24 de novembro de 2015

Homenaxe a Don Olimpio no aniversario do seu pasamento:::

Será mañá, mércores 25 de novembro  e mailo venres 27, da man da  Asociación Cultural Vagalumes. Haberá unha ofrenda floral e mais unha mesa redonda co fin de homenaxear ao insigne promotor cultural da Estrada. A ofrenda floral será mañá ás 18h diante da tumba do homenaxeado. A mesa redonda será o venres ás 20.30h no MOME e nela intervirán Carmela Sánchez, Xosé Fuertes, Heitor Picallo e Xosé Manuel Nogueira. Nel abordardarán o labor de Don Olimpio e debatirán sobre a situación actual da promoción local da cultura.
Desde Vagalumes queren poñer en valor a "defensa e promoción da lingua galega e da cultura en xeral, así como a súa implicación coa Estrada, tanto na súa faceta como investigador coma na promoción do teatro escolar. De feito, ás 13h de hoxe, Vagalumes presentará no Concello da Estrada unha proposta coa que solicita homenaxear anualmente ao ilustre veciño da vila, dando continuidade ao seu labor coa difusión do seu traballo na potenciación do teatro nas escolas do municipio.
Cabe recordar que Don Olimpio foi mestre de varias xeracións de estradenses desde que comezou a impartir docencia na escola de Couso. Estivo á fronte do Museo do Pobo Estradense e levou adiante numerosas investigacións sobre o pasado histórico e cultural da bisbarra. Entre outras, destacan os artigos publicados en xornais locais e posteriormente editados baixo o título Rueiro histórico da vila da Estrada sobre a historia do nomenclator das rúas da capital municipal. O entroido da Ulla foi outro aspecto que tratou de investigar e prestixiar dando charlas e publicando obras sobre os Xenerais. A figura de Waldo Álvarez Insua tamén foi abordada nunha biografia, dando a coñecer este histórico benefactor local.

 Noticia relacionada: PESAR POLO FALECEMENTO DE DON OLIMPIO (25/11/14):::


1 comentario: