29 de abril de 2013

Tequexetéldere volve de Murcia con moi bo sabor de boca:::

A agrupación estradense Tequexetéldere estivo esta fin de semana no XXX Festival de Folclore "Villa de Bullas", na provincia de Murcia. Estiveron convidados canda a outros grupos de Toledo e Murcia cos que compartiron escenario e esperiencias. Ademais tiveron a oportunidade de degustar a gastronomía da zona, sobre todo dos produtos da afamada horta murciana e do viño local. De feito fixéronlles unha recepción oficial no centro de interpretación deste alcol. 
A gaiteira ouzandesa Noelia Bouzón tivo a oportunidade de formar parte da comitiva de tequexetéldere e vivir esta experiencia. Todo saíu segundo o previsto. A boa música mesturouse co cansanzo motivado poas moitas horas de autobús coas que concluíron esta longa viaxe. As impresións do grupo quedan plasmadas nun tuit que publicaron na súa conta de twiter: "Os nosos gaiteiros tocando no festival xunto con grupos de Toledo e Murcia. Que cerca vivimos e que diferentes somos" 


27 de abril de 2013

"Avelaíñas teatro" suspende a ruta teatralizada nos muíños de Ouzande polo mal tempo:::

A inestabilidade metereolóxica que hoxe trouxo frío e chuvia provocou que o grupo de teatro do IES Antón Losada se vise na obriga de suspender a ruta teatralizada que tiñan preparada para as 12 do mediodía. Ao lugar si chegou un dos autobuses que traía escolares de Palas de Rei, pero pronto se desviou para o IES Antón Losada onde se xuntaron cos de  Touro, Laxe e A Estrada para seguir as actividades do seu I Festival de Teatro da Estrada a cuberto. Ás cinco da tarde e no Teatro Principal a Escola de Teatro de Laxe e o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei secenificarán a obra "Ficcións". Ás 7.30 do serán han ser a Aula de Teatro do C.P.I. de Touro e maila Aula de Teatro do IES Antón Losada "Avelaíñas Teatro" quen presenten "No Mundo da Fantasía".
As actividades terán que ser a cuberto, na foto a Aula de Teatro de Laxe nunha actividade dramática





26 de abril de 2013

Arranca unha fin de semana moi activa coa actuación de Retrouso en Couso:::

Retrouso actúa esta noite en Couso, dentro das "Foliadas en Couso" que se celebra un venres de cada mes desde febreiro e ata maio. Desta volta os ouzandeses comparten cartel con outras dúas formacións da zona; os Regatos de Matamulleres e as Ruadeiras de Loimil. As gaitas de Retrouso han soar con forza na veciña parroquia de Couso, pero tamén levan rumbo á outra punta da península, pois a gaiteira Noelia Bouzón viaxa arestora con Tequexetéldere ao XXXI festival "Villa debBullas" onde tocarán e bailarán distintas pezas do noso folclores canda a outros grupo de Murcia e Toledo. Mañá está previsto que sexan recibidos no Museo del Vino desta localidade murciana. A actuación será pola tarde e na mañá do domingo participarán nun pasarrúas pola vila, antes do regreso.
Esta é unha fin de semana moi activa para Ouzande, pois ao mesmo tempo que isto pasa camiño de Murcia e Couso, este mesmo serán outra comitiva de ouzandeses parten á capital da provincia para estrearse no certame Cantos de Taberna baixo o nome de Recanto. Así mesmo mañá ás 12 do mediodía o grupo de teatro do IES Antón Losada da Estrada debuta na Fervenza de Ouzande cunha ruta teatralizada á que acodirán máis de 200 escolares de distintos puntos de Galicia.


25 de abril de 2013

Presentación do ORFEÓN RECANTO mañá nos "Cantos de Taberna" de Pontevedra:::

Mañá venres 26 de abril ás 9 do serán presentarase ao público o orfeón nacido das clases de canto de Ouzande. O nome do mesmo foi escollido entre todos; "RECANTO" facendo un dobre xogo de palabras. Ao pouco de comezaro curso xa ofreceran unha pequena actuación no magosto de Ouzande, pero desta volta saen da parroquia con nome propio. 
A iniciativa na que van actuar chámase "Cantos de Taberna" e desenvólvese durante distintos venres da primavera en tabernas do casco histórico da cidade do Lérez. Son dous os locais nos que poderemos oir as voces de Ouzande; Lareira e Rebusco, que colaboran nesta iniciativa de Maravallada e que pretende devolverlle os cantos tradicionais ás tabernas da cidade.
Pero "Recanto" non vai só, son numerosas as persoas de Ouzande, familiares e amigos que se unirán mañá a esta actuacíón, dándose cita ás 8 do serán diante da Taberna para sairen xuntos. As actuacións arrancan ás 9 e prolónganse ata a medianoite. Estarán arroupadas polo grupo Maravallada, organizadora do evento.




21 de abril de 2013

200 escolares visitarán a Fervenza de Ouzande:::

O IES Antón Losada Diéguez promove unha actividade didáctica que traerá o próximo sábado máis de 200 persoas a visitar a igrexa e os muíños de Ouzande. Os promotores desta iniciativa son os membros do grupo de teatro Avelaíña que durnte este mes están "de xira" con actuacións e intercambios noutras localidades galegas. O pasado 13 de abril participaron en Palas de Rei na V Mostra de Teatro Escolar cun roteiro teatral polo Castelo de Pambre. Nestes intercambios cada centro promove dar a coñecer a zona con rutas teatralizadas que é o que van facer o día 27. A previsión é que cheguen en 4 autobuses ás 12 do mediodía e fagan unha pequena ruta polos muíños da Fervenza de Ouzande. En diversos puntos varios actores interpretarán pequenas pezas teatrais para dar a coñecer mellor o lugar. Ás dúas do mediodía estarán no adro da igrexa para xantar e coñecer o pasado medieval da parroquia grazas ao templo parroquial. 
O xantar farano no adro da igrexa de Ouzande

A igrexa románica de Ouzande recibirá aos escolares

A Fervenza de Ouzande será escenario dunha ruta teatralizada



A musicoterapia chegou a Ouzande:::

O curso de musicoterapia será os xoves 25 de abril e 2 e 9 de maio. Así o acordaron as persoas que onte asistiron á reunión informativa e organizativa, a hora escollida é as 7 do serán. Cada sesión terá unha duración dunha hora. A profesora deste curso é Natalia Carbajal, especialista no tema e vicepresidenta da Fervenza de Ouzande. Durante a sesión de presentación explicou cales eran os obxectivos destes obradoiros e xa foi quentando motores cunha actividade a modo de exemplo do que se vai facer. 
A Musicoterapia pretende restaurar e potenciar a saúde das persoas que a practican. Apóiase en distintas disciplinas como a musicoloxía, pedagoxia, psicoloxía... e constitúe unha das chamadas "terapias creativas" que máis gustan a quen as practica. Segundo explicou a profesora é interesante que haxa unha certa homoxeneidade nas persoas que acoden ao curso simplemente polo feito de usar unhas músicas que agraden a todos, pois coa musicoterapia búscase ter un momento agradable e propiciar a felicidade con un mesmo, por isto tamén recomendou a utilización de roupa cómoda. O importante non é a calidade musical, nin as capacidades rítmicas de cada un, senón o proveito que se lle poida sacar a todo isto. Para o primeiro día xa hai deberes, os asistentes deben traer algún "instrumento caseiro" podendo facer uso de calquera material de refugallo ou reciclaxe que se teña na casa e co que se poida facer algo de música; botes de cristal con fabas, testos de potas con culleres de madeira e metal, botellas...
Natalia Carbajal imparte o curso

Entre todos acordouse que as sesións sexan os xoves

A modo de exemplo fíxose un xogo de coordinación e ritmo

18 de abril de 2013

A primavera chega definitivamente a Ouzande da man da Fervenza de Ouzande:::

A Fervenza de Ouzande comezará esta semana a súa programación de actividades culturais para esta primavera. Na tarde do vindeiro sábado haberá unha reunión para dar a coñecer unha novidosa actividade dirixida a persoas maiores, un curso de "musicoterapia" impartido por Natalia Carbajal.
Outras das iniciativas que compoñen o porgrama de actividades da primavera son as "rutas a pé" do programa "imos andar" que se levarán adiante os días 1 e 17 do vindeiro mes e o 9 de xuño. Os lugares escollidos para camiñar son a propia parroquia de Ouzande e as veciñas da Somoza e Taberirós. 
Tamén está previsto que haxa unha charla sobre os "coidados do coidador" no mes de maio.
En xuño terá lugar a tradicional excursión, concretamente o día 2 e con destino en terras do interior. Nese mesmo mes, o 23 celébrase a festa do lumeiro, actividade coa que se pechan as iniciativas primaverais da Fervenza de Ouzande.

O curso de musicoterapia ten como obxectivo a mellora de habilidades e capacidades tales como a memoria, a capacidade comunicativa e de linguaxe, a concentración e atención, o equilibrio... así como o aspecto psicolóxico (mellora do estado de ánimo ou da autoestima). O método de traballo baséase no uso da música como elemento de comunicación con un mesmo. A idea é que este sábado as persoas interesadas fixen o horario que mellor lles conveña, en función da demanda e das posibilidades establecerase o calendario e horario das distintas sesións que compoñen este curso. Ofrece máis información A Fervenza de Ouzande no seu blog; www.carreiros.blogspot.com

Cartel do curso de musicoterapia que organiza A Fervenza de Ouzande