23 de decembro de 2015

Accidente na estrada de Codeseda, á altura de Tabeirós:::

Un coche particular emborcou onte á tarde na estrada de Codeseda á altura da recta de Tabeirós por motivos que aínda non trascenderon. A pesar da aparatosidade do accidente, a única ocupante do vehículo saiu ilesa, circulaba en dirección á Estrada e saiu da vía emborcando. o coche quedou coas rodas para arriba ocupando os dous carrís de subida. A Garda Civil e a Policía Local achegáronse para auxiliar á condutora e reconducir o tráfico.

Entran a roubar no Matadoiro Comarcal:::

Catro persoas foron pilladas in fraganti pola Policía Local da Estrada cando tian accedido de xeito irregular ás intalacións do Matadoiro Comarcal da Estrada na tarde do pasado luns 21. Segundo as primeiras informacións relativas a este suceso, dous dos catro sospeitosos foron detidos (J.J.B. e D.S.F.) e pasaron a disposición do xuíz no Xulgado de Instrución Número 2 da Estrada, comparecendo na mañá de onte e quedando en liberdade, aínda que terán que volver comparecer ante o xuíz cada 15 días. Segundo se puido saber, un deles é veciño de Santiago de Compostela e o outro de Melide e, posiblemente, pretenderan roubar cobre nas instalacións. Os outros dous sospeitosos déronse á fuga. Foi unha patrulla que pasaba polo lugar quen se percatou de que o portal de acceso estaba forzado e que había un vehículo dentro do recinto. Cabe recordar que as instalacións do Matadoiro están sen actividade desde o mes de xullo, polo que a Policía Local estableceu un protocolo de vixilancia para evitar este tipo de situacións.

NOTICIAS RELACIONADAS

22 de decembro de 2015

Celebrar o Nadal dun xeito moi especial::::

Camiñar e falar, esa é a proposta para a celebración do Nadal da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, a cita é o  próximo venres 25 de decembro,e é xa a sexta edición desta actividade.
Na mesma propóñennos facer Roteiro dos Montes da Somoza e Ferreiros. Para participar chega con estar á hora marcada no punto de saída, posto que é gratuíta e non precisa preinscrición. A hora marcada para a saída é ás 10:15, diante da igrexa de Ouzande, mentres que a chegada está prevista sobre as 13:15 ao mesmo sitio. Serán uns 11 km polo que aínda sendo de dificultade baixa-media, recomendan levar calzado axeitado e roupa adecuada.
Segundo informa a Fervenza de Ouzande, só suspenderán a actividade en caso de condicións moi adversas e condan a participar a todo o mundo, facendo gala dos lugares fermosos do noso entorno que se han visitar: Aldea de Ferreiros, Congostra dos lobos, antigas sendas, Fervenza e muíños de Ouzande, masas de bosque autóctono con abundantes carballeiras, castiñeiros, acivros, e vexetación de ribeira,
Video do PORTAL DE NOTICIAS sobre a IV ruta celebrada en 2013:
NOTICIAS RELACIONADAS:

Os resultados do 20-D na Estrada:::

O concello da Estrada valora arestora os resultados electorais do pasado domingo. A xornada transcorreu sen incidencias salientables, a pesar de que as parroquias de Oca e Ribela perderon as súas mesas electorais e tiveron que desprazarse a Arnois e Codeseda, respectivamente.
As cifras globais falan dunha maioría tímida do PP na  maior parte das mesas (5.712 fronte aos7,764 votos de 2011), unha perda considerable de votos por parte do BNG que acodía a esta cita co nome de Nós (665 fronte aos 1.511 votos de 2011) O PSOE tamén perdeu votos desde os 3.342 que sacara en 2011, agora logrou 2.953. Ciudadanos estréase na roda de cores con 836, así coma EN MAREA que atosoura moi bos resultados (2.421) para ser a primeira convocatoria de eleccións estatais ás que se presenta.
Por mesas, as do casco urbano quedan do seguinte xeito: PP-2.058, PSOE-1126, NÓS-301, EN MAREA-1.407, CIUDADANOS-474. Na parroquia de Tabeirós foi o PSOE o que sacou maior proporción de votos, superando ao PP en tres (PP-122 PSOE-125 NÓS-17 EN MAREA-65 CIUDADANOS-11) A parroquia de Ouzande presenta os seguintes datos: PP-125 PSOE-46 NÓS-9 EN MAREA-47 CIUDADANOS-12. Cabe destacar que o PSOE  se mantén igual que en 2011, aínda que o PP perdeu 31 votos e o BNG 23. En Guimarei maioría para o PP (PP-115 PSOE-64 NÓS-17 EN MAREA-45 CIUDADANOS-16) En Lagartóns a táboa de cores queda así: PP-76 PSOE-48 NÓS-10 EN MAREA-40 CIUDADANOS-14. Callobre tén os seguintes resultados: PP-121 PSOE-58 NÓS-8 EN MAREA-51 CIUDADANOS-13.

NOTICIAS RELACIONADAS:






Teatro para despedir o outono en Ouzande:::

O pasado domingo, día 13 de decembro, o Local Social de Ouzande fíxose pequeno para acoller a última proposta da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande de cara á programación cultural do outono. Esta iniciativa contou coa colaboración do grupo de teatro Andaravía de Vedra, que trouxo á parroquia ouzandesa a súa peza infantil "Brinca Contos". A parte baixa do local abría as súas portas ás 18h reconvertida nun teatro e que había albergar unha obra de algo menos de 1h de duración. Cun interesante xogo de luces e unha posta en escena impresionante, destacou o vestiario que sorpendeu ao público, así como o efecto provocado nos asistentes que mesmo pasaron medo ao ver as "bruxas" de Brinca Contos, pero a cousa non foi para tanto e as disputas entre as dúas protagonistas habían chegar a bo trato grazas a outros personaxes que mesmo contaron contos cos que rebaixar a tensión no ambiente. Aínda que é unha peza infantil, os adultos tamén gozaron desta proposta escénica grazas ás reflexións sobre a vida e as aprendizaxes relativas á natureza e ao mundo en que vivimos. Con esta exitosa activiade, a Fervenza de Ouzande pechou o programa outonal e xa anunciou unha ruta a pé dentro do período de nadal, que se ha celebrar o vindeiro día 25 de decembro.








Callobre a ritmo de "Folk de Raíz":::

Cada segundo sábado de mes a vella escola de Callobre convértese nunha catedral do folclore e da festa da man da Asociación Cultural Regatos. A iniciativa pretende levar aos meses do inverno a intensidade da música da que tanto se pode gozar no verán a través dos festivais organizados nas distintas parroquias do municipio. 
A última cita foi o pasado sábado 12 de decembro e contou co apoio da gastronomía pois ofrecéronse callos e tortilla aos asistentes. A festa marcárona tres formacións ben diferentes. Por unha banda, e procedentes de Ponte Caldelas, a chaganga Airiños da Fracha fixo as delícias dos asistentes, elevando o nivel festivo ao máximo. A seguir, os veciños de Ouzande, reunidos baixo o nome de Recanto, botáronse a cantar, ofrecendo unha actuación memorable. Esta agrupación reúnese todos os sábados no local social de Ouzande nunhas clases de canto moi especiais, posto que xuntan a boa parte da veciñanza cos cantos tradicionais como interese común. Tamén se deixaron acompañar por músicos doutras disciplinas das escolas de música tradicional da parroquia. Na festa non podían faltar os acordes dos veciños de Callobre que se uniron en comuñón á impresionante romaría tradicional do pasado 12 de decembro. 
 A vindeira cita toca para o 9 de xaneiro, agardando a que "Folk de Raíz" faga público o anuncio e dea o nome dos artistas convidados.






10 de decembro de 2015

Este domingo, teatro con Brinca Contos en Ouzande:::

O vindeiro domingo, 13 de decembro, ás 18 horas a Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande ofrecerá unha actividade teatral gratuíta para todas as idades. Con esta inicitiva pechan a programación cultural do outono.
A obra teatral titúlase Brinca Contos, unha proposta dos vedrenses Andaravía Teatro, aínda que está pensada para o público infantil, tamén é apta para adultos. A actuación será no Local Social de Ouzande e a entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo. 
O espectáculo convídanos a brincar no mundo dos contos para achegármonos a acontecementos máxicos e misteriosos. Meigas que pelexan pola fórmula secreta das beberaxes, Miñocas inxenuas, vellos grilos e formigas obreiras que queren arranxar o que lle pasa ao sol... 

NOTICIAS RELACIONADAS:

Andaravía Teatro estreou dúas novas pezas esta fin de semana:::

Cartel da actividade
A obra será este domingo ás 18h no Local Social de Ouzande

Airiños da Fracha e Recanto este sábado nas "Noites de Raíz":::

Callobre acolle este sábado día 12 unha nova edición das "Noites de Raíz". A organización tén prevista ademais a degustación de Callos e tortilla. A festa comezará coa charanga de música tradicional de Ponte Caldelas, Airiños da Fracha. A seguir os ouzandeses Recanto ofrecerán un concerto. Esta última formación local está formada por veciños e veciñas que participan nas clases de música tradicional da Fervenza de Ouzande. Nos últimos tempos están a actuar en numerosos festivais, de feito veñen de actuar a semana pasada na Nave de Vidán en Santiago de Compostela.
Con esta actividade, a asociación Folk de Raíz continúa co seu plan de inverno que consiste en ofrecer un serán mensual para gozar coa música tradicional todo o ano.
Airiños da Fracha

Recanto na Nave de Vidán o pasado venres 4 de decembro

1 de decembro de 2015

Estrean a obra "Teimas" no Teatro Principal da Estrada:::

O vindeiro sábado 5 de decembro ás 21h e no Teatro Principal, DISFUNCIÓN CONTINUA TEATRO estreará na vila da Estrada a súa nova produción "Teimas". Trátase dunha comedia de 80 minutos de duración dirixida por Jouse García. Teimas é a terceira produción desta compañía local de teatro independente e amador. O custe das entradas é de 3 euros e pódense adquirir tanto nas dependencias do Concello da Estrada coma no restaurante "Argentinos Burguer" e na tenda de comercio local "Calzados A Esquina". Tamén se poden adquirir na billeteira do propio teatro antes da función. O elenco desta produción está composta por 7 actores e actrices do municipio: María Porto, Clara Iglesias, Nati Carbajal, Bea del Río, Guille Pose, Gonzalo Valcárcel (da Esquina) e Manu Rosende. A obra narra o encontro dunha serie de pacientes que acoden á consulta do Doutor Teixeiro. A conversa entre os pacientes que agardan polo afamado doutor derivará nunha tola interacción chea de humor coa que máis de un se ha sentir identificado. Esta é xa a terceira obra producida pola compañía local que comezou a súa andaina con "Cóncavo Convexo" e que experimentou un éxito substancial coa obra "Eran outros tempos, ou non?" tal é así que continúa en cartel. "Teimas" foi estreada en Palas de Reis e representada no festival "Cotomanguelo" de teatro así coma na localidade trasdezana de Ponte. Trala estrea na Estrada, Disfunción Continua levará o nome do municipio por distintos puntos de Galicia con novas funcións.