15 de setembro de 2014

Bikestrada celebrou a XIII Rapa das Bestas BTT:::

Saída na Praza do Concello
Bikestrada celebrou o pasado sábado 13 de setembro a XIII edición da ruta Rapa das Bestas, un evento de referencia no mundo BTT e que se complementou cun duatlón, un trail de montaña e cunha ruta de sendeirismo. A ruta BTT tiña dúas modalidades, unha longa con 75 km e outra curta con 45 que partiron da Praza do Concello ás 10.00h e que levaron aos deportistas polos montes de Ouzande, A Somoza, Arca, Montillón e Sabucedo por un trazado moi esixente con subidas que nalgúns tramos chegaron ata o 20%. As dúas rutas coincidiron os primeiros 24 km, a curta desviouse en Sabucedo polo Alto do Peón, lugar coñecido por ser onde se reúnen as bestas para a rapa e polas Quintas de Codeseda facendo o regreso polas inmediacións da Torre de Guimarei.
Javi Busto, Brandán Márquez e Charly Rodríguez
Na ruta longa os tres primeiros en chegar foron o compostelán Brandán Marquez do Team Corbelo que fixo os 75km en 3:29h, o segundo  Rubén Atrio do Cc Monforte (3:42h) e en terceira posición quedou o verinés Carlos González Rodríguez (3,52h) de Bicicletas Salchi. Na modalidade curta os tres primeiros clasificados foron Antonio Casal Rey do Club Ciclista Do Salnes, Tono Abal Nartallo do Cdm Xesteiras e Miguel Ángel Nogueira Pérez do Noitebra.
Na modalidade de duatlón a saída cadrou coa ruta BTT e en Montillón fixeron un tramo moi esixente de 11km. Na versión longa desta modalidade houbo 5 participantes que chegaron nesta orde: 1 Josecho Gonzalez Rey, 2 Celestino Pazos Garcia, 3 David Asperez Dopazo, 4 Marcos Perez Souto e 5 Armando Piñeiro Perez. Na versión curta participaron 14 persoas, quedando primeiro José Manuel Rodríguez, segundo José Luís Falcón e terceiro Fernando Álvarez.
O trail de montaña tivo o mesmo percorrido nos 10 primeiros km, desviándose en Escariz cara o lugar do Outeiro e volta á Estrada pola Somoza. Dos 24 participantes, os tres primeiros en chegar foron Lois Rodríguez, Yago Abeledo e Jesús Herrrera.
Grupo de sendeirismo no Pozo da Fervenza.
A Ruta BTT Rapa das Bestas propiciou que os participantes gozasen do monte en distintas modalidades deportivas e tamén deseñaron unha ruta de sendeirismo na que participaron unhas 25 persoas procedentes de toda Galicia. Arrancaron da Estrada á mesma hora e achegáronse a Ouzande polo Redondo para coñecer os Muíños da Fervenza, subindo ao Monte de Ouzande e da Somoza, Castrorramiro para volver á vila por Tabeirós.




Guimarei acolleu a XX Feira da Becerra Selecta e a Feira Sustentable:::

O recinto feiral de Guimarei foi escenario a pasada fin de semana da XX edición da Feira da Becerra Selecta, na que se deron cita 27 gandeirías das comarcas do Deza e Tabeirós. A exposición abriu as súas portas o sábado 13 ás 12h, momento no que foi inaugurada pola Directora Xeral de Produción Agropecuaria da Xunta de Galicia e mailo alcalde da Estrada. A cita serviu para recuperar a Feira Sustentable que con 15 postos puxo á venda produtos relacionados co agro e a gandeiría así como artesanía. Durante o sábado e ata as 20h houbo distintas actividades relacionadas co sector como a X edición da degustación de becerro frisón, un concurso de aptitudes gandeiras ou un concurso de manexo de tractores. Xa no domingo celebrouse o XVII Concurso Frisón na que a gandeiría Pereira de Forcarei foi a gran triunfadora con oito mencións. 





3 de setembro de 2014

O Concello da Estrada deslindará os terreos do Campo da Festa de Guimarei:::

O Concello da Estrada vén de facer público o edicto polo cal anuncia o inicio dos trámites para o deslinde do Campo da Festa da parroquia de Guimarei. Este recinto, ubicado no lugar da Cruz, foi un dos protagonistas do pleno que se celebrou o pasado 7 de agosto trala polémica suscitada na parroquia por unhas obras que invadían o espazo público. Un veciño presentou unha denuncia particular por este asunto mentres que a asociación veciñal Santa Apolonia fixo un rogo no Concello para que se delimitase o recinto e así se evitasen hipotéticos problemas en accións urbanísticas futuras. A construción do campo fíxose coa cesión de terreos limítrofes dos veciños pero nunca se deslindou oficialmente, de maneira que un particular que quixo pechar o seu terreo e solicitou permiso municipal en 2013 puido facer a obra atendendo ás normas vixentes pero invadindo o espazo anteriormente cedido para o recinto festivo.
O proceso xa foi publicado no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra (BOP), polo momento xa se pode consultar este expediente no departamento de urbanismo do Concello da Estrada, sito no terceiro andar do consistorio e en horario de oficina (de 9 a 2 da mañá) coa posibilidade de presentar alegacións e documentación acreditativa. Os trámites comezarán o 27 de novembro ás 10 da mañá e serán feitos pola Oficina Técnica Municipal.

2 de setembro de 2014

Fervenza de Músicas e Tania Fuegho no Socorro 2014:::

A novena ao Socorro celébrase desde o 4 ao 12 de setembro ás 21:00h
O venres 12 Fervenza de Músicas con Milgrandeira, Vou vir vor ver, A Xuntanza de San Pedro, Retrouso e Recanto.
Concerto de Tania Fuegho o sábado 13 co grupo Fénix.
Pasarrúas e concerto da Banda Cultural da Estrada o domingo
Tradicional poxa de ofrendas á Virxe o domingo 14.
A vindeira fin de semana -12, 13 e 14 de setembro-, Ouzande vólvese vestir de gala para celebrar as festas  do Carme e do Socorro. Fieis á tradición, os devotos da Virxe do Socorro frecuentarán a novena que se celebra desde o día 4 ao 12 ás 21:00h na igrexa de Ouzande. 
O vernes 12 comeza coa VII edición da foliada "Fervenza de Músicas" que arranca ás 22h con polbeiro e música tradicional. O sábado misa ás 13.15h e actuación do grupo Fénix tanto ao mediodía como na verbena, á noite estarán acompañados da televisiva Tania Fuegho que ofrecerá un concerto con repertorio propio. O domingo 14 hai misa ás 13.15 e a tradicional poxa das ofrendas á virxe, durante a mañá pasarrúas e concerto da Banda de Música Cultural da Estrada.

IV FERVENZA DE MÚSICAS
Membros de Recanto portando
 o cartel da Foliada.
As vésperas das festas xa comezan coa animación da "Fervenza de Músicas", unha foliada de música tradicional promovida pola Fervenza de Ouzande desde hai 7 anos e na que ademais de polbeiro haberá festa a cargo de varios grupos como son os estradenses Milgrandeira, os composteláns Vou Vir Vor Ver e A Xuntanza de San Pedro e mailos ouzandeses Recanto e Retrouso. Milgrandeira parte da formación recibida na escola de música tradicional de Barbude e xa participaron en festas coma o Lumeiro de Guimarei ou "Unha noite no muíño" en Ouzande. Vou vir vor ver é un grupo de Santiago de Compostela que actúa por vez primeira na zona, a Xuntanza de San Pedro nace no popular barrio compostelán de San Pedro ao abeiro das clases de música tradicional da asociación cultural que hai nesa coñecida rúa. O grupo Retrouso actúa como anfitrión da festa ofrecendo pezas do seu rico repertorio e recollido no disco "Ou". Unha das actuacións máis agardadas da noite será a do grupo Recanto, formado por veciños e veciñas da parroquia que participan nas clases de canto tradicional que se celebran no local social.


TANIA FUEGHO E FÉNIX O SÁBADO

Desde Mazaricos chega a televisiva Tania Rodríguez, máis coñecida como Tania Fuegho desde que participou no concurso Son de Estrelas da TVG chegando á final. Con tan só 25 anos xa cumpriu o seu soño de vivir da canción, fundou a súa propia orquestra (Verano Azul) e participa como xurado nunha sección de canción lixeira do programa Luar da TVG todos os venres. A Ouzande chega cun proxecto como solista e con cancións como Todos a Santiago ou Emigrantes, e con versións de poemas de Rosalía ou cancións de Andrés do Barro. O estilo de Tania é moi emotivo e particular, declárase seguidora de Mónica Naranjo con quen cantou mesmo en dúas ocasións, No concerto do Socorro ofrecerá  pop en galego adiantando cancións do seu primeiro disco. 
A verbena do sábado coninúa co grupo Fénix, chegan desde a Mariña de Lugo, máis concretamente desde Foz. Son un grupo consolidado na provincia de Lugo e que virán a darse a coñecer ás festas de Ouzande.

CULTURAL DA ESTRADA E POXA O DOMINGO
Banda Municipal nunhas festas do Socorro anteriores,
 acostuman alternar as dúas formacións locais.
A música da Banda de Música Cultural da Estrada chegará o domingo ás festas, cun pasarrúas e concerto no día grande do Socorro. Un dos atractivos desta xornada será a tradicional poxa que congrega no adro da igrexa a veciños e festeiros que poxan polos produtos ofrendados á Santa, creando un  agradable clima de convivencia veciñal.
As festas do Socorro véñense celebrando desde tempos inmemoriais e completan o ciclo festivo do verán con Santo Antonio en xuño e San Lourenzo en agosto, rescatamos un anuncio das do Socorro do ano 1959 que nos cedeu un lector. 

1 de setembro de 2014

Arranxan a Fonte e o Pozo do Río:::

Fonte do Río.
Unha brigada de obras do Concello da Estrada vén de realizar os traballos de limpeza e adecentamento da contorna da Fonte e do Pozo do Río, ubicados no lugar de Alemparte. Segundo explicou o concelleiro de Rural, Juan Constenla, o obxectivo destes traballos é crear un punto de recollida de auga para a loita contraincendios ao tempo que se recupera este espazo. As obras consistiron primeiramente no desbroce da zona, limpeza da fonte e do pozo que estaba cheo de maleza, pedras e lama, para finalmente encintar o muro da fonte e reparar a estrutura do pozo dándolle un pouco de altura e protexéndoo da pista que cruza a zona. Tanto a Fonte coma o Pozo do Río recollen auga procedente do regueiro, tradicionalmete usouse para almacenar auga de rega aínda que levaba bastante tempo inutilizada.
Pozo do Río.

Recuperouse o muro da fonte.
A fonte recolle a auga do regueiro.

Protexeuse o pozo do camiño que atravesa a zona.

26 de agosto de 2014

O Tallo reclama a súa identidade:::

As reivindicacións identitarias non son patrimonio dos pobos sen estado. En Ouzande, o lugar do Tallo vén sufrindo desde hai tempo problemas co correo tradicional a causa da mala numeración das casas, pero sobre todo pola non consideración do Tallo como entidade de poboación por algúns organismos. 
A numeración postal das casas na parroquia fíxose desde o número 1 ata o que se precisase e por lugares, pero no Tallo operan varias liñas de numeración, o que provoca que haxa varios casos de dúas casas co mesmo número. Por outra banda, algunhas entidades non consideran O Tallo como entidade de poboación polo que poñen O Castro ou o Cano Sifón nas cartas, sendo o primeiro o nome doutro lugar e o segundo un elemento singular que hai próximo ao Tallo, na estrada de Forcarei, pero xa na Estrada. 
O Tallo é considerado hoxe polas súas características como unha entidade de poboación máis da parroquia, aínda que historicamente é unha das zonas máis novas. O Topónimo que tomou foi o do nome das terras  de labranza nas que se asentaron as primeiras casas, hoxe próximas ao casco urbano da vila e, polo tanto, unha zona que medrou moito no século XX. A complicación con Correos veu a causa de que varias vías cruzan a aldea como a estrada local de Ouzande ou as dúas pistas que discorren paralelas entre este vial e a estrada provincial A Estrada- Forcarei. 
Os veciños denuncian que teñen moitos problemas co correo, complicando a súa localización. Aínda que este problema foi exposto pola veciñanza ante diferentes organismos, parece que a solución é complexa ao implicar un esforzo na actualización de datos ou mesmo unha renumeración das casas desta zona da parroquia. Pero non só os veciños sofren as consecuencias desta situación, tamén o persoal de Correos e transportistas teñen que fiar fino para desenvolver o seu traballo, ao non se poderen fiar nin das numeracións nin dos nomes dos lugares e tendo que aprender o nome dos residentes de memoria ou recurrir ao vello método de preguntar casa por casa.

O Tallo, na entrada da parroquia experientou un crecemento poboacional importante.

Algunhas casas están numeradas polo vial no que se asentan.

Hai casas na mesma aldea co mesmo número.

Algunha zona foi rebautizada como Cano Sifón, estando este na estrada de Forcarei.

20 de agosto de 2014

Máxica noite no muíño en Ouzande:::

Ouzande celebrou o pasado sábado 16 de agosto unha festa moi particular ao pé do Muíño do Rubio. Trátase d´Unha noite no muíño, unha inicitiva promovida pola asociación A Fervenza hai máis de 10 anos trala limpeza desta zona e que se repite cada verán. As condicións metereolóxicas da presente edición acompañaron, propiciando que a contorna do muíño se fose enchendo de xente desde as 22.00h. Un pouco antes, ás 19.00h e no local social celebrábase un obradoiro de maquillaxe para axudar a caracterizar a quen desexase ir vestido para a ocasión. O camiño que dá acceso aos muíños desde Alemparte convertiuse nun goteo de xente que, en grupos, ía accedendo aos misterios da noite. Os extraños sons no medio da escuridade, as bruxas a espreitar polo medio das pólas dos carballos, mesmo algún aforcado íanlles dando a benvida. Xa na porta do muíño e contra as 23.00h tivo lugar un aquelarre de bruxas chegadas de distintos lugares do mundo e de diversas dimensións temporais. Alleas ás miradas dos festeiros, as meigas festexaron ante un demiño todas as maldades que tiñan realizado naquel día. A cea foi un tempo de falar e compartir manxares. Retrouso e Milgrandeira levaron a música á Fervenza, animando aos asistentes a puntear xotas e muiñeiras. Contra a 1.30h tivo lugar o conxuro da queimada  ante a mirada atenta dos asistentes. E ao remate máis música e cantos populares que aínda alongaron algo máis a festa na noite. 
Cea tipo pic-nic ao pé do muíño.

A cea foi espazo de falar e compartir manxares.

O Muíño do Rubio foise enchendo de xente.

Mesmo houbo quen viaxou anos atrás desde a máquina do tempo do Rubio.

Cea entre veciños e  amigos.

Unha vez ao ano, a Fervenza convértese nun lugar máxico.

Música e baile con Retrouso e Milgrandeira.

A festa alongouse na prácida noite de agosto.

Cantos perante os muíños.

Preparando a queimada.
As bruxas chegaron con vasoiras e aspiradores.
A Fervenza tivo á venda as camisolas "Faxión".