27 de agosto de 2018

Ouzande celebra a Romaría do Socorro os vindeiros 7, 8 e 9 de setembro:::

Este xoves comezan os actos relixiosos coa novena, que será ás 20.30h, nos días da festa as celebracións están marcadas para as 13.15h.
O primeiro día, venres, haberá unha "Noite de Música Tradicional" cun posto de polbo e cinco agrupacións musicais que encheràn de festa o Campo de Ouzande, son Rosalía de Castro de Cacheiras, Os Xeitosos de Trazo e Sonche leiras de Trazo e os ouzandeses Retrouso e Recanto. O sábado ao mediodía haberà procesión amenizada por Abrente do Foxo e sesión vermú con Diseño, mentres que pola noite a festa vai ser animada por Diseño e Amencer. No domingo a música volverá ser a protagonista coa Banda de Música Municipal da Estrada. Con estes festexos a parroquia pecha a programación festiva do verán, lembrar que as festas patronais foron o pasado 10, 11 e 12 de agosto.
Cartel do Socorro e imaxes das pasadas festas patronais






10 de agosto de 2018

Ouzande inicia hoxe as súas festas patronais:::

Esta noite a parroquia de Ouzande inicia os festexos patronais na honra de San Lourenzo cunha verbena a partir das 22h e na que haberá a oporunidade de cear no Campo da Festa pois haberá instalado un posto de polbo. A animación musical correrá a cargo da orquestra Galilea da Estrada. O sábado haberá actos relixiosos ás 13.15h que darán paso á sesión vermú animada polo trío Orquídea. Xa pola noite duelo de tríos musicais con Orquídea e Savoy. Para rematar, o domingo, os actos relixiosos serán ás 13.15h e a animación musical estará a cargo da charanga BB+. Os festexos son na honra do patrón da parroquia, San Lourenzo e do Santísimo Sacramento. Os días 7, 8 e 9 de setembro continuarán as festas de verán de Ouzande, desta volta coa Romería do Socorro.

21 de xuño de 2018

Ouzande prepara a noite máxica do Lumeiro:::

Será este sábado, cadrando coa véspera de San Xoan e no Campo da Festa de Ouzande. A benvida á estación do sol, do verán será máxica segundo apuntan desde a organización. A Fervenza de Ouzande prevé recoller xa pola tarde as herbas purificadoras da auga e chegada a noitiña converter a morea de restos vexetais que xa teñen disposta no Campo da Festa nun monumental lumeiro. Para completar a festa haberá carro con bebida e comida, polo que se pode ir cear ao lugar. É tradición que cadaquén ase o seu propio chourizo nas brasas da fogueira. 

O momento máis esperado é contra a anoitecida cando unha máxica procesión musical e de persoas vestidas con roupas escuras e cirios nas mans aparece no recindo para levar ao seu HOME DO SACO cara a fogueira. Previamente os asistentes escriben aquilo que desexan queimar e métenllo no saco para desfacerse do peso no desexo. Finalmente as gaitas e as danzas rodean o lumeiro ata se faga pequeniño para poder ser saltado segundo marca a tradición.

A festa do Lumeiro é unha cita histórica de Ouzande, que xunta á veciñanza darredor da tradición e da música para darlle a benvida ao tempo das flores e dos cultivos.


12 de maio de 2018

Sendeirismo en Codeseda para darlle a benvida á primavera:::

Co aumento de horas de luz e o renacer da natureza, a Fervenza de Ouzande organizou para o pasado domingo día 6 de maio un roteiro circular pola parroquia de Codeseda. Comezou na Carballeira da Sagrada ás 09.45h e desenvolveuse durante toda a mañá ata ás 13.30h, momento no que os sendiristas chegaban de novo ao punto de inicio. A ruta desenvolveuse por 10 quilómetros, sempre co son da auga de fondo; primeiro do Regato de Fontefría e logo o Río Umia. Ao nutrido grupo de participantes impresionoulles a arquitectura da parroquia, con numerosas construcións en pedra, dende casas ata lavadeiros, muíños, pontillóns ou fontes, especialmente nos lugares de  Fontenlo e Marcenlos. No medio da ruta fixeron unha paradiña para o avituallamento, aproveitando as mesas e bancos da área recreativa do Refuxio.
O roteiro consitúe os primeiros km do reto Codeseda-Sabucedo, pero cun percorrido circular e máis adecuado para todas as persoas ao poder realizarse nunha mañá. As rutas de primavera continúan, desta volta o 17 de maio entre as parroquias de Ouzande e a Somoza, co mesmo horario e coa misión de coroar o alto da Pedralba, ao regreso os asistentes serán obsequiados cun libro en lingua galega para festexar o día das Letras.





Albas e Epílogos, así foi a súa presentación en Ouzande:::

Albas e Epílogos de Manuel Pereira Valcárcel xa está nas librarías e o pasado venres 4 de maio tamén chegou ao Local Social de Ouzande. E non o fixo só, senón que estivo acompañado do seu autor, o ouzandés Manuel Pereira e a poeta e activista cultural Neves Soutelo, quen a xeito de diálogo foi provocando que o autor desvelase os segredos máis variados do poemario, dende as imaxes suxestionadas pola luz que traspasa as xanelas ata as vivencias persoais que provocaron o nacemento de tan fermosos versos. O vindeiro xoves, día das Letras o poemario chegará á cidade de Zaragoza, un lugar moi ligado tanto ao autor coma ao libro, pois Manuel foi vivir con tan só 10 anos a esta cidade, onde creou intensos lazos culturais como coa ilustradora do poemario, Ana Cristina Lapiedra Argachal. Manuel tamén presentou un proxecto cultural no que participa en Madrid arredor do grupo Bilbao que mantén intensas conversas literarias en torno ás letras galegas en distintos cafés da capital e que editan a revista OLGA da cal falou o pasado venres no local social de Ouzande.




3 de maio de 2018

CODESEDA acolle a primeira ruta de primavera da Fervenza de Ouzande, este domingo 6 pola mañá:::

A parroquia de Codeseda acolle este domingo 6 de maio ás 09.45h unha nova andaina da Fervenza de Ouzande, será un roteiro aberto a todo o público e gratuíto, de 11km e dificultade baixa que dará a coñecer algúns dos atractivos da parroquia estradense. O punto de partida é a Carballeira da Sagrada, lugar no que tamén rematará o sendeiro ás 13.30h aproximadamente. Esta actividade encádrase dentro do programa de actividades de primavera e terá continuidade no día das Letras cun roteiro desde Ouzande ata o alto da Penalba, na Somoza.






ALBAS e EPÍLOGOS, mañá no Local Social de Ouzande:::

Dentro do programa de actividades de primavera da Fervenza de Ouzande, mañá no Local Social celebrarase a presentación dun novo libro do escritor ouzandés afincado en Madrid, Manuel Pereira Valcárcel. Trátase dunha nova proposta poética baixo o título Albas e epílogos. Será ás 20:30 horas. Ademais do autor, que falará da súa obra e recitará algúns dos seus poemas, a escritora estradense Nieves Soutelo fará a presentación do libro.