17 de maio de 2013

A "Ruta das Letras" desafiou ao mal tempo e coroou a Pedralba:::

A VIII Ruta das Letras desafiou esta mañá ás condicións metereolóxicas e foi capaz de subir ao alto do Monte da Somoza. Pasadas as 9:30h da mañá partían da igrexa de Ouzande uns 25 camiñantes cara ao Picoto para ascender polos camiños do monte cara ao alto de Pedralba, a uns 630 metros de altitude. As previsións de mal tempo non frearon aos camiñantes que se defenderon con chuvasqueiros e paraugas das ameazas de treboada. Durante a ruta houbo varios momentos de emoción, como cando unha importante manda de cabalos se cruzou no seu camiño ou no momento en que unha treboada de auga e sarabia quixo frear aos sendeiristas a poucos metros do punto xeodésico da Pedralba. O regreso fíxose polos camiños das carballeiras da Somoza coa melloría do tempo. Xa no adro da igrexa de Ouzande, os organizadores agasallaron aos participantes con libros para celebrar o Día das Letras, pero tamén tiñan unha sorpresa preparada para honrar ao autor teatral Roberto Vidal Bolaño, a quen se lle dedica este día. Fixeron a lectura dun anaco da Bailadela da Morte Ditosa, escenificando a historia dun mozo que se encontra coa morte e que lle pide que cando teña que ir para onda ela, que o avise.
Con esta ruta, A Fervenza de Ouzande vai avanzando na programación cultural da primavera, as próximas citas son o día 2 de xuño coa excursión anual e o día 9 con unha nova ruta a pé, desta vez por terras de Tabeirós.

Foto de grupo antes da saída

Camiño do alto da Pedralba

Foto da Victoria, no punto xeodésico do monte

Un momento de aventura entre grandes toxos

Lendo a Roberto Vidal Bolaño

e de premio, libros

15 de maio de 2013

"Pedegree" concursará en "Filmar para cambiar" e "Cinema Jove de València":::

A curtametraxe "PEDEGREE" foi preseleccionada para participar nestes dous concursos logo de levar o segundo premio no Festival de Cinema de Ourense, tamén foi finalista aos Premios da Acción Maxistral, polo que o día 22 deste mes ha ser proxectado no marco de Filmar para Cambiar e contra finais de xuño no encontro audiovisual Cinema Jove de València, un certame de novos artistas do audiovisual que xa vai pola edición 28 e que se celebra anualmente en Valencia.
Pedegree é un proxecto benéfico do IES Manuel García Barros no que colaboran persoeiros da literatura e do deseño e que aportará fondos para a Cruz Vermella.



11 de maio de 2013

A Ruta das Letras sobe á Pedralba:::

O Monte da Pedralba será o destino deste ano no día das LETRAS GALEGAS. Así o vén de anunciar a Fervenza de Ouzande, organizadora da actividade e quen, cada ano mestura natureza, deporte e letras galegas. Desta volta o homenaxeado é o autor teatral Roberto Vidal Bolaño. A saída é algo máis cedo que de costume pois a ruta é un pouco máis longa que o habitual xa que ten como obxectivo subir ao alto do monte da Somoza para gozar dunhas vistas espectaculares, será algo así como subir ao cumio da Estrada para vela dende o aire ao mesmo tempo que se goza das vistas sobre a Ría de Arousa, dos montes da provincia de Ponteveda, da área do Deza e Trasdeza, da conca fluvial do Ulla e do Liñares e, mesmo, se o tempo está claro poderáse adiviñar boa parte da provincia da Coruña. Para chegar alí usaranse camiños cubertos de pólas de carballo e acivros. Á volta agasallarán aos camiñantes con libros e non descartan algunha que outra sorpresa. Esta é a segunda das rutas a pé desta primavera e unha das que máis espectación levanta pois achégase xente de distintos lugares que queren aproveitar esta data festiva para coñecer un pouco máis a nosa zona e gozar co mundo das letras desde unha perspectiva lúdica. Pódense consultar todos os datos técnicos no blog da asociación cultural A Fervenza de Ouzande.

vistas desde a Pedralba

bestas pacendo no monte da Somoza

A Estrada desde a Pedralba


3 de maio de 2013

Xa está a venda "Pedegree", un proxecto benéfico do IES Manuel García Barros:::

Trátase dun proxecto benéfico no que colabora moita xente, así o mostraron onte no MOME da Estrada na súa presentación membros do IES García Barros que son os promotores da iniciativa. A portada foi cousa de Rosa Herraiz e os deseños interiores de alumnado do centro educativo. Os textos son de distintos autores galegos como Suso de Toro, pero a maioría teñen selo da zona, coma dous textos de Xosé Manuel Martínez Oca ou un de Manuel Pereira Valcárcel.
Este proxecto consiste nun conxunto de relatos entrelazados por un tema común, o maltrato animal. inclúe un DVD feito polo grupo de creación artística que dirixe Miguel Carbajal e xa está nas librerías da Estrada. O diñeiro que se recaude coas vendas estará destinado á Cruz Vermella. Son mil exemplares a 10€ a unidade que buscarán un fondo de 10.000€, o froito material e benéfico deste proxecto coral.  




1 de maio de 2013

O maio arrancou en Ouzande cunha ruta a pé polos camiños e carreiros da parroquia:::

Hoxe comezou o mes de maio en Ouzande cunha camiñata organizada pola Fervenza de Ouzande. Ás dez da mañá dábanse cita na igrexa parroquial unha quincena de persoas preparadas para botarse a andar pola parroquia. En total foron uns 10km de ruta que se prolongou ata a unha do mediodía.  Arrancaron pola parte de atrás da igrexa para observar de preto a ábsida románica do templo parroquial e logo foron cara ao Formigueiro por disintas pistas e camiños da parte leste da parroquia. Subiron cara ao monte de Ouzande desde a Moroza para desviarse por distintas pistas forestais da zona da Somoza e volver  para o medio da parroquia polos Muíños da Fervenza e maila Fonte do Redondo. Posteriormente baixaron do Picoto pola calzada cara ao Redondo e así deron fin á ruta ao pé da centenaria igrexa que fora o punto de saída. As boas condicións atmosféricas do día de hoxe foron favorables para a realización desta ruta, aínda que os ceos estaban totalmente cubertos e tiraba un pouco de aire frío, ao botarse a andar de contado se entrou en calor. A próxima "Ruta a pé" ha ser o vindeiro día 17 de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas.


Pouco despois da saída, polos camiños cara ao Formigueiro

O grupo atravesa unha zona de eucaliptos no Monte de Ouzande

Houbo tempo para recrearse

29 de abril de 2013

Este mércores, día do traballo, Ouzande bótase a andar:::

 Este mércores, 1 de maio, celébrase o día internacional do traballo. Xa hai anos que a Fervenza de Ouzande aproveita esta efeméride para "ir andar" gozando polo tanto dun día de ocio polos camiños e carreiros da zona. Desta volta teñen a previsión de facer unha ruta semellante a dos últimos anos, dando a coñecer un pouco mellor a parroquia tanto a veciños como a visitantes. A saída é ás 10 da mañá da igrexa parroquial de Ouzande. É unha actividade gratuíta e á que pode ir calquera persoa preparada para percorrer os 10 km da camiñata. Será un "paseo" posto que se prolonga ata a unha do mediodía ao ir parando en diversos puntos de interese cultural e paisaxístico da zona; carballeiras, bosques de acivros, muíños, a igrexa románica, a Fervenza... Aínda que é de dificultade baixa, recomendan ir preparados con roupa axeitada para camiñar e combater as posibles inclemencias metereolóxicas, tendo en conta que o chuvioso inverno deixou zonas moi húmidas e enlameadas.
cartel da actividade

Imaxe da ruta do ano pasado





Tequexetéldere volve de Murcia con moi bo sabor de boca:::

A agrupación estradense Tequexetéldere estivo esta fin de semana no XXX Festival de Folclore "Villa de Bullas", na provincia de Murcia. Estiveron convidados canda a outros grupos de Toledo e Murcia cos que compartiron escenario e esperiencias. Ademais tiveron a oportunidade de degustar a gastronomía da zona, sobre todo dos produtos da afamada horta murciana e do viño local. De feito fixéronlles unha recepción oficial no centro de interpretación deste alcol. 
A gaiteira ouzandesa Noelia Bouzón tivo a oportunidade de formar parte da comitiva de tequexetéldere e vivir esta experiencia. Todo saíu segundo o previsto. A boa música mesturouse co cansanzo motivado poas moitas horas de autobús coas que concluíron esta longa viaxe. As impresións do grupo quedan plasmadas nun tuit que publicaron na súa conta de twiter: "Os nosos gaiteiros tocando no festival xunto con grupos de Toledo e Murcia. Que cerca vivimos e que diferentes somos"