30 de outubro de 2017

Baixo o sol do outono:::

Unhas  corenta persoas veñen de participar o pasado domingo dunha solleira ruta do outono na parroquia de Ouzande. Os visitantes, convocados pola Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, déronse cita ás 10 da mañá diante da igrexa románica para visitar algúns dos puntos máis turísticos de Ouzande, A Somoza e Ferreiros, xa en Arcos de Furcos no veciño municipio de Cuntis. Entre outros, visitaron os exteriores da igrexa románica, os lugares de Alemparte e O Formigueiro para adentrarse nos montes de Ouzande  e maila Somoza ou a aldea de Ferreiros. No regreso pasaron polo entorno da Fervenza para coñecer de primeira man o Pozo da Fervenza así como os muíños coas súas canles centenarias ou o rico entorno natural poboado de acivros e carballos. Ás 13.30h os camiñantes regresaban ao centro da parroquia coa satisfación de teren gozado dunha intensa mañá de outono pola parroquia ouzandesa.
As actividades culturais continuarán o vindeiro sábado cunha festa de outono no entorno do Campo da Festa de Ouzande. Contarán con diversas formacións musicais, así como con produtos de tempada.





24 de outubro de 2017

OUZANDE VOLVE ÁS RUTAS DE OUTONO:::

Co nome de Ruta dos Montes da Somoza e Ferreiros, a Fervenza de Ouzande volve a celebrar as súas rutas de outono. Será este domingo 29 de outubro polos camiños dos montes de Ouzande, A Somoza e Ferreiros. Aberto a todo o público que desexe coñecer a contorna da parroquia e totalmente gratuíta, trátase dunha actividade que ocupará toda a mañá, desde as 10:00h que comezará diante da igrexa de Ouzande e coa previsión de estar de volta ás 13:30h no mesmo sitio. Son 11 km de percorrido e de dificultade baixa. 
fotos de arquivo de rutas anteriores no outono


Teatro en Santeles e Santa Cristina de Vea con Disfunción Continua Teatro:::

Disfunción Continua Teatro participará este domingo día 29 de outubro ás 19h no teleclub da comedia do Concello da Estrada en Santeles. Así mesmo o día 25 de novembro poderáse ver esta compañía en Santa Cristina de Vea. 
A obra que han representar é TEIMAS, unha comedia de 80 minutos de duración na que o público terá a oportunidade de desconectar dos problemas do día a día, coñecendo distintos personaxes que acoden á consulta do Dr Teixeiro, trátase dun afamado psicólogo que fai terapias para curar as teimas, ou TOCs que fan a vida imposible a estes personaxes. A obra está dirixida por JOUSE GARCÍA e conta no seu elenco con actores moi coñecidos na Estrada como María Porto, Gonzalo da Esquina, Clara Iglesias, Natalia Carbajarl, Bea del Río ou Rosa López, contan tamén coa colaboración de Manuel Rosende ou do técnico de son Miguel Ares. Así mesmo, DISFUNCIÓN CONTINUA TEATRO, está a dar a coñecer a súa nova produción, de momento só se poderá ver en AGUIÑO-RIBEIRA o vindeiro 18 de novembro (20.30h) no AUDITORIO do Conservatorio de Música da localidade.

3 de setembro de 2017

Ouzande celebrará as festas do Socorro a próxima fin de semana:::

O verán camiña cara ao seu final e con el as últimas festas. O Socorro de Ouzande é unha das últimas citas festivas e será os vindeiros sábado 9 e domingo 10 de setembro. Desde o xoves 31 celébrase ás 21h a novena. O sábado 9 ao mediodía haberá misa ás 13'30h e sesión vermú con Abrente do Foxo. Pola noite verbena con Iris e Togayán. O domingo pasarrúas e concerto da Banda Municipal da Estrada. Misa ás 13'30h e tamén se celebra a tradicional poxa das ofrendas ao Socorro.

9 de agosto de 2017

Ouzande celebra esta fin de semana as festas patronais:::

San Lourenzo, patrono da parroquia é o homenaxeado nesta intensa fin de semana festiva. Os actos comezan xa o venres día 11 cunha verbena na que haberá pulpeiro. O sábado 12 o grupo ouzandés Retrouso animará a festa cun concerto pola mañá, trala misa que será ás 13.30h sesión vermouth cun trío. Esta mesma formación "Orquídea" xunto con "Trío Savoy" animarán a sesión nocturna no campo da festa. Xa no domingo haberá actos relixiosos conmemorando o Sacramento á mesma hora e unha charanga, "Os Atrevidos" fará pasarrúas, concerto e sesión vermouth poñendo un pouco de música ao remate das festas patronais de Ouzande 2017.

24 de xuño de 2017

Festa do Lumeiro para cumprir con todos os ritos en Ouzande:::

Ouzande é unha parroquia moi ligada ás súas tradicións e, como cada noite do 23 de xuño, un nutrido grupo de persoas xuntáronse ao carón da auga e do lume purificadores para espantar bruxas e demos. A Fervenza de Ouzande ideou hai xa máis de 15 anos un sistema moi peculiar baseado no "Home do Saco", un personaxe mítico moi arraigado na vida local ao que sen dubidalo, botan ao lume cando pasa a medianoite. Este ano foi de cartón e levou canda si o "saco" no que cadaquén previamente tiña botado papeliños con aspectos da súa vida a queimar. Unha procesión fúnebre nocturna capitaneada polas gaitas da asociación deu inicio ao fin do peculiar personaxe. Unha vez queimado soou a música de festa e o baile para festexar a limpeza de cada primavera. Non faltaron os saltos por riba da fogueira que fixo demorar aos festeiros no Campo ata altas horas.






17 de xuño de 2017

Un curso que se foi; pechado por vacacións:::

A Fervenza de Ouzande vén de pechar as clases de música e baile tradicional por este curso. Unha festa reuniu a alumnado de todas as disciplinas non só para exhibirse diante dos compañeiros, senón tamén para compartir con humor unha calorosa tarde de xuño. Foi o pasado sábado 19 de xuño.

Apesar das altas temperaturas, os preto de 100 alumnos e alumnas dos cursos da Escola de Música poopular da Fervenza, déronse cita no Campo da Festa para ter un momento de encontro e convívio. Ao final tamén compartiron uns petiscos cortesía da entidade. E é que o motivo era pechar o curso 2016/2017 no que pandeireta, baile, gaita, percusión, canto ou arcordeón foron xuntando puntos e notas nas tardes dos sábados. Agora, aínda que os profesores Fofi, Marcos Varela e Silvia Martínez non dean clases durante o período estival, a actividade continúa nos Campos das Festas da redonda, cabe recordar que froito destas clases, Ouzande conta xa con dous grupos que amenizan numerosas festas na contorna, trátase de Retrouso e Recanto.