Amosando publicacións coa etiqueta Ouzande. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ouzande. Amosar todas as publicacións

28 de maio de 2020

Nova traxedia en Ouzande: falece un veciño cando realizaba labores agrícolas na súa leira:::

Semana negra en Ouzande; distintas forzas de seguridade e servizos médicos de emerxencias acodían á parroquia para atender un veciño octoxenario que se indispuxo na parcela na que traballaba, só puideron certificar o seu falecemento, ao parecer por causas naturais. 
Ouzande xa estaba de loito polo pasamento en circunstancias tráxicas doutro veciño de 50 anos na noite do pasado domingo. 
O noso máis sentido pésame á familia.

Noticia relacionada; "TRÁXICO SUCESO EN MATALOBOS"


27 de maio de 2020

Ouzande cancela todas as súas festas de verán:::

A Comisión de Festas anunciou durante o confinamento a suspensión de todos os actos festivos desde xuño até setembro en resposta á crise do Coronavirus. Cancelaron tamén o cobro das cotas aos veciños.
2020 será recordado coma o ano da COVID-19 e en Ouzande pasará á historia coma o ano da cancelación de toda actividade social desde o pasado mes de marzo. As primeiras afectadas foron as clases de música tradicional, A Fervenza de Ouzande anunciara a súa suspensión canda a supresion das clases da formación regrada. A actividade cultural da primavera en Ouzande estivo confinada e agora os grandes días de sol son días de desescalada por fases nos que non ten lugar a actividade social ligada ás festas parroquiais.
En total son tres datas festivas as que se deixarán de celebrar; en xuño o Santo Antonio coas súa tradicional sardiñada, en agosto as festas patronais na honra de San Lourenzo patrono de Ouzande e en setembro a tradicional Romaría do Socorro.
A comisión festiva composta pola Xunta Parroquial así o anunciou hai días canda a supresión dos cobros das cotas festivas que habitualmente se realizaban no adro da igrexa nos propios días das festas.

imaxes de arquivo


26 de decembro de 2019

O PORTAL DE NOTICIAS CUMPRE 10 ANOS:::

En novembro de 2009 botaba a andar O PORTAL DE NOTICIAS, facendo desta volta 10 anos de información local, centrada na parroquia de Ouzande e área de influencia. Nesta década cambiou o nome, que orixinariamente foi Portal de Ouzande pero tamén a estética e as temáticas a tratar. Sendo unha iniciativa totalmente altruísta mantense debido aos altos índices de audiencia que posicionan moitas das súas publicacións por riba das 1000 visualizacións e non só en Ouzande e área de influencia, senón que O PORTAL é seguido en numerosos países, principalmente por persoas vinculadas con este territorio e que moran lonxe. Curiosidades houbo moitas ao longo destes anos, podéndose destacar os contactos que se realizan desde O Brasil por parte de persoas que pensan que é un medio dixital dese país pola proximidade da lingua. Tamén cabe destacar que a páxina de facebook deste medio ten milleiros de seguidores que interaccionan para dar aviso de noticias ou presentar queixas ante circustancias próximas que non ven atendidas. O PORTAL leva 10 anos atendendo esas necesidades de comunicación así como ofrecendo inormación ante a gran demanda de noticias do ámbito local. 

Desde O PORTAL DE NOTICIAS queremos aproveitar este aniversario para darllelas grazas a todas as persoas que levan colaborado connosco neste tempo, sobre todo mediante a lectura das distintas noticias redactadas para un público tan concreto. E aproveitamos a ocasión para desexarlle todos os lectores un feliz anonovo 2020. 


A Fervenza de Ouzande reune unha vintena de persoas na súa tradicional Ruta de Nadal:::

O pasado mércores 25 de decembro, día de Nadal, A Fervenza de Ouzande foi fiel á súa cita cos montes de Ouzande e A Somoza, dándolle vida aos inundados camiños destas dúas parroquias estradenses. A marcha arrancou ás 10.15h diante da igrexa románica desta parroquia e desde onde partiu o paseo de 9km polos lugares máis salientables destas dúas freguesías da Estrada. As distintas "dificultades" que se foron encontrando os sendeiristas por causa das intensas chuvias dos últimos meses fixeron máis interesante a camiñada pois implicou agudizar o enxeño para poder atravesar ante árbores caídas ou camiños anegados. O público deleitouse coas fermosas carballeiras en inverno, cos Muíños da Fervenza de Ouzande ou co Rego das Rans, lugar enigmático onde nace o regueiro de Ouzande. A Fervenza ouzandesa bifurcada a causa do grande caudal tamén se fixo foco das cámaras de fotos pola fermosura non só da natureza, senón polo día de sol e de temperaturas case primaverais. Durante o percorrido, socios desta asociación, foron guiando aos visitantes pola historia do propio monte ou da recuperación que A Fervenza tén feito do entorno dos muíños así coma dos seus accesos, recordando que todos os veráns e de xeito altruísta, un grupo de socios se reúne con fouciños e desbrozadoras para limpar este paraíso cercano. 






Festa fin de ano da Escola de Música Tradicional de Ouzande:::

Profesorado e alumnado da Escola de Música Tradicional da Fervenza de Ouzande despediron o ano cunha cea de Nadal o pasado 13 de decembro no Restaurante O Xarro. Como xa vén sendo tradicional, a boa mesa e a mellor sobremesa estivo regada por boa música e mellor baile. As clases de pandeireta, baile, gaita, percusión, voz... reunen cada sábado no local social de Ouzande a centos de persoas desexosas de aprender máis das súas especialidades e xa xeraron, sen ser o seu obxectivo inicial, dous grupos de música; Retrouso e Recanto. 





17 de setembro de 2019

OUZANDE celebra o incio das clases de música tradicional cun concerto de Invernía...

Será este sábado día 21 de setembro ás 21.30h no Campo da Festa de Ouzande e con el darán o pistoletazo de saída ás múltiples disciplinas musicais que cada sábado reúnen a centos de persoas neste mesmo lugar para aprender desde a bailar puntos de xota ou muñeira ata a converter o aire en música de gaita. 

Nesta velada han informar dos prezos e demais detalles das clases e tamén se fixarán os horarios de PANDEIRETA, BAILE que terán lugar os sábados pola tarde, e das clases de ACORDEÓN, GAITA E TAMBORIL, que se celebrarán os sábados pola mañá. As clases comezarán o PRIMEIRO FIN DE SEMANA DE OUTUBRO. A presentación terá como colofón a actuación da Banda de Gaitas INVERNÍA, da que forman parte os músicos do grupo Retrouso da Fervenza de Ouzande. 

Invernía vén de actuar no Festival Intercéltico de Lorient,  en representación de Galicia. A súa participación vén de colleitar un importante éxito e moi boas críticas. A Banda está formada, ademais dos músicos ouzandeses, por outros das agrupacións: Gaiteiros de Buxantes (Dumbría), Pana Raiada (Compostela) e Sonche Lerias (Vedra). Ao remate do concerto continuarase cunha foliada na que participaran os músicos e alumnos das diferentes clases. Haberá un posto con servizo de bar, bocadillos e empanada para os asistentes. O campo estará cuberto. As persoas interesadas poden informarse ou matricularse en: carreirosouzande@gmail.com facebook.com/afervenza.deouzande

cartel da actividade
Invernía actuando con Susana Seivane en marzo deste ano.

Invernía no Festival Intercéltico de Lorient

cartel das clases de música tradicional d´A Fervenza de Ouzande.

6 de setembro de 2019

Fin de semana festivo en Ouzande:::

 Ouzande despide esta fin de semana a tempada festiva de verán coa romaría do Socorro, desde o xoves 29 de agosto estanse celebrando os actos festivos da novena á Virxe do Socorro e hoxe comeza a festa co grupo Kyoto, mañá misa ás 13.15h e sesión vermú con Orquídea, pola noite esta formación únese a Trío Savoy para amenizar a verbena. Xa no domingo, día grande das festas coa misa ás 13.15h e trala procesión poxa das ofrendas á Virxe. A seguir concerto da Banda de Música Municipal da Estrada que durante a mañá estará facendo pasarrúas pola parroquia.
charanga BB+ 
Grupo Foliada nas festas de agosto


sesión vermouth nas festas patronais de agosto

8 de agosto de 2019

Ouzande desafía á chuvia e celebra esta fin de semana as festas patronais:::

Desde o venres 9 ao domingo 11 de agosto Ouzande está de festa, trátase dos tradicionais festexos na honra do patrón, San Lourenzo, así como ao Santísimo Sacramento.  O venres está prevista a actuación da orquesta FOLIADA da Coruña. O sábado os actos relixiosos na honra de San Lourenzo son ás 13.15h e a continuación procesión co grupo OS XUNCOS e sesión vermú amenizada polo grupo DISEÑO, quen tamén amenizará a sesión verbena a partir das 22h. Xa para rematar, o domingo a misa será a mesma hora, pero dedicada ao Santísimo Sacramento. A animación correrá a cargo da charanga BB+ que fará pasarrúas pola parroquia e que amenizará  a sesión vermú. 
Ouzande despide o domingo as festas ata a fin de semana do 6, 7 e 8 de setembro que se celebrará a Romaría do Socorro.

 imaxes de arquivo, festas de anos anteriores
noite de festa en Ouzande 
procesión Santísimo Sacramento

imaxe de San Lourenzo, patrón da parroquia, na procesión do Socorro.


16 de xuño de 2019

A Escola de Música Tradicional de Ouzande celebra o fin de curso cunha mexilloada:::

A Escola de Música Tradicional da Fervenza de Ouzande celebrou onte o peche do curso 2018/2019 cunha gran festa a base da demostración do bo facer aprendido no curso e co bo sabor do mar da Arousa con mexillóns cocidos fresquiños que os propios socios tiveron a ocasión de colaborar a elaborar. As actuacións comezaron co, grupo de pandeireteiras e cos gaiteiros e percusionistas, pero polo palco pasaron todas as disciplinas; baile, acordeón, canto... ata ben entrada a noitiña. 

As clases de música tradicional celébranse todos os sábados e están abertas a todo o mundo, non teñen a intención de crear grupos de música, senó naprender e pasalo ben coa música. Iso si, co tempo xa saíron destas clases grupos como Recanto ou Retrouso, quen este verán participará no Festival Intercléltico de Lorient con Invernía. Agora comeza un merecido descanso, pero nun par de meses volverán as aulas e a música ao Local Parroquial de Ouzande, as inscricións están abertas.







Ouzande descubre os segredos das comarcas de Mondoñedo e Meira:::

Foi o pasado domingo 9 de xuño cando unha nutrida representación veciñal de Ouzande emprendeu viaxe rumbo ao norte de Lugo para coñecer varias das xoias que atesouran estas terras. Pola mañá foi San Martiño de Mondoñedo, a primitiva sé episcopal que a día de hoxe ofrece tanto esculturas como pinturas murais de grande valor patrimonial, a visita foi guiada e isto axudou moito a comprender mellor a sé catedralícia máis antiga do sur de Europa. A seguir, tralos pasos de Álvaro Cunqueiro, fíxose unha visita ao núcleo urbano da cidade de Mondoñedo, centrada na Casa- Museo do ilustre autor mindoniense. O xantar foi en Meira, no Cabanón que o Concello de Meira tivo a ben dispoñer para poder facer unha comida convivencia entre a veciñanza. Pola tarde, a guía de Meira, Joani, encandilou aos ouzandeses cos misterios e curiosidades da antiga igrexa monacal de Meira e axudou a entender a importancia e arquitectura daquel mosteiro, hoxe reconvertido en igrexa parroquial, casa parroquial e Casa do Concello. A vida monacal deu paso a un momento máxico como foi a visita ao nacemento do Río Miño, en Irimia, unha morrena glacial cargada de lendas e historias que os ouzandeses foron coñecendo ao tempo que descubriron o espectacular Pedregal de Irimia primeiro e a lagoa de Fonmiñá despois. O regreso á casa foi desde este punto do Concello da Pastoriza. A pesar das horas en autobús que supuña esta viaxe, resultou moi satisfactoria e deixou moi bo sabor de boca.

Joani, guía de Meira explicando os segredos do Mosteiro.
Descubrindo a casa de Álvaro Cunqueiro.

xantando no Cabanón.

Obra monumental na porta de Santa María de Meira, ferraxe datada en época medieval.

Santa María de Meira.


Pedregal de Irimia.

4 de xuño de 2019

Prazas libres para a excursión anual de Ouzande:::

Ouzande marcha de excursión, será este domingo, e farao a Mondoñedo e a súa contorna. A Fervenza de Ouzande, organizadora desta emblemática cita anual do colectivo vén de desvelar que queda algunha vacante libre para poder participar nesta actividade, está aberta a socios e non socios, simplemente hai que poñerse en contacto coa asociación mediante o correo electrónico ou facebook ou ben chamando á taberna de Ouzande. 
habitualmente as prazas esgótanse en cuestión de horas, pero desta ocasión aínda é posible anotarse. A excursión anual da Fervenza de Ouzande é unha das actividades máis demandadas e agradecidas e pretende crear un espazo de convivencia veciñal e achegados con xentes doutros puntos de Galicia, así como dar a coñecer territorios da xeografía galega desde unha perspectiva orixinal.
Nesta ocasión realizarán unha visita ao Santuario de San Martiño de Mondoñedo, en Foz e a continuación descubrirán as terras de Álvaro Cunqueiro, Mondoñedo. Sen embargo, o xantar e a tarde serán en Meira, onde coñecerán o seu mosteiro, xantarán e terán a oportunidade de descubrir un dos lugares máis senlleiros de Galicia, o nacemento do Río Miño, coas súas lendas e historias. A saída é o domingo ás 08.30h da mañá diante da igrexa parroquial.

Casa de Álvaro Cunqueiro coa catedral de Mondoñedo en fronte
Nacemento do románico en Galicia en San Martiño de Mondoñedo


Pinturas medievais en San Martiño de Mondoñedo

Fonte de auga santa

Meira

Meira

Sardiñas e charanga para celebrar o Santo Antonio:::

O vindeiro sábado 8 de xuño, a parroquia ouzandesa celebra a festividade de Santo Antonio. E farao a partir das 20.30h que terá lugar unha misa rezada na honra do patrón dos animais no interior do templo parroquial. A igrexa románica de Ouzande será testumuña á finalización dos actos relixiosos dunha festa baseada na degustación de sardiñas. Esta animación estará musicada pola charanga BB+. A festa é gratuíta e con ela a parroquia ouzandesa inicia os festexos de verán que terán continuación en agosto coas festas patronais e rematarán en setembro coa Romaría do Socorro. Nesta ocasión a celebración de Santo Antonio faise en sábado, cando o habitual era en venres. É unha iniciativa organizada pola Xunta Parroquial de Ouzande.



17 de maio de 2019

Ouzande celebra o día das letras cunha nova ruta de sendeirismo:::

Amantes da lingua...e da natureza. Un grupo de 20 persoas respondeu un ano máis ao convite da Fervenza de Ouzande para participar nun roteiro no Día das Letras, xuntáronse ás 9.30h na igrexa de Ouzande e percorreron 12km dos montes de Ouzande e A Somoza para chegar ao Castrorramiro descubrindo patrimonio e natureza, sorpendeu a aldea de Castrorramiro coa súa eira de hórreos pois algúns sendeiristas non a coñecían. Ao regreso houbo libros de agasallo para marchar para a casa cunha boa lectura en lingua galega e así celebrar o orgullo de manter unha lingua viva, de noso.