29 de xuño de 2013

"Imos andar" percorreu camiños e carreiros de Ouzande, A Somoza e Tabeirós esta primavera:::

A Fervenza de Ouzande organiza todas as primaveras unha serie de rutas para dar a coñecer mellor a contorna máis próxima tanto a veciños como a visitantes. E cada vez son máis as persoas que se interesan por este tipo de actividades nas que o compañeirismo e o contacto coa natureza se conxugan coa práctica de exercicio e co descubrimento dos paraísos cercanos que hai na bisbarra da Estrada. Ante o éxito destas iniciativas, a asociación cultural ouzandesa baralla ampliar esta cita tamén ao outono, logo de facelo a datas tan significativas como o Nadal. Nestes videos repasamos as da primavera que deixamos atrás e nas que os camiñantes descubriron algúns dos carreiros de Ouzande, subiron á Pedralba ou viaxaron no tempo á par do espazo para moverse entre o Ouzande e o Tabeirós máis medievais.

RUTA POLOS CARREIROS DE OUZANDE [01.V.13]


SUBIDA Á PEDRALBA, RUTA DAS LETRAS [17.V.13]


RUTA A TABEIRÓS [09.06.13]




27 de xuño de 2013

Premios con "Pedegree":::

 Pedegree vén de gañar o premio do público no Festival Internacional Cinema Jove de València, era o último dos concursos aos que presentaron este proxecto e que conseguiu o premio da modalidade B na que participaba (ESO e Bacharelato) Unha representación de profesores e alumnas acodiron a un fermoso acto de entrega do premio na cidade de Valencia.
Os últimos meses de andanzas do grupo do IES Manuel García Barros foron  para recibir premios en todos os festivais en que participaron. Pero o proxecto non estaba feito para isto senón para vender os libros-DVD e sacar diñeiro para apio á Cruz Vermella da Estrada, uns cartos que se han investir na axuda a familias necesitadas da zona. Participan moitas persoas no proxecto e moitas outras pódeno facer a partir de agora mercando o tan produto final deste proxecto.






26 de xuño de 2013

Especial video do LUMEIRO:::

O pasado domingo 23 celebrouse en Ouzande unha das festas máis especiais do ano, a do Lumeiro. Este video recolle os principais momentos da noite.

24 de xuño de 2013

A noite máis curta do ano non chegou a nada:::

A organización do LUMEIRO de Ouzande anunciaba que esta ía ser unha festa diferente e acertou. Durante a tarde o Campo da Festa foi un bule-bule de xente a ultimar os detalles; auga de nove fontes, herbas do máis variado, enbutirlle as roupas ao Home do Saco, preparar o carro... Aínda menos mal que o día foi longo, deu tempo a que á súa hora todo estivese preparado e ata unha impopente lúa non quixese perder desde a súa privilexiada tribuna todo canto se cocía na parroquia. Máis que cocer, asáronse chourizos á beira dun lume agarimoso que protexía da baixada de temperaturas da noite. O forte vento da tarde que facía perigar a seguridade no acendido do lumeiro foise indo a medida que se achegaba a hora. E a hora chegou para un público impaciente que en cuestión de segundos se puxo en procesión con candeas e cun saco cheo de papeis Eran aqueles nos que cadaquén escribiu todo aquelo que quixo queimar e que pertencía ao mesmo Home do Saco, este agardaba coa cabeza abaixada no alto da morea. Foi rodeado polo pobo e pola música de Retrouso. Guindáronlle o saco e mais botáronlle lume en fachicos. O demais xa é difícil de contar; as meigas fuxiron de Ouzande ao ritmo das muñeiras e pasodobles que entoaban as gaitas, o tamboril ou o bombo... en cuestión de poucos minutos o lume chegoulle ás pernas de palla do protagonista da noite e a voraz fogueira lapouno levando cara ao ceo os males que atemorizan a parroquia. A festa continuou e aínda houbo que agardar para saltar a fogueira porque esta foi descomunal.



A lúa estivo presente desde o principio

Un penitente Home do Saco agardaba mentres se asaban os chourizos

e chegou o lume

pobo que queima os seus males no Lumeiro, queda purificado para o resto do ano

danzas ao pé do lume

a música non faltou á cita

Houbo que agardar para saltar a fogueira, pero saltouse

22 de xuño de 2013

Especial Ruta Tabeirós:::

O pasado día 9 de xuño, A Fervenza de Ouzande realizou a última ruta a pé desta primaveras Recordamos paso a paso esta andaina por terras de Tabeirós e maila Somoza con este video-resumo:

A libraría Marxe galardoada polo IES Nº1 da Estrada polo uso da lingua galega:::

O Equipo de Normalización e Dinamización da lingua galega do IES Número 1 da Estrada distingue anualmente algunha entidade local polo seu uso normalizado do noso idioma, desta volta e tras analizar o comercio local cunha intensa campaña sobre usos lingüísticos, decidiron concederlle o galardón á LIBRERÍA MARXE, rexentada por Xan Astorga. O acto de entrega do diploma acreditativo tivo lugar este mediodía ao fío das 12.30 na sede desta libraría local. Un grupo de alumnas, membros do Equipo de Normalización do IES foron as encargadas de facer os honores. Xan leva á fronte deste establecemento pouco tempo e deulle un enfoque de verdadeira libraría contando con moito material de lectura en lingua galega. Día solleiro para celebrar con orgullo a alegría de manter vivo o mairo tesouro que conservamos os galegos, como é o idioma, tamén no comercio local, boa excusa este premio para achegarse a mercar algún libro en galego para gozar no verán. Parabéns á Libraría Marxe e ao IES Número 1. 

17 de xuño de 2013

Todo preparado para a máxica noite do Lumeiro:::

A menos dunha semana para a grande noite máxica do Lumeiro, Ouzande xa está preparada para espantar bruxas e trasnos, A Fervenza de Ouzande xa hai tempo que tivo que parar a recollida de elementos vexetais para facer o lume debido á grande cantidade deles que arestora hai no Campo da Festa. Hai 11 anos recuperábase esta emblemática festa que cada vez vai a máis, espertan as festas do lumeiro na comarca e grazas ao feito de que o luns 24 desta volta é festivo seguramente aumente a participación nesta máxica actividade. A partir das seis da tarde están convidados os que queiran ir recoller flores para  a auga purificadora e axudar nos últimos detalles. A recuperación do Lumeiro trouxo novas tradicións que causaron e causan sensación como é a queima do Home do Saco ou a escrita "daquelo que queiramos queirmar" para botalo no saco do Home do Saco e así facelo arder. Comida, música e animación nunca faltan, así que MEIGAS FÓRA!!! LUME!!! Recordamos como foi o Lumerio do ano pasado neste video: