3 de xuño de 2012

A Fervenza de Ouzande pecha as rutas a pé cunha saída ao Monte de Arcos [03/06/12]:::


A Fervenza de Ouzande pechou hoxe o seu programa de rutas a pé "Imos andar" cun roteiro polo Monte de Arcos. 22 persoas congregáronse ás 9:30 horas diante da Igrexa de Ouzande para completar os 18km do percorrido. Saíron da parroquia polo lugar do Picoto para adentrarse no Monte de Ouzande, pasaron preto do lugar de Ferreiros, xa en Arcos e posteriormente movéronse polos camiños e carreiros do Monte de Arcos, bordeando o Castro desta parroquia veciña. Desde alí gozaron das fermosas vistas que ofrece o val, co Monte Xesteiras á fronte e cunha panorámica sobre a Ría de Arousa ao lonxe. Sobre as 13:20 o grupo de sendeiristas estaba xa de regreso no mesmo lugar do que saíran e onde foron agasallados cun refrixerio por parte da organización.


Con esta saída, a Fervenza de Ouzande pechou o seu programa de rutas "Imos andar" que se iniciara o pasado 1 de maio "polos carreiros de Ouzande" e co que o 17 festexaron o Día das Letras Galegas.
Aínda así continuan coa actividade cultural da primavera; o vindeiro 16 de xuño celebrarán unha festa de fin de curso para as clases de música tradicional e o día 23 a festa do Lumeiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario