O Concello de Forcarei vén de anunciar a súa programación do Entroido 2018. O programa de actividades do Entroido 2018 arrancará o venres 9 coa representación da comedia “Teimas”, a cargo da compañía Disfunción Continua Teatro, no auditorio de Soutelo de Montes. Esta obra, dirixida por Jouse García, terá lugar ás 21.00 horas. Xa o Sábado de Entroido, 10 de febreiro, celebraranse as festas de Entroido con concurso de disfraces nas respectivas categorías de cativos e adultos desde as 18.00 horas no Centro Social de Forcarei.
Amosando publicacións coa etiqueta teatro b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta teatro b>. Amosar todas as publicacións
6 de febreiro de 2018
24 de outubro de 2017
Teatro en Santeles e Santa Cristina de Vea con Disfunción Continua Teatro:::
Disfunción Continua Teatro participará este domingo día 29 de outubro ás 19h no teleclub da comedia do Concello da Estrada en Santeles. Así mesmo o día 25 de novembro poderáse ver esta compañía en Santa Cristina de Vea.
A obra que han representar é TEIMAS, unha comedia de 80 minutos de duración na que o público terá a oportunidade de desconectar dos problemas do día a día, coñecendo distintos personaxes que acoden á consulta do Dr Teixeiro, trátase dun afamado psicólogo que fai terapias para curar as teimas, ou TOCs que fan a vida imposible a estes personaxes. A obra está dirixida por JOUSE GARCÍA e conta no seu elenco con actores moi coñecidos na Estrada como María Porto, Gonzalo da Esquina, Clara Iglesias, Natalia Carbajarl, Bea del Río ou Rosa López, contan tamén coa colaboración de Manuel Rosende ou do técnico de son Miguel Ares.
Así mesmo, DISFUNCIÓN CONTINUA TEATRO, está a dar a coñecer a súa nova produción, de momento só se poderá ver en AGUIÑO-RIBEIRA o vindeiro 18 de novembro (20.30h) no AUDITORIO do Conservatorio de Música da localidade.
25 de abril de 2017
O CASTRO DE CALLOBRE ACOLLEU O V FESTIVAL DE TEATRO ESCOLAR DA ESTRADA:::
O pasado domingo 23 de abril, ademais de se celebrar o día do libro, tivo na Estrada unha actividade moi especial, xa que máis de 200 alumnos e alumnas procedentes de institutos da Estrada, Touro, Palas de Rei e Laxe protagonizaron a 5º edición do Festival de Teatro Escolar da Estrada. Ás 16.30h e no Teatro Principal asistiron ao espectáculo Notas de Cor, representada polos grupos de teatro de Palas e Laxe.
Pasadas as 18.30h desprazábanse en autobuses á contorna do Castro de Callobre onde a Aula de Teatro do IES Antón Losada guiaron aos seus compañeiros tanto polo xacemento como pola Fervenza que o Río Curantes fai nesta parroquia. Ás 20h volvéronse meter no Teatro Principal para asistir á representación de Fantamimo, unha produción do CPI de Touro e dos escolares da Estrada.
No roteiro teatralizado participaron, ademais, membros da asociación cultural que trata de poñer en valor este Castro, así como músicos de Callobre e os grupos de música de Ouzande, Retrouso e Recanto. Calistea, a fada convertida en bruxa déullela benvida, ao tempo que o presidente da Asociacion O Castro da Fervenza de Callobre foi entrevistado por dous "castrexos", tamén houbo tempo para a música con Retrouso e un grupo musical de Callobre, así como unha actuación de Recanto de Ouzande. Un druída explicoullela lenda da Cova da Moura, sita no mesmo castro, houbo tempo para adiviñas e trabalinguas.
O Castro da Aldea Grande de Callobre é a orixe da parroquia, segundo exlicaron na ruta o primeiro núcleo habitado levaría este nome (Callóbriga) e a partir de aí irían xurdindo os toponimos posteriores, quedando o de Aldea Grande para a entidade máis próxima e máis habitada. É un castro de boas proporcións, con máis dunha hectárea en planta oval. Posúe unha interesante muralla que se complementa cunha forte pendente cara ao río. Está catalogado polo rexistro de patrimonio tanto da Xunta de Galicia como polo PXOM, cualificando o seu estado de conservación de malo. A súa cronoloxía remóntase á Idade de Ferro. Na actualidade constituíuse a Asociación do Castro da Fervenza de Callobre coa intención de poñelo en valor. De momento limparon a croa e fixeron a festa do lumeiro de 2016. Teñen previsto facer novas festas neste lugar (encontros de maiores, xogos populares, magosto...) Polo momento non existe ningún proxecto de protección do patrimonio arqueolóxico deste castro.
Etiquetas:
A Estrada,
a fervenza de ouzande,
Callobre,
Ouzande,
teatro
17 de novembro de 2016
Teatro en Cerdedo este sábado ás 19.30h con DISFUNCIÓN CONTINUA TEATRO:::
Este sábado 19 de novembro o auditorio do Centro Cultural de Cerdedo acolle a representación da comedia TEIMAS da compañía estradense DISFUNCIÓN CONTINUA TEATRO.
A obra ten unha duración aproximada de 75 minutos e non se recomenda para menores de 16 anos. Trátase dunha comedia de enredo que se desenvolve na consulta do Doutor Teixeiro e á que van chegando unha serie de personaxes con cadansua teima. A conversa entre os seis pacientes que agardan polo afamado doutor derivará nunha tola interacción chea de humor coa que máis de un se ha sentir identificado.
Esta función encádrase dentro da programación cultural do Exmo Concello de Cerdedo e supón a segunda cita neste municipio da compañía estradense, logo do éxito da representación da anterior obra "Eran outros tempos, ou non?" o 14 de marzo de 2015.
Desde a compañía, composta por coñecidos actores da comarca, salientan o éxito desta segunda producion que xa leva 12 funcións por toda Galicia, destacando o interese de moitos concellos por contar con esta obra nas súas programacións culturais e polos organizadores de mostras de teatro amador, que confían no bo facer dos estradenses.
A función de TEIMAS no Centro Cultural de Cerdedo será con entrada gratuíta e dará inicio ás 19.30h, podendo ser retirados os billetes de balde na propia billeteira da sala.
A seguir a Cerdedo, Disfunción xa ten previstas novas representacións, destacando a de Aguiño (Ribeira) o próximo sábado 26 ás 20.30h e en Portas o 4 de decembro ás 18.30h.
11 de novembro de 2016
Disfunción Continua levará "Teimas" a diversos concellos galegos:::
No presente mes de novembro Disfunción Continua Teatro levará a obra "Teimas " a distintos concellos galegos, estas funcións permitirán que lugares como O Carballiño, Cerdedo ou Ribeira coñezan a última produción dos estradenses. A consulta dun eminente doutror galego será o escenario desta comedia de 80 minutos na que sete actores da zona se meterán na pel duns divertidos personaxes que vivirán situacións incribles no tempo que agardan polo doutor.
As citas son este domingo día 13 no Carballiño ás 19h no Auditorio Municipal, o vindeiro sábado 19 ás 19.30h no Auditorio do Centro Cultural de Cerdedo e o sábado 26 en Aguiño (Ribeira) ás 20.30 e no Conservatorio de Aguiño. No mes de decembro tamén teñen prevista unha función o día 5 en Portas.
20 de abril de 2016
A Estrada acolle este domingo a centos de escolares no IV Festival de Teatro Escolar organizado polo IES Antón Losada:::
Será este domingo día 24 de abril en distintas localizacións do municipio estradense e xuntará a uns douscentos escolares de secundaria procedentes de localidades tales como Palas de Rei, Touro, Laxe ou Melide. Trátase dunha actividade organizada pola aula de Teatro "Avelaíñas Teatro" e o clube de lectura Retelladores do
Galiñeiro e que contan coa colaboración do Teatro Principal e maila Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande.
Esta festa do teatro arrancará ás 11.00 no Teatro Principal da vila coas actuacións do Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, a aula de
Teatro do CPI de Touro, a Escola Municipal de Laxe, a aula de Teatro do
IES de Melide, Teiroa Teatro, e os actores do IES Antón Losada Diéguez. Acto seguido, os novos actores e actrices desprazarase á zona de Fervenza de Ouzande para
realizar un Roteiro teatral, poético e musical polo contorno natural da
Fervenza de Ouzande, con saída desde a igrexa parroquial ás 12.45 horas e no que participarán tanto o alumnado do IES Antón Losada coma membros da Fervenza de Ouzande que recibirán aos escolares.
7 de xaneiro de 2016
A xira de "Teimas" chega ao Salnés:::
O vindeiro sábado 16 de xaneiro ás 21h e dentro da programación cultural do Concello da Illa de Arousa, terá lugar a representación de Teimas, a nova obra de Disfunción Continua Teatro, sera no Auditorio Municipal. As entradas estarán á venda na billeteira do auditorio antes da función. Esta será a segunda recalada da compañía estradense na vila insular logo de presentar Eran outros tempos, ou non? con notable afluencia de público.
Teimas conta a historia dun grupo de pacientes que sofren manías e teimas compulsivas e que deciden acodir á consulta dun afamado médico galego, pero as cousas non sempre son tan fáciles para superar os problemas persoais. Con Teimas ofrécese unha hora de risa asegurada. A obra non está aconsellada para menores de 16 anos por posuír vocabulario inapropiado para esta franxa de idade.
Teimas iniciou a súa xira o pasado 19 de setembro en Antas de Ulla e está a ter unha moi boa acollida logo de recorrer distintos puntos de Galicia. A última función realizouse na vila da Estrada onde se encheu o Teatro Principal. Trala función da Arousa, a xira continuará por outras comarcas como Santiago de Compostela ou Pontevedra.
Esta é xa a terceira produción de Disfunción Continuta Teatro tras Cóncavo Convexo en 2012 e Eran outros tempos, ou non? en 2013.
22 de decembro de 2015
Teatro para despedir o outono en Ouzande:::
O pasado domingo, día 13 de decembro, o Local Social de Ouzande fíxose pequeno para acoller a última proposta da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande de cara á programación cultural do outono. Esta iniciativa contou coa colaboración do grupo de teatro Andaravía de Vedra, que trouxo á parroquia ouzandesa a súa peza infantil "Brinca Contos". A parte baixa do local abría as súas portas ás 18h reconvertida nun teatro e que había albergar unha obra de algo menos de 1h de duración. Cun interesante xogo de luces e unha posta en escena impresionante, destacou o vestiario que sorpendeu ao público, así como o efecto provocado nos asistentes que mesmo pasaron medo ao ver as "bruxas" de Brinca Contos, pero a cousa non foi para tanto e as disputas entre as dúas protagonistas habían chegar a bo trato grazas a outros personaxes que mesmo contaron contos cos que rebaixar a tensión no ambiente. Aínda que é unha peza infantil, os adultos tamén gozaron desta proposta escénica grazas ás reflexións sobre a vida e as aprendizaxes relativas á natureza e ao mundo en que vivimos. Con esta exitosa activiade, a Fervenza de Ouzande pechou o programa outonal e xa anunciou unha ruta a pé dentro do período de nadal, que se ha celebrar o vindeiro día 25 de decembro.
Etiquetas:
actividades,
cultura,
Ouzande,
teatro
10 de decembro de 2015
Este domingo, teatro con Brinca Contos en Ouzande:::
O vindeiro domingo, 13 de decembro, ás 18 horas a Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande ofrecerá unha actividade teatral gratuíta para todas as idades. Con esta inicitiva pechan a programación cultural do outono.
A obra teatral titúlase Brinca Contos, unha proposta dos vedrenses Andaravía Teatro, aínda que está pensada para o público infantil, tamén é apta para adultos. A actuación será no Local Social de Ouzande e a entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo.
O espectáculo convídanos a brincar no mundo dos contos para achegármonos a acontecementos máxicos e misteriosos. Meigas que pelexan pola fórmula secreta das beberaxes, Miñocas inxenuas, vellos grilos e formigas obreiras que queren arranxar o que lle pasa ao sol...
NOTICIAS RELACIONADAS:
Andaravía Teatro estreou dúas novas pezas esta fin de semana:::
![]() |
| Cartel da actividade |
![]() |
| A obra será este domingo ás 18h no Local Social de Ouzande |
1 de decembro de 2015
Estrean a obra "Teimas" no Teatro Principal da Estrada:::
O vindeiro sábado 5 de decembro ás 21h e no Teatro Principal, DISFUNCIÓN CONTINUA TEATRO estreará na vila da Estrada a súa nova produción "Teimas". Trátase dunha comedia de 80 minutos de duración dirixida por Jouse García. Teimas é a terceira produción desta compañía local de teatro independente e amador. O custe das entradas é de 3 euros e pódense adquirir tanto nas dependencias do Concello da Estrada coma no restaurante "Argentinos Burguer" e na tenda de comercio local "Calzados A Esquina". Tamén se poden adquirir na billeteira do propio teatro antes da función.
O elenco desta produción está composta por 7 actores e actrices do municipio: María Porto, Clara Iglesias, Nati Carbajal, Bea del Río, Guille Pose, Gonzalo Valcárcel (da Esquina) e Manu Rosende.
A obra narra o encontro dunha serie de pacientes que acoden á consulta do Doutor Teixeiro. A conversa entre os pacientes que agardan polo afamado doutor derivará nunha tola interacción chea de humor coa que máis de un se ha sentir identificado.
Esta é xa a terceira obra producida pola compañía local que comezou a súa andaina con "Cóncavo Convexo" e que experimentou un éxito substancial coa obra "Eran outros tempos, ou non?" tal é así que continúa en cartel.
"Teimas" foi estreada en Palas de Reis e representada no festival "Cotomanguelo" de teatro así coma na localidade trasdezana de Ponte. Trala estrea na Estrada, Disfunción Continua levará o nome do municipio por distintos puntos de Galicia con novas funcións.
29 de setembro de 2015
Intensa fin de semana teatreira en Orazo:::
Da man da Asociación Sociocultural Cotomanguelo, esta fin de semana celebrouse o IX Cotomanguelo de Teatro no que participaron ata oito compañías diferentes con propostas novidosas que achegaron ao público. O venres 25 encetaron o festival Chelo do Rejo e Chus Picallo con Xenitais e Chumpá Teatro de Cuntis con Un marido de ida e volta. O sábado 26 e logo dun xantar compartido e amenizado por Lilaila e Xuntanza dos Regatos celebrouse unha tarde maratoniana de teatro que comezou sobre as 18.30h coa presentación de distintas pezas da Escola de Teatro da A.S.C. Cotomanguelo, titulábanse O guindastre, a consulta do avogado, Clave Rosa, e O Testamento do Nacho. Seisdedos de Lalín mostraron o seu espectáculo de títeres Cocer e Cantar. Contra as 21h Disfunción Continua Teatro da Estrada presentou a súa recén estreada terceira produción teatral baixo o título de Teimas. Kote Malabar pechou con Cirkote os espectáculos de teatro para dar lugar unha ggran Festa con cea e música a cargo de Xuntanza dos Regatos, Gaiteiros da Pereiriña, Son´s da Mina e John Deeres. Xa o domingo 27 foi a quenda para a asociación Papaventos de Vedra que presentaron a obra infantil da súa compañía Andaravía Teatro, Brincacontos
fixo as delicias de pequenos e maiores coas súas bruxas e eclipse de sol. O peche foi para Mangasverdes da Bandeira que presentaron a súa proposta d´Os Vellos non deben de Namorarse
23 de setembro de 2015
Orazo celebra esta fin de semana o IX Cotomanguelo de Teatro:::
A Asociación Sociocultural Cotomanguelo presenta unha completa programación para IX edición da Mostra Cotomanguelo de Teatro. Comeza este venres 25 de setembro no Campo da Festa de Orazo (A Estrada). Ao longo destas tres xornadas haberá teatro infantil, espectáculos de rúa e a actuación, entre outros de Chelo do Rejo e Chus Picallo ou a presentación na Estrada do espectáculo Teimas de Disfunción Continua. Os distintos espectáculos teatrais combínanse con música, gastronomía e festa, pois haberá polbeiro e actuarán distintas formacións musicais ao longo da fin de semana. Velaquí o programa de actividades:
venres 25 de setembro
21h Chelo do Rejo e Chus Picallo con Xenitais (+13 anos)
Chumpá Teatro (Cuntis) Un marido de ida e volta
sábado 26 de setembro
Ao mediodía xantar compartido e música con Lilaila e Xuntanza dos Regatos
18h Teatro da A.S.C. Cotomanguelo
O guindastre, a consulta do avogado,
Clave Rosa, O Testamento do Nacho.
19h Seisdedos (Lalín)
Cocer e Cantar
20h Disfunción Continua Teatro (A Estrada)
Teimas (+16 anos)
21.15h Kote Malabar
Cirkote
21.45h Cea
22.30h Festa
Xuntanza dos Regatos, Gaiteiros da Pereiriña,
Son´s da Mina e John Deeres
domingo 27 de setembro
19h Papaventos (Vedra)
Brinca contos
17 de setembro de 2015
Disfunción Continua Teatro presenta este sábado unha nova obra:::
![]() |
| Cartel da obra |
Será o vindeiro sábado no Salón de Actos da Casa da Cultura de Antas de Ulla ás 20.30h. Titúlase Teimas, e constitúe a terceira obra de Disfunción Continua Teatro. Trátase dunha comedia na que un grupo de pacientes chegan á consulta dun prestixioso psicólogo, onde entablan conversa. A obra está dirixida por Jouse García e conta no seu elenco con: María Porto como Camila, Clara Iglesias no papel de Branca, Beatriz del Río interpreta a María, Guillermina Pose ponse no papel de Lilí, Natalia Carbajal representa a Ana, Gonzalo Valcárcel é Fred e Manuel Rosende como Axudante. Teimas ten unha duración de 80 minutos e non está recomendada para menores de 16 anos. Para máis información clique aquí.
![]() |
| Director e elenco da obra Teimas |
11 de febreiro de 2014
Este domingo A Fervenza de Ouzande celebra a Asemblea Anual:::
A asociación cultural de Ouzande vén de convocar unha reunión para este domingo 16 de febreiro. A cita será no local social da parroquia ás 17.30h. Trátase da asemblea xeral de socios na que se dará conta do estado económico da entidade, da situación das actividades realizadas ou dos proxectos da institución.
Este ano tamén toca a elección da xunta directiva para 2014-2015. Desde a entidade recordan que está aberto o prazo para o pago das cuotas dos socios, tanto as relativas ao ano que se pecha (2013) como os recibos pendentes doutros anos. Pódese realizar esta operación na Taberna de Ouzande ou na propia asemblea.
| A Fervenza de Ouzande reúne constantemente a numeroso público nas súas actividades |
| Retrouso e Recanto son dous dos froitos da asociación |
| As actividades ao aire libre gozan de moito seguimento |
| As actividades anuais son cita inexcusable para a Fervenza |
| A Fervenza de Ouzande desenvolve unha intensa actividade cultural desde 2001 |
Etiquetas:
actividades,
cultura,
sociedade,
teatro
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)






























