16 de xuño de 2019

Ouzande descubre os segredos das comarcas de Mondoñedo e Meira:::

Foi o pasado domingo 9 de xuño cando unha nutrida representación veciñal de Ouzande emprendeu viaxe rumbo ao norte de Lugo para coñecer varias das xoias que atesouran estas terras. Pola mañá foi San Martiño de Mondoñedo, a primitiva sé episcopal que a día de hoxe ofrece tanto esculturas como pinturas murais de grande valor patrimonial, a visita foi guiada e isto axudou moito a comprender mellor a sé catedralícia máis antiga do sur de Europa. A seguir, tralos pasos de Álvaro Cunqueiro, fíxose unha visita ao núcleo urbano da cidade de Mondoñedo, centrada na Casa- Museo do ilustre autor mindoniense. O xantar foi en Meira, no Cabanón que o Concello de Meira tivo a ben dispoñer para poder facer unha comida convivencia entre a veciñanza. Pola tarde, a guía de Meira, Joani, encandilou aos ouzandeses cos misterios e curiosidades da antiga igrexa monacal de Meira e axudou a entender a importancia e arquitectura daquel mosteiro, hoxe reconvertido en igrexa parroquial, casa parroquial e Casa do Concello. A vida monacal deu paso a un momento máxico como foi a visita ao nacemento do Río Miño, en Irimia, unha morrena glacial cargada de lendas e historias que os ouzandeses foron coñecendo ao tempo que descubriron o espectacular Pedregal de Irimia primeiro e a lagoa de Fonmiñá despois. O regreso á casa foi desde este punto do Concello da Pastoriza. A pesar das horas en autobús que supuña esta viaxe, resultou moi satisfactoria e deixou moi bo sabor de boca.

Joani, guía de Meira explicando os segredos do Mosteiro.
Descubrindo a casa de Álvaro Cunqueiro.

xantando no Cabanón.

Obra monumental na porta de Santa María de Meira, ferraxe datada en época medieval.

Santa María de Meira.


Pedregal de Irimia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario