12 de xaneiro de 2010

Visita á igrexa de Ouzande e á torre de Guimarei este sábado nas I Xornadas de Historia da Estrada:::

O vindeiro venres 15 de xaneiro comezarán na Estrada as I Xornadas de Historia da Estrada, un evento que versará sobre a historia medieval da comarca como recurso ou reclamo turístico. Así llelo presentou onte a Concelleria de Turismo da Estrada, Raquel López, aos medios de comunicación.
A cita será ás sete da tarde na Sala de Exposicións de Caixanova, na Rúa Principal da vila. Falará Anselmo López Carreira do contexto político do medievo en Galicia. E a catedrática en filoloxía románica da Universidade de Santiago, a estradense Mercedes Brea, tratará o mundo trobadoresco destacando figuras coma Pai Soares de Tabeirós.
No sábado é cando se ten prevista a visita á torre de Guimarei e á igrexa de Ouzande. A cita será ás 10.30 na Praza do Concello da Estrada para iniciar unha ruta a pé que descobra o patrimonio material medieval do concello. O roteiro deteráse nestes dous baluartes do medievo.
Xa na tarde do sábado está previsto que ás sete se proxecte na Sala de Exposicións de Caixanova un documental de Xosé Luna sobre a arte románica na comarca. Ao remate do video, o seu autor ofrecerá unha conferencia sobre esta temática.
Segundo o departamento municipal de turismo a asistencia a estas actividades é de balde e está aberta a todo o mundo. Esta iniciativa forma parte das actividades de promoción dos recursos turísticos da Estrada. Así, tamén se vén de proxectar unha guía turística sobre o concello que dá boa conta dos recursos turísticos que fornece a nosa parroquia aos visitantes coma a propia igrexa e o seu contorno como o conxunto dos muíños da Fervenza.
Tamén se anunciou que esta guía vai ser presentada oficialmente en FITUR, a feira internacional do turismo,o día 20 deste mes en Madrid.




11 de xaneiro de 2010

Remata o temporal de frío pero vén outro de vento e auga::::

Logo de tres día con neve, xeadas e temperaturas con valores negativos, enfrontámonos a unha borrasca que traerá vento, chuvia pero tamén unha pronunciada subida das temperaturas. Algúns lugares nos que houbo que botar sal e que permaneceron moito tempo cubertos de xeo e neve volven á normalidade. Velaquí algunhas fotografías destas vías; no Picoto, na Costa da Labrada, no Redondo. Para ver a información do tempo clica na sección de METEOGALICIA no lateral dereito desta páxina.


8 de xaneiro de 2010

Ouzande amenceu cuberto dun gran manto de neve:::

Hoxe, venres 8 de xaneiro, será un día recordado polas dificultades para circular pola comarca debido ás placas de xeo, pero tamén por ser un día no que a neve deixou imaxes ben fermosas. Agora os problemas están nesas zonas nas que non dá o sol e o xeo fai perigoso circular tanto a pé coma en coche. Nalgúns puntos xa se botou sal para paliar esta situación, coma na zona da costa da Labrada. As previsións metereolóxicas apuntan a que a vaga de frío continuará aínda uns días entre nós.
ver información do tempo de meteogalicia

7 de xaneiro de 2010

Chega a neve a OUzande:::


Segundo a predición de METEOGALICIA para hoxe hai posibilidade de neve na parroquia. Ás doce do mediodía caen as primeiras folerpas en OUzande polo que dentro dunhas horas informaremos da situación na parroquia e publicaremos as fotos que, agardamos, nos forneza este frío día.

30 de decembro de 2009

Ouzande dálle a benvida ao ano novo cunha festa no local social:::

Con este cartel a asocición cultural de Ouzande convídanos a participar nunha festa para despedir o ano 2009 e darlle a benvida a 2010. A cita será no local parroquial a iso da unha da madrugada. Está previsto comer novamente as uvas pero desta vez coa unión veciñal para logo brindar polo 2010. Haberá música e festa ata a madrugada. Máis información no blog da asociación.

28 de decembro de 2009

Obradoiro de animación en Ouzande:::


O Concello da Estrada está organizando uns obradoiros de animación para o tempo libre dirixidos ás persoas adultas nas parroquias do municipio. A Ouzande tócalle os xoves de seis da tarde a oito. A primeira das citas xa tivo lugar antes das vacacións de nadal e acudiron poucas persoas polo que a iniciativa se retoma o próximo xoves 14 de xaneiro. Quen queira participar pode achegarse ese mesmo día ao local social da parroquia e informarse para participar.
As actividades que se desenvolverán son un obradoiro de manualidades (pintura, flores, modelado de barro...), un obradoiro de memoria e estimulación cognitiva que contará co xogo do bingo. Tamén se fará un obradoiro sobre cultura galega onde se traballarán os recordos das persoas maiores e o como eran os nosos costumes que tanto están cambiando.
Existe a posibilidade, en caso de que non haxa suficientes participantes, de unir esta actividade coa proxectada na Somoza, nesta parroquia prevese que sexa ás catro da tarde en lugar das seis.

Comeza a conta atrás para o "apagón analóxico":::


O día 18 de xaneiro produciráse o famoso "apagón analóxico" que deixará aos ouzandeses sen sinal de televisión por esta vía. Deste xeito cómpre, para vermos a tv, que teñamos un decodificador conectado ao noso televisor ou un aparello que reciba directamente o sinal dixital.
Dende o Ministerio de Industria como desde a Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia habilitáronse teléfonos e páxinas web de consulta con mapas de cobertura e información útil sobre o paso á tecnoloxía dixital. No caso do ente estatal, a páxina é www.televisiondigital.es e o número o 901 2010 04. No caso do departamento autonómico, a información pode ser visitada a través da web www.tdtgalicia.es
Nestas semanas previas á fin da emisión dixital, nos televisores está aparecendo unha mensaxe que informa do paso desa canle ao modo dixital. O cese completo de emisións analóxicas está previsto para o día 3 de abril de 2010.
Segundo se pode saber mediante estas páxinas, a Ouzande correspóndelle unha cobertura alta do sinal dixital, polo que de termos un decodificador poderemos seguir vendo a Tv sen problemas.
O cambio que si veremos os ouzandeses será que deixará de emitir ESTRADA TELEVISIÓN posto que a día de hoxe non ten permiso para emitir en versión dixital.