15 de marzo de 2020

FALECE VÍTIMA DO CORONAVIRUS VITTORIO GREGOTTI, ARQUITECTO DO MÍTICO HOTEL MILANO DA ESTRADA:::

Segundo deu a coñecer o xornal italiano IL CORRIERE, Gregotti faleceu esta mañá aos 91 anos de idade cando se recuperaba nun hospital de Milán dunha enfermidade respiratoria que se vén de agravar ao estar infectado do COVID-19. A súa esposa está ingresada polo mesmo motivo e recupérase no mesmo centro hospitalario.

Nado en Novara en 1927, é un dos grandes teóricos da arquitectura a nivel mundial e creador de obras de referencia coma o Centro Cultural de Belem (Lisboa) o Teatro Lírico de Aix-en-Provence (Francia) ou o desenvolvemento urbanístico do barrio Bicocca de Milán. 

O mundo chora desde hoxe a perda dun dos grandes arquitectos de sona mundial e que deixou a súa pegada na vila da Estrada co Hotel Milano, hoxe infelizmente abandonado e coas súas instalacións destrozadas.


A COMARCA BLÍNDASE CONTRA O CORONAVIRUS:::

#QUEDANACASA é o consello convertido desde onte en obriga que leva a absolutamente toda a poboación a confinarse nas súas casas nunha das medidas máis duras e drásticas que se coñecen e que ten como obxectivo cortar a transmisión vírica do COVID-19.

Nas últimas xornadas distintas entidades foron pechando as súas actividades, primeiro as institucións públicas que entornaron as portas de xulgados, colexios e concellos. A seguir toda a actividade asociativa deportiva e cultural como a piscina, as distintas feiras proxectadas na Estrada, clases de música tradicional en Ouzande e outras parroquias. Desde a declaración de ESTADO DE ALARMA xa non é posible abrir comercios nin saír á rúa. A Estrada blíndase así para cortar a transmisión dun virus que xa ten en xaque varios países no mundo. 

Na Estrada coñécense dous casos, ambos con conexión co maior foco en España, Madrid. Trátase dun operario de María Martínez Otero e do político local Xesús Palmou. O gran perigo deste virus é a súa alta transmisión, polo que cómpre estarmos alerta e non saír da casa agás para accións imprescindibles e sempre gardando a máxima cautela. Estas medidas teñen unha mensaxe de esperanza que os meniños italianos souberon representar con este lema: Vai ir todo ben! Iso agardamos e facémolo recluíndonos. É a mellor maneira.