25 de abril de 2017

O CASTRO DE CALLOBRE ACOLLEU O V FESTIVAL DE TEATRO ESCOLAR DA ESTRADA:::

O pasado domingo 23 de abril, ademais de se celebrar o día do libro, tivo na Estrada unha actividade moi especial, xa que máis de 200 alumnos e alumnas procedentes de institutos da Estrada, Touro, Palas de Rei e Laxe protagonizaron a 5º edición do Festival de Teatro Escolar da Estrada. Ás 16.30h e no Teatro Principal asistiron ao espectáculo Notas de Cor, representada polos grupos de teatro de Palas e Laxe. 
Pasadas as 18.30h desprazábanse en autobuses á contorna do Castro de Callobre onde a Aula de Teatro do IES Antón Losada guiaron aos seus compañeiros tanto polo xacemento como pola Fervenza que o Río Curantes fai nesta parroquia. Ás 20h volvéronse meter no Teatro Principal para asistir á representación de Fantamimo, unha produción do CPI de Touro e dos escolares da Estrada.
No roteiro teatralizado participaron, ademais, membros da asociación cultural que trata de poñer en valor este Castro, así como músicos de Callobre e os grupos de música de Ouzande, Retrouso e Recanto. Calistea, a fada convertida en bruxa déullela benvida, ao tempo que o presidente da Asociacion O Castro da Fervenza de Callobre foi entrevistado por dous "castrexos", tamén houbo tempo para a música con Retrouso e un grupo musical de Callobre, así como unha actuación de Recanto de Ouzande. Un druída explicoullela lenda da Cova da Moura, sita no mesmo castro, houbo tempo para adiviñas e trabalinguas.
O Castro da Aldea Grande de Callobre é a orixe da parroquia, segundo exlicaron na ruta o primeiro núcleo habitado levaría este nome (Callóbriga) e a partir de aí irían xurdindo os toponimos posteriores, quedando o de Aldea Grande para a entidade máis próxima e máis habitada. É un castro de boas proporcións, con máis dunha hectárea en planta oval. Posúe unha interesante muralla que se complementa cunha forte pendente cara ao río. Está catalogado polo rexistro de patrimonio tanto da Xunta de Galicia como polo PXOM, cualificando o seu estado de conservación de malo. A súa cronoloxía remóntase á Idade de Ferro. Na actualidade constituíuse a Asociación do Castro da Fervenza de Callobre coa intención de poñelo en valor. De momento limparon a croa e fixeron a festa do lumeiro de 2016. Teñen previsto facer novas festas neste lugar (encontros de maiores, xogos populares, magosto...) Polo momento non existe ningún proxecto de protección do patrimonio arqueolóxico deste castro.









21 de abril de 2017

Isi actuará no Local Social de Guimarei o sábado 22 de abril:::

A Asociación de Veciños Santa Apolonia de Guimarei convoca a todos os interesados en asistir a unha representación do espectáculo cómico do humorista Isi o próximo sábado 22 de abril no Local Social do Outeiro, detrás da igrexa parroquial. Esta actuacíón forma parte do ciclo de espectáculos do Teleclube da Comedia e será ás 20.30h.

Alertan de problemas de seguridade vial na Avenida de América:::

A Avenida de América foi obxecto nos últimos meses de obras consistentes na mellora da capa de rodadura, pero quedan pendentes os traballos de pintado da sinalización horizaontal. Veciños deste barrio estradense veñen de facer público o seu malestar pola tardanza destes traballos xa que, segundo eles, xa se produciu algún que outro susto pola confusión que provoca a falta de sinais horizontais na estrada. O máis preocupante é a falta de pasos de peóns e a correcta sinalización dos dous carrís do final da rúa. Os condutores da zona xa coñecen a Avenida de América pero, aseguran, as persoas que transitan por primeira vez por este ramal non saben que remata en dous carrís adecuados para a incorporación en sentido Lalín ou Pontevedra, véndose manobras extrañas nesta fase terminal da rúa.


26 de marzo de 2017

A Estrada, capital dos “Cantos de Taberna”:::

A Estrada convertiuse na xornada de onte na capital dos cantos de taberna, ao encher con grupos
chegados de toda Galicia os bares e tabernas da vila con música e cantos populares. Xornada festiva que se completou cunha feira de artesanía, onde os produtos feitos a man foron os protagonistas. Un total de 12 formacións musicais congregáronse contra ao mediodía na Praza do Concello, facendo unha multitudinaria procesión ata a Praza da Farola, lugar escollido para que cada grupo se desviase aos bares propostos, foron rotando cada media hora, favorecendo que a música e os cantos populares chegasen e todos os recantos da vila. Mentres tanto, na Travesía da Igrexa un total de 22 postos de artesanía completaban a feira sabatina con produtos feitos a man, con pedra, téxtil, orfebrería ou madeira como materia prima. As formacións procedían de localidades próximas como Lestedo (O Ghusto do Boi), Santiago de Compostela (Pana Raiada, Garatuxa e Muiñeiros do Sarela), Vedra (Son do Souto), Caldas de Reis (Fanfarria Furruxa), Marín (Salghariteiros) ou non tan próximas como Redondela (Ferrriña Furtiva) e, como non da Estrada (Retrouso e Recanto de Ouzande, Regatos e Os ke hai de Callobre, Tequexetéldere da vila) Todos eles pararon para xantar na Praza do Mercado e contaron con ata 13 tabernas, bares e cafeterías da Estrada que foron os palcos desta animada xornada festiva a cargo dos Cantos de Taberna.







28 de febreiro de 2017

O espírito ourovisivo arrasa en Ouzande

Betty Missiego, gañadora representando ao Redondo
O Entroido é un período moi especial en Ouzande, a parroquia vive con entrega estas datas do calendario festivo. Non faltan as “mascaritas” que percorran as aldeas na procura do seu premio. Pero, como cada ano, a Fervenza de Ouzande fai a sú orixinal proposta. Desta vez organizaron unha festa de entroido no local social da parroquia o pasado sábado 26, pero non unha festa calquera, senón un festival de “ourovisión”. A dinámica foi parella ao coñecido concurso televisivo dos países europeos, pero ao xeito de Ouzande. Ao local foron chegando os máis variados personaxes relacionados con este mítico festival. No transcurso da festa houbo comida e bebida e música tradicional, pero tamén unhas divertidas votacións para escoller a persoa gañadora do concurso. Os finalistas foron as aldeas de Alemparte, O Formigueiro, O Tallo, O Castro e O Redondo. Un representante de cada lugar foi escollido polo xurado para premiar o seu talento ourovisivo. A comisión que decidiu cantos votos ía para cada lugar estaba formada por representantes deses lugares, aínda que non se puideron votar a si mesmos. Así as cousas, e a pesar de estar moi reñido, polo alto nivel dos disfraces, os gañadores foron os seguintes: en terceiro lugar “As Estribillos” unha comparsa de gaiteiras reconvertida a ouro-fans que animou a velada cos seus berros de alegría. Representaban ao lugar do Formigueiro. O segundo lugar foi para O Tallo con Mocedades, que non só levou a festa á época deste coñecido grupo senón que tamén ofreceu un recital, posto que os integrantes desta comparsa eran o grupo de canto da parroquia, Recanto. E finalmetne o lugar máis votado foi o Redondo, representado por Betty Missiego que ofreceu non só un disfraz moi logrado senón que animou a festa interpretando “su canción”. Ao premio engadiuselle o canto das coplas do entroido desta volta encarnadas pola propia Betty Missiego e Remedios Amaya.

Polo Formigueiro as Estribillos, segundo lugar

As cegas do Entroido tamén se ourovisualizaron

público

Mocedades, actuando. Representaron ao Tallo e lograron o 2 posto.


29 de xaneiro de 2017

A Fervenza de Ouzande celebrou a súa Asemblea Anual

O pasado domingo 29 de xaneiro, a asociación cultural A Fervenza de Ouzande celebrou a reunión anual na que a xunta directiva dá conta das actividades desenvoltas e explica os proxectos para o novo exercicio. Rosa Herraiz, tesoureira da entidade fixo as oportunas explicacións sobre o estado económico da entidade, desfiando pormenorizadamente os gastos e os ingresos. Xabier Camba, presidente da Fervenza de Ouzande fixo unha valoración do traballo desenvolto neste último ano, destacando o xantar de convivencia que se realizou para festexar o XV aniversario da entidade. Asi mesmo adiantou que a xunta directiva está a estudar eliminar algunha actividade para poder asumir novos proxectos, posto que A Fervenza de Ouzande ten un enorme volume de actividades. Nesta asemblea non tocaba elexir nova xunta directiva, polo que reunión foi breve, rematou co visionado de videos sobre as actividades do último ano e unha chocolatada.



21 de decembro de 2016

Ruta de sendeirismo para celebrar o nadal:::

Será o próximo domingo día 25 de decembro con saída ás 10.15h diante da igrexa de Ouzande. O regreso está previsto para as 13.15h no mesmo lugar. Trátase dunha actividade promovida pola Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande dentro do marco das actividades culturais  de promoción cultural e social na aldea. Esta será a sétima edición deste roteiro de nadal e percorrerá desta volta os Montes da parroquia, incluíndo as Lagoas e o Monte da Somoza. Ten unha duración aproximada de 12 km de dificultade baixa. Será unha boa oportunidade para coñecer as estremas entre os Concellos da Estrada e Cuntis á altura das lagoas de Zoo, un lugar que se transforma durante o inverno ofrecendo unha paisaxe espectacular e a posibilidade de visitar ecosistemas únicos na contorna. No transcurso da ruta temén visitarán a zona da explotación de Monte Cabalar, nas ladeiras do Monte da Somoza.