10 de marzo de 2010

A Xunta anuncia a retirada do reemisor analóxico de televisión de Ouzande:::

A Xunta de Galicia vén de anunciarlle ao Concello da Estrada que o reemisor de Tv da nosa parroquia deixará de emitir en analóxico, de maneira que quen non teña adaptado o seu televisor á tecnoloxía dixital non poderá recibir o sinal televisivo. Ao mesmo tempo, retiraráse o sinal de Arca e Nigoi.

O remisor da nosa parroquia non lle afecta á totalidade da mesma, senón que beneficiaba a usuarios dalgunhas partes da aldea e a aqueles edificios da vila que teñen a antena orientada cara a Ouzande.

Os reemisores de Arca e Nigoi foron substituídos por un novo equipo que opera, en tecnoloxía dixital, desde o lugar de Outeiro, en Codeseda, mentres que para o de Ouzande aproveitouse a instalación xa existente. Desde finais do mes de febreiro, estes microreemisores estaban a simultanear a emisión en ambas tecnoloxías (dixital e analóxica), con ambos equipos funcionando á vez.

5 de marzo de 2010

O video sobre a "inauguración" das beirarrúas de Ouzande, moi visitado na canle da Fervenza en YOUTUBE.COM:::

Este video relativo ao entroido organizado pola Fervenza de Ouzande, foi un dos máis visto de Youtube.com na canle da asociación con 174 reproducións no momento de redactar esta nova.

O video foi presentado formalmente o domingo pasado canda a revista Carreiros 8 que xa está á venda nos lugares de costume.
A asociación deu de alta unha canle propia no portal www.youtube.com e ten alxados videos relativos á actividade da entidade o 18 de xaneiro de 2008 e xa foi visionada 2590 veces en total. Os videos máis antigos suman maior número de visitas. Os máis recentes son o relativo ás actividades do ano 2009 que, dividido en tres partes pola súa lonxitude, aproxímase en número de visitas.
A Fervenza de Ouzande aloxou tamén ulitmamente un video relativo á entrevista que se lle fixo por parte da cadea privada CORREO TV e que xa ten 60 visitas. Estas imaxes tamén se proxectaron na festa de presentación de Carreiros 8.

26 de febreiro de 2010

Alertan dun forte temporal para este sábado:::

Tanto o servizo de metereoloxía de Galicia (Meteogalicia) coma o do Estado (Axencia Estatal de Metereoloxía) advirten de que continuará o mal tempo, podendo este complicarse moito nas vindeiras 72 horas. Provisionalmente, as autoridades decretaron este xoves a alerta vermella no litoral das provincias da Coruña e de Lugo. Para este venres agárdase unha pequena tregua. Porén, a principal preocupación ten que ver co prognóstico meteorolóxico de cara o sábado.

Meteogalicia alerta de que hai unha fronte moi activa (un ciclón extratropical) que tocará terra contra primeiras horas da noite do sábado e que afectará a todo o país até a mañá do domingo. O principal perigo de cara a fin de semana vai ser os ventos que se prevén moi fortes (con refachos de máis de 130 km/h).

Estaremos, pois, en alerta vermella polo que cómpre aumentar as precaucións nas próximas horas, tal e como indica o mapa de Meteogalicia:

Segundo a Axencia Estatal de Metereoloxía, esta vai ser a predición para o sábado á tardiña

25 de febreiro de 2010

Este domingo preséntase a revista CARREIROS:::


Este domingo 28 de febreiro ás 6 da tarde no local parroquial hase presentar a edición número 8 da revista Carreiros editada pola Fervenza de Ouzande. As novidades desta volta serán o estudo das casas de Ouzande así como da súa toponimia. Coma en revistas anteriores faise un repaso ás noticias de 2009, publícanse fotografías de interese, hai unha entrevista a Manuel de Chedas así como unha escolma poética de persoas próximas a Ouzande. No acto visionaráse o video que a asociación creou con motivo do entroido e a "inauguración" das beirarrúas.
MÁIS INFORMACIÓN EN WWW.CARREIROS.BLOGSPOT.COM

24 de febreiro de 2010

Entrevista sobre Ouzande en Correo TV:::


Xabier Camba, presidente da Fervenza de Ouzande, foi entrevistado no programa O FALADOIRO de Correo Tv. Esta noticia sae publicada tamén no semanario do grupo El Correo Gallego TIERRAS DE SANTIAGO.
Por outra banda, a asociación cultural da parroquia vén de facer público un video sobre a "inauguración" das beirarrúas que se celebrou co gaio do entroido de Ouzande, pódese ver canda unha presentación de fotos no Blog da asociación.

18 de febreiro de 2010

Inauguran as beirarrúas de Ouzande a pesar de non estaren concluídas:::

Unha comitiva "de entroido" realizou a inauguración das beirarrúas da parroquia o pasado sábado 13 de febreiro ás cinco e media da tarde á altura do lugar do Tallo, concretamente ao lado da torreta de Unión Fenosa. Os famosos "cegos do entroido" cantaron unhas coplas moi peculiares, foi o chamado "romance das beirarrúas de Ouzande"

A alcaldesa e mailo Tenente de Alcalde cortaron a cinta inaugural


aínda que tiveron os seus problemas posto que as obras parece que van con demora...

12 de febreiro de 2010

Ouzande perdeu 65 veciños nos últimos dez anos::

Segundo o censo do INE [Instituto Nacional de Estatística] á unidade poboacional correspondente coa nosa parroquia correspóndelle unha evolución negativa da poboación. Entre o ano 2000 e 2009 houbo unha baixada de 61 persoas no censo de Ouzande, sendo este descenso progresivo en todos os anos agás no paso entre 2008 a 2009 que se aumentou nun membro o número de habitantes. En comparación con outras parroquias do municipio, a nosa é unha das poucas que non perdeu poboación nestes últimos doce meses canda á capital municipal e as feregresías de Arnois, Baloira, Frades, Lagartóns, Olives, e Ribeira que aumentaron a súa poboación. Do resto todas perden poboación en 2009 agás Barbude, Loimil, Orazo, Riobó e Toedo que manteñen as mesmas cifras que no censo anterior. Os números totais destes dez últimos anos son os seguintes:
Ano 2000 - 426
ano 2001 - 418
ano 2002 - 404
ano 2003 - 392
ano 2004 - 383
ano 2005 - 382
ano 2006 - 373
ano 2007 - 365
ano 2008 - 360
ano 2009 - 361
En canto á distribución de xénero sempre se rexistra un número maior de mulleres que de homes, habendo na actualidade unha distribución de 179 homes fronte a 182 mulleres dos 361 veciños totais censados na parroquia.