24 de decembro de 2013

Paralizan as obras da beirarrúa durante as festas do Nadal:::

A empresa que executa a obra de construción da beirarrúa entre O Tallo e a igrexa vén de paralizar os traballos con motivo das festas do Nadal. Nas últimas xornadas apuraron estes labores, traballando mesmo durante a madrugada do pasado venres e o sábado todo o día. O prazo de execución estipulado inicialmente para a obra é de tres meses polo que nun prazo de 60 días poderá estar rematada na súa totalidade a beirarrúa.
Segundo o proxecto asinado polo aparellador municipal Daniel Órrea, a obra contempla rede de pluviais e fecais nos tramos onde se precisa así como de telecomunicacións e electricidade. A beirarrúa ten unha anchura de 1 metro e 80 centímetros, contempla iluminación eléctrica con farolas de 8 metros de altura e a intervención proxectada chega ata a igrexa. O pavimentado estase a executar con formigón proxectado cando no documento inicial se contemplaba baldosa en continuación ás beirarrúas xa existentes. Hai que ter en conta que as obras foran inicialmente orzamentadas en novembro de 2012 polo Concello da Estrada con 500.000€ pero esta cifra foi reducida posteriormente a 150.000€ pola mesma administración encargada da obra.
En canto á senda peonil que se anunciou desde a igrexa e ata a costa da Labrada, aínda non está claro o que se pode facer. Nun principio anunciárase un pequeno tramo de terra pisada ou formigón entre o asfalto da calzada e os foxos de formigón construídos hai uns meses, pero o forte desnivel e o angosto da beiravía fixo necesario repensar esta intervención. Segundo afirmou o alcalde da Estrada ante os medios de comunicación locais a semana pasada, á volta do Nadal -cando se retomen as obras- valorarase se facer unha beirarrúa con bordo ou unha senda ao mesmo ou distinto nivel.
Con motivo destas obras, no último mes procedeuse a trasladar tres acivros adultos desde unha propiedade afectada ata o Campo da Festa e noutra parcela fíxose unha cesión de terreos polo que houbo que construír un novo muro. Veuse afectada a vida diaria da veciñanza e dos usuarios da estrada local, que tiveron que buscar novos lugares para estacionar os seus vehículos ou alternativas de circulación a causa do peche dalgunha pista. A circulación pola estrada de Ouzande foi alternada e sinalizada mediante semáforos de obra, uns semáforos que tamén foron noticia tralo roubo dun deles, o que motivou que Taboada e Ramos tivese denunciar os feitos, repoñer con outro semáforo e aumentar as medidas de seguridade.

Obras do formigonado da beirarrúa.


semáforo reposto

Ningún comentario:

Publicar un comentario