Amosando publicacións coa etiqueta sabucedo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta sabucedo. Amosar todas as publicacións

6 de xullo de 2015

Sabucedo acolleu a rapa máis mediática:::

Hoxe remata en Sabucedo unha nova edición da "Rapa". A pesar de que a choiva fixo acto de presenza nalgún momento da fin de semana, iso non foi rémora para que Sabucedo fose a gran protagonista mediática, centos de medios de comunicación, milleiros de fotos e ata a gravación dunha película se mesturaron con campistas, aloitadores e curiosos. Desde 2007 está declarada como festa de interese turístico internacional e aínda que a atención se centra nos tres curros que se celebran nos distintos días da festa, a rapa ten moitas outras aristas que converteron a Sabucedo na capital mediática da fin de semana; o director cinematográfico, Ignacio Vilar, asentouse na localidade co seu equipo para facer as gravacións dos sons dalgúnhas escenas do seu novo proxecto, un filme ambientado na Costa da Morte. Os campistas abarrrotaron a Carballeira do Medio e estendéronse por toda a área próxima á parroquia para festexar ao seu xeito esta festa tan enraizada na natureza. Os verdadeiros protagonistas, os aloitadores, subiron ao monte xuntar as bestas e protagonizaron os momentos máis fotografados, a propia rapa que consiste no corte de crins das bestas. Hoxe rematou a festa coa rapa infantil, unha "ampliación" da rapa que permite que os máis pequenos coñezan esta festa ancestral sen os agobios da fin de semana.

Cabalos entrando no curro.


Rapa infantil




15 de setembro de 2014

Bikestrada celebrou a XIII Rapa das Bestas BTT:::

Saída na Praza do Concello
Bikestrada celebrou o pasado sábado 13 de setembro a XIII edición da ruta Rapa das Bestas, un evento de referencia no mundo BTT e que se complementou cun duatlón, un trail de montaña e cunha ruta de sendeirismo. A ruta BTT tiña dúas modalidades, unha longa con 75 km e outra curta con 45 que partiron da Praza do Concello ás 10.00h e que levaron aos deportistas polos montes de Ouzande, A Somoza, Arca, Montillón e Sabucedo por un trazado moi esixente con subidas que nalgúns tramos chegaron ata o 20%. As dúas rutas coincidiron os primeiros 24 km, a curta desviouse en Sabucedo polo Alto do Peón, lugar coñecido por ser onde se reúnen as bestas para a rapa e polas Quintas de Codeseda facendo o regreso polas inmediacións da Torre de Guimarei.
Javi Busto, Brandán Márquez e Charly Rodríguez
Na ruta longa os tres primeiros en chegar foron o compostelán Brandán Marquez do Team Corbelo que fixo os 75km en 3:29h, o segundo  Rubén Atrio do Cc Monforte (3:42h) e en terceira posición quedou o verinés Carlos González Rodríguez (3,52h) de Bicicletas Salchi. Na modalidade curta os tres primeiros clasificados foron Antonio Casal Rey do Club Ciclista Do Salnes, Tono Abal Nartallo do Cdm Xesteiras e Miguel Ángel Nogueira Pérez do Noitebra.
Na modalidade de duatlón a saída cadrou coa ruta BTT e en Montillón fixeron un tramo moi esixente de 11km. Na versión longa desta modalidade houbo 5 participantes que chegaron nesta orde: 1 Josecho Gonzalez Rey, 2 Celestino Pazos Garcia, 3 David Asperez Dopazo, 4 Marcos Perez Souto e 5 Armando Piñeiro Perez. Na versión curta participaron 14 persoas, quedando primeiro José Manuel Rodríguez, segundo José Luís Falcón e terceiro Fernando Álvarez.
O trail de montaña tivo o mesmo percorrido nos 10 primeiros km, desviándose en Escariz cara o lugar do Outeiro e volta á Estrada pola Somoza. Dos 24 participantes, os tres primeiros en chegar foron Lois Rodríguez, Yago Abeledo e Jesús Herrrera.
Grupo de sendeirismo no Pozo da Fervenza.
A Ruta BTT Rapa das Bestas propiciou que os participantes gozasen do monte en distintas modalidades deportivas e tamén deseñaron unha ruta de sendeirismo na que participaron unhas 25 persoas procedentes de toda Galicia. Arrancaron da Estrada á mesma hora e achegáronse a Ouzande polo Redondo para coñecer os Muíños da Fervenza, subindo ao Monte de Ouzande e da Somoza, Castrorramiro para volver á vila por Tabeirós.




7 de xullo de 2014

Así foi a Rapa das Bestas de Sabucedo:::

Centos de medios acreditados están dando conta de como decorreu a Rapa de 2014 que vén de rematar hoxe. Sabucedo acolleu centos de festeiros que dun xeito ou doutro foron convocados pola chamada da natureza e da tradición. Aínda que se correra a voz de que había xente tratando de cobrar pola acampada, non houbo máis incidentes que ese, sacando a chuvia que desluciu a festa, sobre todo o sábado. Tequexetéldere tivo que suspender a súa actuación no curro e moita xente pechouse nas tendas de campaña para protexerse. Pero o domingo volveu o bo tempo a Sabucedo e a rapa foi multitudinaria. Hoxe os fondos recadados irán para a Cruz Vermella.


o espectáculo da rapa das bestas séguese facendo coma antano.

multitude de público para presenciar a rapa.

Polbeiros e atraccións estiveron cheos toda a fin de semana.

Este ano o espectáculo de cetrería de Vilagarcía foi unha das novidades.

Gurpos de xinetes que se uniron á festa.

Tendas de campaña en Sabucedo.