20 de decembro de 2012

Ruta de Nadal, FilmOU, Festa de fin de ano e presentación dun libro nas festas natalicias de Ouzande:::

A programación cultural deste Nadal que acaba de ser presentada pola Fervenza de Ouzande está composta por unha ruta a pé, un festival de cine, unha festa fin de ano e maila presentación dun novo libro de Manuel Pereira.   A primeira destas actividades terá lugar o vindeiro martes, día de Nadal, e consiste nunha ruta a pé polos montes de Ouzande e A Somoza para visitar, entre outros, as Lagoas. A saída terá lugar ás 10.30h da igrexa de Ouzande e o regreso prevese para as 13:30h. Esta xa é unha cita clásica no Nadal ouzandés, o ano pasado o destino foron os montes de Arcos, coa ascensión ao Castro desta parroquia veciña.   A seguinte actividade que deseñou A Fervenza de Ouzande para estas festas é un "festival de cine" chamado FILMOU. Trátase dunha tarde de cinema que se celebrará o próximo domingo 30 ás 5 da tarde no local social e que terá como protagonistas distintos videos documentais sobre a actividade da asociación neste ano 2012. O día 31 de decembro soarán as badaladas na parroquia para darlle a benvida ao anonovo. A Asociación de Ouzande organiza para esa noite unha festa de "fin de ano" con brinde polo 2013, música, sorpresas e, como non, o tradicional chocolate con churros.
O día 3 de xaneiro no local social de Ouzande, Manuel Pereiras Valcárcel presentará o seu último libro, un poemario editado en Zaragoza e que compartirá coa Veciñanza como en anteriores ocasións.
A saída do próximo martes será pola "Ruta das Lagoas",
esta imaxe é da anterior edición cando a camiñata foi polo Castro de Arcos.
O día 31 haberá oportunidade de brindar polo anonovo, esta imaxe corresponde á edición anterior.


Ningún comentario:

Publicar un comentario