16 de outubro de 2012

Xornada electoral este domingo no local social:::

O local social de Ouzande acollerá este domingo día 21 unha das mesas para as eleccións ao Parlamento de Galicia. Os/As electores/as poderán votar a partir das 9:00 horas.
Como xa vén sendo habitual, poderáse exercer o dereito ao voto ata as 8 do serán, hora en que se pecharán as portas do local social para proceder a facer os cómputos das votacións.
O/A elector/a pode levar a súa papeleta xa preparada no seu sobre, ou ben seleccionar a papeleta de voto no propio colexio electoral e introducila no sobre xa que necesariamente debe haber papeletas suficientes de todas as candidaturas nas cabinas ou nas súas proximidades. Para preservar o segredo do seu voto o electorado pode seleccionar a súa papeleta na cabina instalada nun recuncho do local se así o desexa. Unha vez na mesa cómpre mostrar o DNI, carné de conducir ou pasaporte  e dicir o seu nome e apelidos para que as persoas elexidas por sorteo para xestionar as votacións procedan a levantar acta de que o elector en cuestión cumpriu co seu dereito a votar.
No local social reconvertido a electoral poderán estar interventores de todos os partidos que así o soliciten e que poden tomar nota dos votos emitidos para comprobar que non hai lugar a confusións.
Unha vez rematado o período das votacións, os membros da mesa contarán os votos emitidos na sala e por correo para logo levantar acta dos resultados electorais que aporta a parroquia de Ouzande de cara á composición do Parlamento nos próximos catro anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario