberá tempo para a convivencia, as sorpresas, a música ou para a queimada ao son do "Conxuro da Fervenza".


14 de agosto de 2013

Couso rendiuse ao encanto pola tradición:::

A parroquia de Couso rendiuse un ano máis ás "Nosas Músicas", e xa van aló 18 noites de música folk organizadas pola asociación cultural A Xesteira de Couso. A actividade no Campo da Festa xa comezou ás 16:30h cun obradoiro de Davide Salvado sobre canto e percusión. Chucho Estévez tomoulle o relevo coa percusión miúda. Ao mesmo tempo Xandobela levou xogos tradicionais ás ribeiras do Ulla, Marcos Botana ofreceu un obradoiro de iniciación ao baile tradicional e contra o serán desenvolveuse unha actividade chamada "Ruadiña haina haina" coa actuación de Trébede e mailas pandereteiras de Pazos de Borbén e Mondariz.
O que máis tardou en chegar foron as actuacións da noite. A primeira foi a de Retrouso que sorprendeu a quen aínda non os coñecía. Moi aplaudida foi a voz de Miriam de Trazo que cantou cos ouzandeses. A seguir os rianxeiros Vai de Roda encheron de festa a noite, chamou moito a atención a actuación das súas novas pandereteiras. Quempallou foi un dos grupos máis agardados e non defraudou. Xa para despedir estiveron os vigueses Zurrumallada. Ghusto do Boi animou a festa a pé de campo mentres se facían os cambiso no palco.
AS NOSAS MÚSICAS de Couso constitúe unha das citas festivas máis destacadas do panorama comarcal, facendo que a música de raíz sexa cada vez máis fonda na bisbarra. As próximas festas deste xénero son o día 30 en San Xurxo de Vea e o 6 de setembro en Ouzande coa foliada "Fervenza de Músicas".
Retrouso abriu o festival 

As pezas de Retrouso foron caldeando o ambiente

Os bailes foron os protagonistas da noite

Gran cantidade de público achegouse a Couso para festexar As Nosas Músicas

As pandereteiras de Vai de Roda sorprenderon polo seu bo facer a pesar da súa mocidade

Ghusto do Boi animou a festa a pé de campo

Instalan un panel informativo fronte á igrexa:::

Un panel informativo vén de ser intalado na entrada á igrexa parroquial de Ouzande, trátase dunha estrutura de cor branca e acristalada, con pechadura e unha especie de cuberta para protexelo da chuvia. A veciñanza descoñece aínda os usos deste panel aínda que non lle pasou desapercibido debido ás súas grandes dimensións e á ubicación escollida.

AS CATRO ESPIÑAS DA IGREXA DE OUZANDE

O templo parroquial de Ouzande é un dos reclamos turísticos da comarca, tanto polo valor artístico de varios dos elementos que o compoñen como polo seu bo estado de conservación. Cada vez son máis os visitantes que chegan á parroquia preguntando non só polos muíños da Fervenza senón tamén pola igrexa románica, sorprendéndose do ben coidado que está o seu entorno. Aínda así sorpréndenlle as catro espiñas que Ouzande ten clavadas darredor do seu adro:

1-POSTES DE FORMIGÓN
A historia destes dous xigantes que contrastan coa ábsida románica da igrexa xa vén de atrás. Logo de que a policía autonómica recomendase retirar un repetidor de televisión deste lugar, quedou un dos postes totalmente inutilizado. O segundo sostén uns cables que pasan xusto por riba do templo. Os turistas que buscan facerse unha foto neste idílico lugar compiten con estoutros dous visitantes que non dan marchado.

2-O LIXO
Mentres que o adro goza dun pulcro mantemento e os turistas aproveitan os seus valados para sentar á sombra, é poderoso o contraste cos distintos colectores de lixo no frontal da igrexa. Unha proposta interesante que circula por aí é situalos no lateral de acceso ao Campo da Festa e protexelos con paneis de madeira que aminoren o feísmo que estes xeran.

3-O PANEL INFORMATIVO
No seu momento, a Xunta Parroquial construíu unha serie de paneis informativos de carácter veciñal. Un deles está situado na entrada á igrexa e é moi discreto, pois está feito de madeira e metal enferruxado polo que non destaca ante a suntuosidade do valado que circunda o templo. Estoutro que vén de ser intalado sobrepasa en altura o muro e é de cor branca polo que contrasta enormemente coa pedra ouzandesa.

4-O CRUCEIRO LAVADO
No medio e medio do adro está o cruceiro do século XVI que é interesante para mostrarlle aos turistas tanto polo traballado que está como polo bo estado de conservación, esta ansia de protexer o propio xogoulle unha mala pasada a este cruceiro que hai un ano foi lavado con auga a presión perdendo parte da súa esencia.
O panel sobrepasa en altura o muro da igrexa











Os veciños pensan que se utilizará para colar bandos e outros documentos oficiais

Os dous postes de formigón que atopan os turistas cando rodean a igrexa

11 de agosto de 2013

O Mago Toño pechou as Festas Patronais:::

A actuación do MAGO TOÑO supuxo o peche das festas patronais de Ouzande 2013, unha celebración que comezou o pasado venres coa actuación da orquesta Galilea, contra a unha da madrugada a cantante Pili Pampín tomoulles o relevo cunha repertorio de poupurrís de música popular galega, rancheiras ou boleros. Ata Ouzande achegáronse os seus incondicionais seareiros así como moitas persoas curiosas por ver á televisiva cantante. O bo tempo non só luciu a súa actuación senón que quedou para toda a fin de semana. Xa o sábado, día de San Lourenzo houbo festa con dous dúos; DISEÑO e MAREA, o primeiro foi o encargado de animar a sesión vermouth. A verbena estivo menos concurrida a pesar das temperaturas agradables da estrelada noite de San Lourenzo. Hoxe domingo durante a mañá confeccionouse unha alfombra floral no adro da igrexa, ao pé do centenario cruceiro. Os ecos da música da charanga OS ATREVIDOS fixéronse sentir por toda a aldea grazas ao pasarrúas matutino. Coa procesión do Santísimo Sacramento desfíxose a obra floral e comezou a sesión vermouth animada pola mencionada charanga. Ás sete e media da tarde o público ateigaba o Campo da Festa, mesmo quedando de pé para ver a actuación do MAGO TOÑO. Xa era a terceira vez que actuaba na parroquia polo que veciños e amigos do artista estradense non faltaron á cita. Foi un espectáculo dirixido a todos os públicos pero no que tiveron moito protagonismo os moitos nenos que interactuaron co mago. 
As citas festivas continúan a vindeira semana coa festa UNHA NOITE NO MUÍÑO que será o sábado 17 no Muíño do Rubio.
Unhas 150 persoas seguiron o espectáculo do Mago Toño


Pili Pampín deu un concerto cheo de música popular, boleros e rancheiras

O público seguir de preto a actuación da orquestra Galilea e da televisiva Pili Pampín

A alfombra floral ao pé do cruceiro foi a grande novidade e atracción deste ano

8 de agosto de 2013

Ouzande apura os últimos preparativos para o San Lourenzo 2013:::

programa festivo

 Hoxe comezan as festas patronais de Ouzande coa actuación de Pili Pampín e a orquestra Galilea, pero en Ouzande os preparativos apúranse ata o último momento. No Campo da Festa xa está montada parte da infraestrutura que acollerá estes tres días de festexos, durante o día quedará todo listo. As pistas da parroquia están tamén estes días cambiando de aspecto logo da chegada de varios tractores que se afanan por deixar limpas de maleza as beiravías, unha necesidade moi demandada pola veciñanza nos últimos meses. De cara ao domingo tamén se está a preparar unha alfombra floral posto que é o día do Santísimo Sacramento e habitualmente faise a procesión con distintos elementos vexetais, pero hogano haberá unha completa alfombra floral que xa está deseñada e que se montará durante a mañá. A Fervenza de Ouzande organiza para o domingo a actuación do Mago Toño, polo que tamén utliman algúns aspectos organizativos en relación a esta actividade.


Limpeza nunha pista do Tallo

Este ano a novidade será unha alfombra floral


6 de agosto de 2013

Atracan o Cash Froiz e maila gasolineira de Liñares:::

O pasado venres día 2 de agosto, o almacén de venda ao por maior ubicado ao pé da EP-7001 (A Estrada-Forcarei) entre o Cano Sifón e O Zarabeto sufriu un atraco a punta de pistola. Os feitos aconteceron sobre as nove do serán cando tres individuos entraron no citado local con pasamontañas e armados con pistolas e coitelos. Obrigaron ao empregado que naquela hora estaba no establecemento a entregar o diñeiro dispoñible e mailas chaves do seu coche particular. Este accedeu ás indicacións dos atracadores e non houbo que lamentar consecuencias maiores.  Os atracadores abandonaron o lugar no coche roubado, que foi encontrado horas máis tardes en Figueiroa, na zona do Cemiterio Municipal. Desde a empresa de distribución alimentaria recoñeceron o feito pero non lle quixeron dar maior importancia para evitar darlle publicidade. Así mesmo, o empregado afectado cursou a correspondente denuncia. Non se sabe a canto ascende a cantidade de diñeiro roubado. Lamentablemente este non é un feito aillado, pois na madrugada do pasado mércores tamén foi asaltada a gasolineira ubicada na parroquia de Lagartóns, desta vez con importantes danos no local. Non se sabe se existe relación entre os dous sucesos e as forzas de seguridade manteñen aberta unha investigación para esclarecer estes feitos tan graves.
Nave de Distribuciones Froiz S.A. na EP-7001 nos lindes entre Ouzande e Guimarei


2 de agosto de 2013

Ouzande ultima os preparativos das festas patronais:::

 O vindeiro venres día 9 de agosto ás 10 da noite comezan as actividades das festas patronais de Ouzande cunha verbena amenizada pola orquesta estradense GALILEA que presentará o seu espectáculo Galilea 2013. Ao escenario tamén subirá a cantante Pili Pampín que este ano celebra o seu 22 aniversario como cantante. María del Pilar Villar Rivas tomou xa desde o inicio este nome artístico en referencia ao Restaurante Pampín  que seu pai rexentaba na vila de Padrón. Nos seus últimos discos deu un xiro a pezas do repertorio tradicional e cara ás rancheiras. Unha das súas últimas fazañas ante o público foi nun programa da TVG chamado "O Clan dos Impostores" onde tivo que desempeñar distintos oficios.
Agárdase que a verbena do venres atraia a moita xente, para o cal a Polbeiría Porta instalará un carro no Campo onde se servirá o típico polbo e churrasco.

O sábado día 10 a festa comeza á unha do mediodía cos actos relixiosos en honra ao patrón da parroquia, San Lourenzo. A seguir a sesión vermouth estará amenizada polo DÚO DISEÑO. Pola tarde a festa xa se traslada ás casas particulares e pola noite está programado que o DÚO DISEÑO e mailo DÚO MAREA amenicen a velada.
A festa do domingo día 11 está dedicada ao Santísimo Sacramento e os actos relixiosos son á unha e media. Durante a mañá a CHARANGA OS ATREVIDOS fará un pasarrúas pola aldea, animando á veciñanza a achegarse á sesión vermouth. A festa non dá tregua e pola tarde actuará o MAGO TOÑO, cunha función dirixida a todos os públicos. O Mago Toño xa é coñecido en Ouzande logo de ter actuado en varias ocasións, unha das características deste artista estradense é que non hai dous espectáculos iguais, así como que non deixa de sorprender ao público con xogos e ilusión. O humor é o outro ingrediente polo que é ben recibido en Ouzande tal e como se puido comprobar nas actuacións anteriores.