17 de abril de 2013

Aumentan os vertedoiros incontrolados preto do Punto Limpo:::


Nos últimos meses volvéronse detectar novos vertedoiros incontrolados en distintos puntos de Ouzande. A pesar de que o Concello xa tiña eliminado algúns deles o ano pasado, veñen de aparecer novos focos de contaminación ao tempo que  agroma o malestar veciñal. Antigamente era a zona do "vertedoiro" na zona limítrofe coa parroquia de Matalobos a que rexistraba este tipo de depósitos, o problema quedou solucionado hai moito tempo coa clausura deste punto. Agora renacen pequenos focos de lixo urbano nas proximidades do Punto Limpo. Hai quen afirma que se deba a que a xente que atopa pechado este depósito decida deixar os seus voluminosos en calquera parte próxima. Os lugares máis afectados son as pistas forestais da zona de Penerada e do Picoto. Os restos que se poden ver son de electrodomésticos, restos de obras, ferralla e mesmo sacos con herba. Estes aumentan a sensación de suciedade e contaminación da zona que tamén sofre os vertidos da depuradora do matadoiro, sobre todo cando chove moito e os restos de sangue e escuma se adonan das beiras dos camiños máis próximos.O punto limpo permanece aberto para as persoas que desexan ir por conta propia os xoves e venres de 9 da mañá a 1 do mediodía e os sábados todo o día (de 10 a 1 e de 4.30 a 7.30) Pódese acceder desde o lugar de Penerada comodoamente pois está detrás do matadoiro. Hai un núemro de teléfono para atender calquera dúbida sobre este servizo (649 490 623)
Restos de electrodomésticos na zona do Curro (pista forestal O Picoto-Penerada)
ferralla, restos agrícolas, pneumáticos e restos de obra en Penerada

14 de abril de 2013

Arranca a primavera a ritmo de pedal:::


O sol non quixo perder canda a 50 persoas esta mañá a última ruta BTT organizada pola Peña Ciclista Bikestrada. A marcha arrancou da Praza do Concello da Estrada pouco despois das 10 da mañá, enfilou pola Avenida Benito Vigo dirección ao Monte da Somoza polo camiño de Penerada, subindo cara ao alto do Monte de Ouzande, bordeou a Pedralba e volveu polo mesmo camiño. Foron uns 25 km que deixaron moi bo sabor de boca aos deportistas. Bikestrada pechou así as chamadas "Rutas Populares" desta primavera, centrándose agora nas clásicas "Ruta do Salmón" e "Rapa das Bestas".


1 de abril de 2013

Coa primavera volven as bicicletas:::

O vindeiro domingo día 14 de abril veremos unha recua de bicicletas a subir polo monte de Ouzande, trátase dunha nova edición das "Rutas Populares" organizadas pola Peña ciclista BIKESTRADA en colaboración co Concello. Xa celebraron a Iª Quedada Feminina e dúas rutas infantís, agora tócalle o turno as que se dirixen aos adultos. O vindeiro domingo terá lugar a primeira que percorrerá o val do Liñares e parte da coñecida como "Ruta do Salmón" (Praia Fluvial do Liñares, Moreira, Barbude, Paradela e Aguións) A segunda ruta será a ouzandesa e subirá ao Monte da Somoza e ten unha distancia duns 18 km. Este é un percorrido moi aplaudido polos amantes da bicicleta todo terreo (BTT) polas fermosas vistas e polo entorno privilexiado que ofrecen os montes de Ouzande  e maila Somoza.
Para participar chega con ter unha bicicleta e levar casco. A saída é na Praza do Concello da Estrada un pouco antes das dez da mañá.

Imaxes da primeira das rutas deste ano, a Iª Quedada Feminina, pola zona de Callobre

16 de marzo de 2013

Retrouso fixo soar "OU" nos Seráns en Compostela:::

Santiago de Compostela volveu acoller as sesións nocturnas de música e baile tradicional que se viñan celebrando na Sala Nasa baixo o nome "Seráns da Nasa" mais desta volta con nova ubicacións; a Nave de Vidán e novo nome "Seráns en Compostela". A novidade é que se imparten ao inicio unhas aulas de baile tradicional para que todo o mundo se poida poñer a bailar ao son dos distintos músicos que animan a velada. Desta volta, e para a estrea, quixeron contar con Retrouso quen deu boa conta das pezas do seu disco "OU" levando un anaquiño de Ouzande ao barrio compostelán de Vidán. Logo dos bailes ao son dos "Retrousos" tamén actuou a mítica formación Ultreia e presentaron as músicas do Ghusto do Boi. Ao remate houbo música con mesturanza de formacións e instrumentos ata altas horas, a pesar de ser xoves e o venres ser día laborable. 






14 de marzo de 2013

Esta noite Retrouso participa nos "Seráns en Compostela":::

Hoxe, xoves 14, o grupo local Retrouso actuará na "Nave de Vidán" xunto con outras formacións de carácter tradicional no que se coñece como "Seráns en Compostela". No cartel aparecen as formacións "Ultreia", "O Ghusto do Boi" e "Retrouso". A velada comeza ás nove e media cun obradoiro de baile tradicional impartido pola profesora Eva Barona de Ultreia, a seguir (10.30) é o turno dos ouzandeses que presentarán as pezas do seu disco OU. Ás 11.15 o grupo de música e baile Ultreia dará conta do seu bo facer deixando para a medianoite a actuación do Ghusto do Boi. Ao remate haberá foliada tradicional ata que "o corpo aguante".
A "Nave de Vidán" está en Santiago de Compostela, na Avenida Mestra Victoria Míguez, á altura do número 44, próximo ao Hospital Clínico e ao Campus Sur da USC.
Cartel do evento
Retrouso na actuación de presentación de OU no Teatro Principal da Estrada
mapa coa ubicación da "Nave de Vidán"

13 de marzo de 2013

A neve deixouse ver timidamente en Ouzande:::

Unha fina nevada cubriu hoxe a parroquia de Ouzande. A vaga de frío polar procedente da rexión escandinava xa se comezou a sentir na tarde de onte cun descenso imparable das temperaturas, deixando os ceos despexados durante a noite e provocando unha forte xeada, xa contra a mañanciña a neve caída callou con forza nas veigas e tellados ouzandeses pero como as precipitacións non foron abondosas, as folerpas non causaron problemas na rede viaria. O que si houbo hoxe foi unha fermosa estampa de inverno para alegría de pequenos e maiores.  As previsións de Meteogalicia falan dun ascenso da cota de neve ao longo do día, deixando temperaturas baixas pero sen máis neve. Este episodio climatolóxico súmase ás intensas chuvias, sarabias e ventos fortes dos últimos días que están a converter no presente inverno nun dos máis húmidos e desapacibles dos últimos anos. 


10 de marzo de 2013

Entrevista musical a Miguel Carbajal:::

Reproducimos unha entrevista realizada por Sara Valcárcel a Miguel Carbajal, veciño de Ouzande e profesor de Música no IES Manuel García Barros. Achéganos unha serie de reflexións sobre o mundo da educación e da música.