31 de decembro de 2013

Especial "RESUMO INFORMATIVO`13":::







Fin de ano en Ouzande: todo preparado para recibir o 2014 no Campo da Festa:::

Ouzande recibe esta madrugada o ano novo no Campo da Festa. Xa está todo listo para a tradicional toma de uvas ao son das badaladas da igrexa, para o primeiro brinde da noite e para a festa con DJ que a asociación cultural A Fervenza de Ouzande organiza coma todos os anos.
As badaladas do anonovo soarán a partir da 01:00h, deixando polo tanto tempo para que a veciñanza faga o mesmo ás 00:00h en familia. A partir de aí o espectáculo continúa no local social onde se brindará polo novo ano entre veciños. A organización ten previsto convidar a chocolate con churros na parte final da festa.

Así foi a festa de fin de ano de 2012:::

25 de decembro de 2013

Así foron as festas do Socorro de 1959:::

En 1959 celebráronse as festas do Socorro os días 13 e 14 de setembro. Grazas á aportación dun veciño, volvemos colgar o programa das festas daquel ano, desta volta para exercitar a memoria. Segundo reza neste cartel a novena comezara a día 4 de setembro e rematou o 12. A Banda de Música "Lira de Camanzo" fixo entrada na parroquia ás 10 do día 12, dedicado á Virxe do Carme. Na verbena fíxose acompañar por "Termas de Cuntis". O domingo aparecía coa mesma programación e a presencia dunha nova formación musical sen determinar o nome.

Camiñata para desafiar aos polvoróns e ao mal tempo:::

O temporal que estes días azouta Galicia non foi excusa para que A Fervenza de Ouzande levase adiante a súa andaina de Nadal. Unha ducia de camiñantes presentouse ás 10.30h desta mañá diante da igrexa parroquial dispostos a desafiar os excesos de Noiteboa e a ameaza de chuvia e sarabia. Fixeron un total de 9 km polo Monte de Ouzande e varias carballeiras da Somoza para regresar sobre a unha do mediodía. Durante o traxecto si tiveron a visita da sarabia e da chuvia pero por moi pequenos anacos de tempo polo que puideron concluir a marcha sen problemas. A única incidencia destacable foi que tralo paso do temporal Dirk, o grupo tivo que sortear algunha que outra árbore que aínda quedaba guindada no medio do camiño.







24 de decembro de 2013

A Fervenza de Ouzande mantén a "Feliz Ruta de Nadal" pese ao mal tempo:::


A IV Feliz Ruta de Nadal que organiza A Fervenza de Ouzande vai estar un pouco pasada por auga, ao igual que o foi a do ano pasado, aínda así veñen de matizar desde a organización que se mantén a proposta a pesar do mal tempo. Segundo informa Meteogalicia, durante o tempo da ruta poderá haber precipitacións pero os efectos do temporal Dirk xa remitirán esta mesma tarde, tamén nos alertan de que de cara á fin de semana volverá o mal tempo. 
A ruta sairá mañá ás 10.30h da igrexa parroquial e percorrerá distintas paraxes de Ouzande, A Somoza e Ferreiros (en Arcos de Furcos-Cuntis) Son 10 quilómetros, polo que se considera de dificultade baixa. A hora prevista de chegada son as 13:30h.
O temporal Dirk, que remite esta mesma tarde, deixou numerosas incidencias na parroquia, pola mañá boa parte de Alemparte estaba sen subministración eléctrica, tamén houbo problemas en varias pistas pola caída de pólas e algún que outro problema doméstico de menor importancia. O Campo da Festa amenceu cos acivros no chan. Na Estrada o tellado dunha nave comercial foi levado polo vento, ao igual que o Local Social do Outeiro en Guimarei que perdou a cuberta, causando numerosos danos materiais.
Acivros arrasados

Agunhas pólas de carballo caídas na zona do Formigueiro
Un canizo de millo que foi derrubado pola forza do vento.

O temporal "Dirk" arrasa o local social de Guimarei:::

O temporal Dirk que esta madrugada atravesou Galicia deixando numerosas incidencias, arrasou o local social da veciña parroquia de Guimarei. As planchas da cuberta que foran instaladas hai tres anos foron voando cara ás propiedades veciñas, deixando ao descuberto o local, desprotexido ante a insistente choiva da madrugada. Arestora valóranse os danos nos enseres que alí había; ordenadores, útiles dun curso de cociña, mobiliario, atrezzo de teatro... Os labores de reposición da cuberta do local non permitirán que este centro cultural volva albergar actividade por uns meses.









Paralizan as obras da beirarrúa durante as festas do Nadal:::

A empresa que executa a obra de construción da beirarrúa entre O Tallo e a igrexa vén de paralizar os traballos con motivo das festas do Nadal. Nas últimas xornadas apuraron estes labores, traballando mesmo durante a madrugada do pasado venres e o sábado todo o día. O prazo de execución estipulado inicialmente para a obra é de tres meses polo que nun prazo de 60 días poderá estar rematada na súa totalidade a beirarrúa.
Segundo o proxecto asinado polo aparellador municipal Daniel Órrea, a obra contempla rede de pluviais e fecais nos tramos onde se precisa así como de telecomunicacións e electricidade. A beirarrúa ten unha anchura de 1 metro e 80 centímetros, contempla iluminación eléctrica con farolas de 8 metros de altura e a intervención proxectada chega ata a igrexa. O pavimentado estase a executar con formigón proxectado cando no documento inicial se contemplaba baldosa en continuación ás beirarrúas xa existentes. Hai que ter en conta que as obras foran inicialmente orzamentadas en novembro de 2012 polo Concello da Estrada con 500.000€ pero esta cifra foi reducida posteriormente a 150.000€ pola mesma administración encargada da obra.
En canto á senda peonil que se anunciou desde a igrexa e ata a costa da Labrada, aínda non está claro o que se pode facer. Nun principio anunciárase un pequeno tramo de terra pisada ou formigón entre o asfalto da calzada e os foxos de formigón construídos hai uns meses, pero o forte desnivel e o angosto da beiravía fixo necesario repensar esta intervención. Segundo afirmou o alcalde da Estrada ante os medios de comunicación locais a semana pasada, á volta do Nadal -cando se retomen as obras- valorarase se facer unha beirarrúa con bordo ou unha senda ao mesmo ou distinto nivel.
Con motivo destas obras, no último mes procedeuse a trasladar tres acivros adultos desde unha propiedade afectada ata o Campo da Festa e noutra parcela fíxose unha cesión de terreos polo que houbo que construír un novo muro. Veuse afectada a vida diaria da veciñanza e dos usuarios da estrada local, que tiveron que buscar novos lugares para estacionar os seus vehículos ou alternativas de circulación a causa do peche dalgunha pista. A circulación pola estrada de Ouzande foi alternada e sinalizada mediante semáforos de obra, uns semáforos que tamén foron noticia tralo roubo dun deles, o que motivou que Taboada e Ramos tivese denunciar os feitos, repoñer con outro semáforo e aumentar as medidas de seguridade.

Obras do formigonado da beirarrúa.


semáforo reposto

21 de decembro de 2013

O ciclista Álex Marque recibe o apoio dos seus veciños nunha concentración na Praza do Concello da Estrada:::

A Praza do Concello da Estrada foi escenario este mediodía dunha concentración en apoio ao ciclista estradense Álex Marque Porto. 
Logo de traballar durante dez anos no ciclismo profesional portugués da man de distintos equipos como Continental ou Tavira, foi o gañador da primeira etapa da Vuelta a Asturias , terceiro no Campionato español de contrarreloxo e gañou a crono da ronda portuguesa. Hai uns meses coseguiu vestir o maillot amarelo na "Volta a Portugal 2013". De cara ao ano próximo fichou polo equipo español Movistar Team. O 13 de decembro o xornal El País sacou á luz o dato de que deu positivo en betaetasona no control da "Volta" portuguesa. Segundo este periódico, o Movistar Team podería deixar no aire o seu contrato co ciclista, ao que Álex Marque contestou publicamente nunha rolda de prensa informando de que este dato ofrecido polo xornal El País corresponde a un medicamento que tivo que tomar ante unha lesión nun xeonllo, cuestión que non alterou a súa participación na ronda portuguesa, posto que tanto a UCI coma os médicos estaban ao tanto deste dato. 
Polo momento, nin o  Team Movistar se manifestou nin o xornal El País se retractou das súas acusacións. A preocupación por estes feitos está provocando que sexan numerosas as entidades e persoas que apoien a Álex Marque, desde o ciclismo portugués e español, pero sobre todo en Galicia e concretamnete na Estrada, onde xa se artellou unha plataforma de apoio na rede social facebook e onde se convocou a rolda de prensa aclaratoria sobre o suceso.
Foron moitos os veciños, amigos e familiares os que este mediodía se achegaron á Praza do Concello da Estrada para mostrar o seu apoio, leuse un comunicado no que se explicaron os acontecementos e visualizáronse videos de amigos e profesionais do ciclismo que se quixeron unir á concentración desde a distancia. 
Álex Marque (no centro) arroupado por veciños, amigos e familiares


Lectura do manifesto en apoio ao ciclista estradense

A Praza do Concello da Estrada, repleta de xente.


Proxección de videos en apoio a Marque na pantalla da Praza do Concello

17 de decembro de 2013

Arrancan as festas de Nadal en Ouzande:::


En Ouzande xa está todo listo para que chegue o Nadal. A Fervenza de Ouzande organiza unha camiñata na mañá do propio día 25 de decembro e mais unha festa de fin de ano o 31. Na igrexa parroquial loce xa o tradicional Belén.
Desde hai catro anos, A Fervenza de Ouzande ten a ben agasallar a veciños e visitantes cunha gratificante ruta no propio día festivo do Nadal. A cita arrancará ás 10:30h diante da Taberna de Ouzande e ten previsto levar aos natalicios camiñantes por distintos puntos dos montes da parroquia, Ferreiros e A Somoza.
O día 31 de decembro, e para darlle a benvida ao anonovo, A Fervenza de Ouzande, celebra no local social unha festa na que se recrearán as badaladas a partir da 1 da madrugada o primeiro de xaneiro, a seguir baile e chocolate con churros. 
Por outra parte, a igrexa parroquial xa loce o tradicional Belén. Un nacemento que por un lado se asemella á propia parroquia ao estar feito cun regueiro ao medio, muíños, ovellas e que por outra banda presenta os elementos típicos da aldea de Belén; palmeiras, deserto... As celebracións litúrxicas sufrirán modificacións horarias motivadas pola falta de sacerdotes para os oficios.
imaxes da "III Feliz Ruta de Nadal" celebrada en 2012

Imaxes do presepio ouzandés

13 de decembro de 2013

Pesar polo falecemento do sacerdote Don Gonzalo Rodríguez:::

No día de onte produciuse o pasamento de Don Gonzalo Rodríguez Álvarez-Salgado, sacerdote xubilado que estaba a realizar os oficios relixiosos en Ouzande en apoio ao cura párroco Don José Antonio Ortigueira. Nas últimas semanas viña sufrindo problemas de saúde. A capela ardente está instalada no Tanatorio San Pelayo (velatorio 3) e o funeral será mañá sábado ás catro na igrexa parroquial de San Paio da Estrada, a seguir procederase á inhumación no cemiterio municipal da Estrada.

1 de decembro de 2013

Marcha BTT polo Monte da Somoza:::

As parroquias de Ouzande e A Somoza acolleron esta mañá a segunda das rutas en bicicleta todo terreo (BTT) organizadas por Bikestrada para animar ás persoas adultas a gozar do outono sobre dúas rodas. Aínda que as baixas temperaturas non animaban a saír da casa, o desafío comezou ás 10h na entrada da Alameda da Estrada onde se foron concentrando os afeccionados á bicleta de montaña.
A ruta tivo un percorrido de 20 kilómetros, sendo os primeiros de ascenso polo que axudaron a entrar en calor. O esforzo había pagar a pena a medida que se ía pasando polos lugares singulares da ruta; Monte Pedroso, Lagoas de Zoo, vistas panorámicas desde a Pedralba, instalacións de "Monte Cabalar"... O sol foi acompañando aos ciclistas durante a marcha e facendo máis agradable, se cabe, a mañá. Tras bordear o Monte da Somoza, a ruta descendeu cara a Castrorramiro, recreándose por distintos carreiros e camiños desta parroquia. Ás 13h o pelotón facía a súa chegada de novo á Estrada cun bo sabor de boca logo de gozar da bicicleta e das paradisíacas paraxes da contorna estradense.



Sígueme por correo electrónico:::