5 de maio de 2023

OUZANDE VOLVE DE EXCURSIÓN:::

A Fervenza de Ouzande volve organizar as súas carismáticas excursións que estiveran conxeladas durante a pandemia. A inscrición xa está aberta e hai prazas limitadas polo que as persoas interesadas aínda están a tempo de conseguir ocupar unha delas.

As persoas socias gozan dun desconto e só pagan 15€ (menosres de idade 10€) As persoas non socias tamén poden participar pagando un plus de 5€. A inscrición é na taberna de Ouzande á que se pode chamar ao 986 57 02 85 ou enviando un correo electrónico á asociación: carreirosouzande@gmail.com.

A ruta arranca de Ouzande en autobús o domingo 14 de maio ás 9 da mañá e parte cara o recanto máis ao suroeste de Galicia visitando as localidades de Baiona, Oia e maila Guarda.

En Baiona haberá tempo de lecer e visita a esta localidade, considerada a vila mariñeira mellor apreciada polos turistas que visitan Galicia, tralo paseo polo seu casco histórico realizarase unha das rutas máis destacadas da costa galega; o tramo Baiona-Oia fronte o mar aberto.

En Santa María de Oia realizarase unha visita guiada ao seu Mosteiro e darase un paseo pola aldea, cadrando cos peregrinos que realizan a ruta mariñeira.

O xantar será ao pé do Río Tamuxe, no Rosal e a tarde estará dedicada á vila mariñeira da Guarda, cunha visita guiada e tempo libre. Antes de poñer rumbo de volta pasearase polo porto, con posibilidade de acceder ao museo do mar ou subir ao emblemático Monte de Santa Trega.

 


 



Ouzande volve andar:::

Andar e falar é o lema das rutas de Ouzande, son máis de 50 as realizadas até o momento e a pandemia provocou un parón nesta iniciativa da Fervenza de Ouzande. Pero o pasado luns día 1 de maio, Ouzande volveu camiñar. A convocotaria foi no adro da igrexa ás 10 e acudiron unhas 30 persoas tanto da parroquia como da Estrada e outras localidades veciñas. O bo tempo acompañou durante toda a mañá na que se visitaron os principais elementos de interese dos montes de Ouzande e A Somoza. O regreso foi sobre a 1 do mediodía con cansanzo polos 10 km percorridos pero coa alma chea de natureza e conversas.





 

verbena coa orquesta Panorama, esta noite en Ouzande:::

Ouzande retoma esta noite o seu ciclo festivo cunha verbena. Será a partir das 22:30 e coa actuación da orquestra Panorama. Paralelamente haberá a actuación dunha discoteca móbil e servizo de polbeiría. O evento é o preámbulo ás festas da parroquia que se celebran en xuño (Santo Antonio), agosto (patronais) e setembro (romaría do Socorro)



23 de maio de 2022

Verbena este venres en Ouzande coa orquestra "El Combo Dominicano":::


Tralo parón motivado pola pandemia, Ouzande énchese de watios e luces este venres 27 de maio. Trátase dunha verbena organizada pola Xunta Parroquial e que levará ao Campo da Festa de Ouzande unha discoteca móbil e a orquesta El Combo Dominicano. A cita festiva comezará ás 20h e contará cunha polbeiría e, en caso de mal tempo, cunha gran carpa. 
As vindeiras festividades son o Santo Antonio, as festas patronais de agosto e a romaría do Socorro que viñan de non ser celebradas  nos últimos anos a causa das restricións sanitarias. 

5 de marzo de 2022

As "mulleres valentes" de Rosa de Cabanas expostas na Casa das Letras da Estrada ata o 18 de marzo:::

A Casa das Letras da Estrada acolleu o pasado venres 4 de marzo a inauguración da Exposición “Mulleres Valentes” creada pola ouzandesa Rosa Herraiz, máis coñecida como Rosa de Cabanas. Trátase dunha mostra de 52 retratos femininos que recollen a imaxe de mulleres que por un motivo ou polo outro se poden calificar de “valentes”, ou o que é o mesmo, a exposición pon rostro a 52 mulleres silenciadas e que aportaron á sociedade desde a ciencia, a cultura, o activismo social e político, o laboral... A autora non estivo soa, senón que moi acompañada polo numeroso público que se achegou ao antigo colexio “José Antonio”, hoxe Casa das Letras.

O acto estivo presentado por Lueiro, quen deu paso á autora quen agradeceu a colaboración das distintas persoas que axudaron a que esta exhibición vise a luz, como Casal de Creación na enmarcación, ou aos colaboradores na montaxe, así como ás persoas que mediante as redes sociais fixeron as súas suxestións e animaron a Rosa no seu traballo. A continuación a especialista en historia da arte, Carmela Sánchez Aríns, expuxo unha visión da mostra desde unha perspectiva técnica e entrevistou á creadora, dando máis información de todo o proceso. Finalmente o Concelleiro de Cultura agradeceu á creadora por esta contribución á actividade cultural local; está inserida dentro da programación de celebración do 75 aniversario do Teatro Principal da Estrada.

A mostra xurdiu coma un reto persoal no que Rosa pretendía visibilizar rostros de mulleres importantes na historia local, galega e internacional ao tempo que afondaba en novas técnicas creativas, todas elas co fío condutor do retrato. Para que fose reto de verdade propúxose sacar unha imaxe nova cada semana, de aí que haxa 52 retratos. A enmarcación de alta calidade contribúe a darlle aínda máis valor ao traballo final.

O traballo compleméntase cunha mesa de creación onde se poden ver os bosquexos dalgunhas das obras e con visitas dos centros escolares da contorna, así cun material didáctico sobre o empoderamento da muller para que o alumnado poida traballar nas aulas e aprender máis destas figuras.

A colección das 52 “mulleres valentes” pode ser visitada na Casa das Letras desde agora e até o 18 de marzo, en horario de 9.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.30 horas de luns a venres e mailos sábados de 10.00 a 13.00. Unha boa maneira de celebrar o día internacional da muller traballadora que se estende a boa parte do mes.

 





 


 

31 de decembro de 2020

Pecha o ano cun importante repunte de casos de coronavirus:::

 2020 será recordado coma o annus horribilis no que contabilizaron 7 falecementos e 338 infectados pola Covid. Nos últimos días volvérase a ter 0 casos activos, pero arestora os casos superan a cifra de 40 persoas infetadas no municipio estradense. Especúlase cun novo peche perimetral para a próxima semana.

Ouzande conta con algúns casos activos controlados, pero preocupan un gromo procedente de Cuntis con 7 casos activos, e o caso de Agar, no que un caso se propagou exponencialmente xerando máis de 20 casos activos.

Desde o centro médico estradense xa se fala dunha terceira vaga, destaca o seu intenso labor que xa conseguiu frear a expansión do virus na zona en varias ocasións. Actualmente contabilízanse dúas persoas do ámbito sanitario contaxiadas no seu labor profesional.

Na reunión do comité técnico da próxima semana establecerán que municipios entran ou saen de situacións de emerxencia e as medidas a aplicar, pero as cifras son claras e apuntana a que A Estrada camiña cara a un novo peche perimetral.

Ante este escenario só queda unha saída; extremar as precaucións evitando o contacto social e, cando non sexa posible, airear ben as estancias, usar sempre a máscara, manter a maior distancia social posible e lavar ou hixienizar as mans con alcol.

28 de maio de 2020

Nova traxedia en Ouzande: falece un veciño cando realizaba labores agrícolas na súa leira:::

Semana negra en Ouzande; distintas forzas de seguridade e servizos médicos de emerxencias acodían á parroquia para atender un veciño octoxenario que se indispuxo na parcela na que traballaba, só puideron certificar o seu falecemento, ao parecer por causas naturais. 
Ouzande xa estaba de loito polo pasamento en circunstancias tráxicas doutro veciño de 50 anos na noite do pasado domingo. 
O noso máis sentido pésame á familia.

Noticia relacionada; "TRÁXICO SUCESO EN MATALOBOS"