Amosando publicacións coa etiqueta Orazo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Orazo. Amosar todas as publicacións

29 de setembro de 2015

Intensa fin de semana teatreira en Orazo:::

Da man da Asociación Sociocultural Cotomanguelo, esta fin de semana celebrouse o IX Cotomanguelo de Teatro no que participaron ata oito compañías diferentes con propostas novidosas que achegaron ao público. O venres 25  encetaron o festival Chelo do Rejo e Chus Picallo con Xenitais  e Chumpá Teatro de Cuntis con Un marido de ida e volta. O sábado 26 e logo dun xantar compartido e amenizado por Lilaila e Xuntanza dos Regatos celebrouse unha tarde maratoniana de teatro que comezou sobre as 18.30h  coa presentación de distintas pezas da Escola de Teatro da A.S.C. Cotomanguelo, titulábanse O guindastre, a consulta do avogado, Clave Rosa, e O Testamento do Nacho. Seisdedos de Lalín mostraron o seu espectáculo de títeres Cocer e Cantar. Contra as 21h Disfunción Continua Teatro da Estrada presentou a súa recén estreada terceira produción teatral baixo o título de Teimas. Kote Malabar pechou con Cirkote os espectáculos de teatro para dar lugar unha ggran Festa con cea e música a cargo de Xuntanza dos Regatos, Gaiteiros da Pereiriña, Son´s da Mina e John Deeres. Xa o domingo 27 foi a quenda para a asociación Papaventos de Vedra que presentaron a obra infantil da súa compañía Andaravía Teatro, Brincacontos fixo as delicias de pequenos e maiores coas súas bruxas e eclipse de sol. O peche foi para Mangasverdes  da Bandeira que presentaron a súa proposta d´Os Vellos non deben de Namorarse








23 de setembro de 2015

Orazo celebra esta fin de semana o IX Cotomanguelo de Teatro:::

A Asociación Sociocultural Cotomanguelo presenta unha completa programación para IX  edición da Mostra Cotomanguelo de Teatro. Comeza este venres 25 de setembro no Campo da Festa de Orazo (A Estrada). Ao longo destas tres xornadas haberá teatro infantil, espectáculos de rúa e a actuación, entre outros de Chelo do Rejo e Chus Picallo ou a presentación na Estrada do espectáculo Teimas de Disfunción Continua. Os distintos espectáculos teatrais combínanse con música, gastronomía e festa, pois haberá polbeiro e actuarán distintas formacións musicais ao longo da fin de semana. Velaquí o programa de actividades:

venres 25 de setembro
 21h Chelo do Rejo e Chus Picallo  con Xenitais (+13 anos) 
 Chumpá Teatro (Cuntis) Un marido de ida e volta 

sábado 26 de setembro
Ao mediodía xantar compartido e música con Lilaila e Xuntanza dos Regatos 
18h Teatro da A.S.C. Cotomanguelo O guindastre, a consulta do avogado, Clave Rosa, O Testamento do Nacho
19h Seisdedos (Lalín) Cocer e Cantar 
20h Disfunción Continua Teatro (A Estrada) Teimas (+16 anos) 
21.15h Kote Malabar Cirkote
21.45h Cea 22.30h Festa Xuntanza dos Regatos, Gaiteiros da Pereiriña, Son´s da Mina e John Deeres 

domingo 27 de setembro 
19h Papaventos (Vedra) Brinca contos 
20h Mangasverdes (Bandeira) Os Vellos non deben de Namorarse
Cartel da Mostra

Disfunción Continua presenta Teimas na IX  Mostra Cotomanguelo de Teatro

9 de xuño de 2015

Xa son 14 as hectáreas queimadas en Orazo:::

A parroquia de Orazo revivía na tarde de onte o horror do lume logo de que o incendio que se daba por controlado se reavivara, aumentando considerablemente a zona afectada. Desde a Consellería do Medio Rural informaron de que ás 2h da madrugada do domingo para o luns fora dado por extinguido, pero na tarde de onte tiveron que enviar novos efectivos posto que o lume reavivou e existía perigo tanto polo vento coma polas altas temperaturas de que este volvese amenazar o monte de Orazo. As consecuencias son de 12 hectáreas arboladas calcinadas e de 2 de monte baixo.
Lembramos que o lume se inciara na tarde do domingo ás 15h entre os montes das parroquias de Orazo e Agar. O lume chegou a estar moi preto das vivendas de Valiñas en Agar, aínda que a zona máis afectada foi o monte de Orazo, onde ardeu a maior parte da superficie.
O lume arrasou 8 hectáreas

8 de xuño de 2015

Un incendio arrasa o monte de Orazo e Agar:::

Na tarde de onte producíase un incendio forestal nos montes das parroquias de Orazo e Agar. Contra ás 15h comezaron os labores de extinción que se estenderon durante toda a tarde, ata o serán que foi cando os servizos de emerxencia o consideraron controlado. Arderon ao redor de 8 hectáreas e o lume estivo moi preto das vivendas de Valiñas en Agar, aínda que a zona máis afectada foi o monte de Orazo, onde ardeu a maior parte da superficie arborada. As altas temperaturas e o vento fixeron que houbese que mobilizar ata 11 brigadas de extinción e numerosos recursos de técnicos, motobombas, pas e tres helipcóptero así coma un hidroavión. Nada se sabe das causas do mesmo. A columna de fume podías apreciar desde toda a comarca.
O lume arrasou 8 hectáreas