6 de xuño de 2013

Aumenta a preocupación veciñal pola vaga de roubos:::

Os roubos estanse a intensificar nas últimas xornadas en Ouzande, coa conseguinte preocupación da veciñanza. A última das actuacións delitivas tivo lugar na mesma igrexa parroquial. Os "cacos" romperon a porta da caseta e conseguiron extraer polo menos unha lata de gasoil do cortacéspede, deixando danada a citada porta. Días atrás entraron en casas particulares e levaron o primeiro que atoparon; distintos enseres domésticos ou comida. Estes "furtos" e "roubos" están facendo que aumente a preocupación e maila sensación de inseguridade en Ouzande. Os propios veciños aconséllanse estar alerta e avisar aos demais se se ve algo extraño na tranquila vida da aldea así como pechar e protexer o mellor posible as vivendas. 
Os ladróns danaron a porta para efectuar o roubo

4 de xuño de 2013

Comezan as festas de Santo Antonio:::

Este venres día 7 de xuño, Ouzande celebra a primeira festa da tempada, a de Santo Antonio. Anticipándose 6 días ao día propio, faise cadrar así en venres para favorecer a asistencia da veciñanza e festeiros. Os actos relixiosos serán ás 8 e media do serán e consistirán nunha misa rezada. A continuación  celébrase un dos grandes reclamos desta festividade que é a degustación gratuíta de sardiñas. A partir das 10 da noite comeza a festa propiamente dita con tres formacións locais: Berros do Castro, Regato de Matamulleres e Retrouso.
cartel anunciador da festa
Video desta festa na edición de 2012:

2 de xuño de 2013

De viaxe pola historia de Ourense:::

Na excursión deste ano, A Fervenza de Ouzande quixo viaxar alén das fronteiras do espazo e do tempo, así é que un autobús con 50 viaxeiros arrancou hoxe con destino ao Ourense romano. As explicacións na cidade correron a cargo de Diego, Pili e Miguel, tres voluntarios amigos da asociación e veciños da cidade das burgas que mostraron maxistralmente e de primeira man os principais lugares da cidade da ponte romana. Unha das primeiras paradas foi o Centro de Interpretación das archicoñecidas burgas, logo veu o entramado urbano deste o Montealegre cara ao río, as edificacións que foron testemuña das andanzas de múltiples personaxes ao longo da historia, tensión Concello e clero ou o Ourense decimonónico ata o máis actual. Un gran paseo que nos encheu de coñecementos sobre a vila do Santo Cristo. O xantar realizouse ao pé do Miño, na Feira Nova, entre a Chavasqueira e a Fonte do Tinteiro. Non houbo moito tempo de relax pois as visitas da tarde comezaban cedo, así que o autobús da Fervenza de Ouzande arrancou cara ao veciño municipio de Bande, na Baixa Limia. Alí coñeceuse a igrexa de Santa Comba que causou admiración e sorpresa por estar atendida polos veciños ante o desleixo das administracións. Aquis Querquennis foi a última das visitas. Tras pasar polo centro do interpretación que axudou a entender mellor o xacemento militar houbo paseo polas ruinas anegadas e tempo de reflexión do valor dos vestixios históricos e a súa conservación e difusión. A anécdota deuse no momento de emprender camiño de volta a Ouzande, pois unha farola que dificultaba as manobras do autobús tivo que ser desmontada e así poder sacar o vehículo do aparcadoiro do xacemento. Cumprida a folla de ruta do Ourense máis histórico hai que agardar á excursión do ano próximo coa satisfacción e a alegría de ter pasado un fermoso día de sol polas terras ourensás atrás das pegadas que desde os romanos nos foi deixando a historia.








31 de maio de 2013

Ouzande marcha de excursión::

Mañá domingo, Ouzande marcha de excursión. A Fervenza de Ouzande organizou a tan agardada saída anual con destino á terceira cidade máis grande de Galicia, Ourense. O inicio está previsto para as 9 da mañá con chegada ao "outro OU" aló polas 10.30h. A primeira das visitas será para a cidade histórica e inclúe o paso polo Museo das Termas  e un roteiro guiado polas principais rúas. O xantar está previsto para as 14:00h no Campo da Feira de Ourense. Trala comida a excursión trasládase ao veciño concello de Bande onde se visitará a igrexa de Santa Comba (século VIII, visigótica), única desta tipoloxía que se conserva en toda Europa. A última das visitas será no campamento militar de Aquis Querquenis, os restos romanos dun asentamento que tiñan as tropas romanas ao pé da Vía XVIII ou Vía Nova que unía Bracara Augusta con Asturica Augusta. Ao remate vólvese para Ouzande, agardando estar aquí de volta ás nove do serán.


29 de maio de 2013

"Pedegree" obtén o terceiro premio en "Filmar para Cambiar":::

A curtametraxe "Pedegree" xa vai colleitando os seus premios, desta volta conseguiu o terceiro premio na primeira edición do concurso "Filmar para cambiar" organizado por Verdegaia, A Xuntanza e Amarante. No festival de Cine de Ourense xa gañara o segundo premio e tamén está proposto en máis certames, como o "Acción Magistral" ou o Festival de Cine Jove de Valencia.
A Aula de Creación artística do IES Manuel García Barros é a produtora desta curta, os profesores Carlos Loureiro, Xoán Xosé Pérez e Miguel Carbajal acudiron a recoller o diploma canda a Abel e Laura Carbajal.
Carlos Loureiro, Abel Carbajal, Xoán Xosé Pérez, Miguel Carbajal e Laura Abalde no acto de entrega

diploma acreditativo do premio



Tatuaxes, de Manuel Pereira, tamén en Madrid:::

Manuel Pereira presentará o próximo mércores 5 de xuño o seu libro Tatuaxes no Ateneo de Madrid. Esta obra fora publicada por Follas Novas en outubro de 2011 mais agora presenta unha edición bilingüe galego-castelán pois así como Inventario de Fragmentos falaba da súa estancia en Zaragoza, Tatuaxes reflicte momentos da súa vida en Madrid. Nesta ocasión publícaa a editorial Amargord e no acto han intervir o editor Luís Luna e os escritores Vicente Araguas e Luz Pichel.
imaxe da presentación de Inventario de Fragmentos o pasado mes de xaneiro en Ouzande

Manuel Pereira recitando un poema de Inventario de Fragmentos

18 de maio de 2013