9 de xuño de 2015

Xa son 14 as hectáreas queimadas en Orazo:::

A parroquia de Orazo revivía na tarde de onte o horror do lume logo de que o incendio que se daba por controlado se reavivara, aumentando considerablemente a zona afectada. Desde a Consellería do Medio Rural informaron de que ás 2h da madrugada do domingo para o luns fora dado por extinguido, pero na tarde de onte tiveron que enviar novos efectivos posto que o lume reavivou e existía perigo tanto polo vento coma polas altas temperaturas de que este volvese amenazar o monte de Orazo. As consecuencias son de 12 hectáreas arboladas calcinadas e de 2 de monte baixo.
Lembramos que o lume se inciara na tarde do domingo ás 15h entre os montes das parroquias de Orazo e Agar. O lume chegou a estar moi preto das vivendas de Valiñas en Agar, aínda que a zona máis afectada foi o monte de Orazo, onde ardeu a maior parte da superficie.
O lume arrasou 8 hectáreas

8 de xuño de 2015

Un incendio arrasa o monte de Orazo e Agar:::

Na tarde de onte producíase un incendio forestal nos montes das parroquias de Orazo e Agar. Contra ás 15h comezaron os labores de extinción que se estenderon durante toda a tarde, ata o serán que foi cando os servizos de emerxencia o consideraron controlado. Arderon ao redor de 8 hectáreas e o lume estivo moi preto das vivendas de Valiñas en Agar, aínda que a zona máis afectada foi o monte de Orazo, onde ardeu a maior parte da superficie arborada. As altas temperaturas e o vento fixeron que houbese que mobilizar ata 11 brigadas de extinción e numerosos recursos de técnicos, motobombas, pas e tres helipcóptero así coma un hidroavión. Nada se sabe das causas do mesmo. A columna de fume podías apreciar desde toda a comarca.
O lume arrasou 8 hectáreas

Guimarei descobre os seus encantos:::

Torre de Guimarei

A parroquia de Guimarei foi a escollida pola Fervenza de Ouzande para celebrar a última ruta de primavera de 2015. Unhas vinte persoas congregáronse ás 10 da mañá de onte, domingo, para iniciar unha ruta de 13 quilómetros polos distintos camiños e pistas de Ouzande, Guimarei e A Somoza. As primeiras paradas foron para o románico da zona,  tanto na igrexa de Ouzande coma a Torre e Pazo de Guimarei. A seguir a casa grande da Algalia e a igrexa de Guimarei. Neste punto visitaron a escalinata barroca que xunto á Torre de Guimarei e á igrexa de Ouzande constitúen elementos moi identificables na obra gráfica de Castelao. O patrimonio de Guimarei fíxose protagonista, pasando tamén polo Pazo de Xerlís e pola presa deste mesmo lugar. 
A Torre de Guimarei son de titularidade privada e están en ruína, a primeira é do século XII e o pazo do XVII, destaca pola monumentalidade da súa pedra. O Pazo da Algalia tamén se atopa en situación de abandono e só se puido entrever no medio da maleza. A igrexa de Guimarei é de estilo barroco e destaca pola fachada e torre monumentais así como polas escaleiras inmortalizadas polo propio Castelao na súa obra gráfica. O Pazo de Xerlís é o único que se rehabilitou en 2012, trátase dun pazo do século XVII, vivenda residencial dunha familia de escribáns beneficiados polas rendas de foros propiciados pola Igrexa naquela época. Na súa fachada destaca o brasón familiar. Actualmente destinase á hostelería, sendo escenario de banquetes e grandes eventos. Ao lado desta construción centenaria parte unha das presas de rega da parroquia.
Con esta andaina, péchanse as saídas de primavera, pero as rutas da Fervenza de Ouzande continuarán no outrono-inverno, tal e como indicaron na propia actividade.

Cruzando Alemparte.
Cruzando auténticos escenarios de película
A andaina percorreu 13km

Pazo de Guimarei
Pazo da Algalia
Igrexa de Guimarei e Pedralba
Pazo de Xerlís, hoxe destinado á hostelería.
Visitantes que se cruzan nos camiños

Sardiñada para celebrar o Santo Antonio:::

Ouzande celebra o vindeiro venres 12 de xuño a súa tradicional festa de Santo Antonio. As actividades comezan ás 21h coa tradicional misa en honra ao santo. Seguidamente e xa no Campo da Festa haberá unha sardiñada gratuíta. Durante a noite o público asistente poderá gozar da actuación de tres grupos de música tradicional. Comezará  con Sons´s da Mina, grupo procedente da veciña localidade mineira de Fontao. A seguir, os ouzandeses Retrouso, que actuarán acompañado do grupo de canto tradicional Recanto da mesma localidade. As festas de Santo Antonio están organizadas pola Xunta Parroquial de Ouzande e son o punto de partida das festas de verán de 2015 que continuarán en agosto e setembro coas festas tradicionais e do Socorro. No presente mes de xuño tamén se celebra a festa fin de curso das clases de música tradicional da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande que será o día 20, tres días antes do tradicional Lumeiro que ha congregar no mesmo escenario, o Campo da Festa ouzandés ao Home do Saco.
Imaxe de arquivo da Sardiñada de 2014
Imaxe de arquivo da Sardiñada de 2014

2 de xuño de 2015

Ruta por Guimarei este domingo 7 de xuño:::

Ruta por Guimarei este domingo 7 de xuño. Será da man da Fervenza de Ouzande. Trátase da última ruta de primavera do programa "imos andar" e que sairá da igrexa de Ouzande ás 10h para regresar ás 13.30h. Nesta ruta, que é de dificultade baixa, os sendeiristas terán a ocasión de coñecer distintos recantos da parroquia guimareiciense, como a súa igrexa, pazo e torre, antigos camiños de carros ou varios dos pazos que se ubican nesta aldea estradense. Para participar non é necesario anotarse de antemán, chega con presentarse no punto de saída na hora anunciada e só se precisa roupa cómoda. A ruta é totalmente gratuíta.

Torre de Guimarei
Igrexa de Guimarei

1 de xuño de 2015

Celanova acolleu a XIII excursión anual da Fervenza de Ouzande:::

A Fervenza de Ouzande celebrou onte, domingo 31, a súa excursión anual que desta volta se desenvolveu na comarca de Celanova. Un autobús repleto de pasaxeiros arrancaba ás 9 da mañá e non volveu ata as 21h. Durante a viaxe a tripulación gozou mesmo de animación a bordo. As visitas da mañá centráronse no castro de Castromao e na aldea de Vilanova dos Infantes. As visitas estiveron guiadas pola Fundación Curros Enríquez e permitiron que os ouzandeses coñecesen de primeira man a vida castrexa na zona así como a configuración urbana de Vilanova dos Infantes, onde visitaron a Torre da Homenaxe e mailas Adegas de San Vivián. O xantar desenvolveuse na área recreativa do Cristal. Pola tarde, a visita centrouse na vila de Celanova, especialmente no seu mosteiro e igrexa de San Miguel. Para rematar percorreron a Rúa Curros Enríquez, onde se ubica a casa de Celso Emilio Ferreiro e do propio Curros. Nesta última houbo tempo para curiosear e currosear, descubrindo un dos principais autores do Rexurdimento galego.

Coñecendo Vilanova dos Infantes
subindo a Castromao

Castromao

Vilanova dos Infantes

Visita guiada en Castromao

Explicación das escavacións arqueolóxicas

Adegas de San Vivián

Paseando por Vilanova

Mosteiro de San Rosendo

Explorando o mosteiro de San Rosendo

Pechan "O que hai" e "Catrogatos":::

Portada do último número d O que hai
Malas novas para a comunicación local da Estrada. Nas últimas xornadas iamos coñecendo o peche de dous medios que xa eran referencia na zona da Estrada e comarca. A revista dixital Catrogatos, que levaba catro anos na rede,  será desde hoxe unha web para empresas segundo deu a coñecer a súa editora, Aroa Martínez. Atrás queda unha etapa centrada en capturar coa cámara os principais eventos da vida social da contorna. Agora o aloxamento "www.catrogatos.com" pasará a ser un espazo na rede especializado en fotografía, comunicación e mercadotecnia on line.
Por outra banda, o periódico en papel "O que hai" tamén se despide dos seus lectures cun lánguido "Deica" logo de seis meses de andaina. A súa autora, Aitana Martino aclara no editorial que non sabe se se trata dun "ata sempre" ou un "ata logo" e alega razóns económicas e persoais para non seguir adiante neste proxecto no que tanto esforzo ten investido.
Estas dúas baixas na comunicación da Estrada únense á antecesora d´O que hai, Capicúa e á recente baixa da web de opinión local "Chapuzas i Enchufes" que nas últimas datas tamén abandonou o ciberespazo sen darlle publicidade. Pola súa parte Aestradanarede vén de volver a editar logo dun parón por motivos persoais.

Cabeceira d´O que hai.
Cabeceira do perfil social de Catrogatos