26 de decembro de 2012

O Campo Vello desfaise dos seus chopos:::

O Campo da Festa de Ouzande ten unha forma caprichosa debido a que alguén -hai máis de 800 anos- decidiu asentar unha igrexa nun pequeno promontorio que divisaba boa parte da ladeira sobre a que hoxe se asenta a parroquia. Ata a época da concentración parcelaria os "bailes" íanse botar á parte de atrás da ábsida románica. Ouzande gañou un terreo común no que no ano 1976 a veciñanza levantou un palco de formigón e onde se comezaron a instalar os actos festivos. O campo vello pasou de ser o centro da festa a quedar coma unha bancada natural na que mesmo se colocaron uns bancos de pedra. A necesidade de sombra fixo que se fosen plantando algunhas árbores, algunhas con pouca fortuna.
Tal foi o caso dos tres chopos que nos últimos anos se convertiron en tres xigantes que apuntaban ao ceo. Xa hai tempo que en Ouzande se barallou a posibilidade de eliminalos; mesmo Don Manuel, o finado cura párroco, pedira que se quitasen. Foi a Xunta Parroquial quen convocou aos veciños para o sábado pasado sacar quilos e quilos de leña do Campo da Festa de Ouzande, unha leña que non servía para dar sombra e que tapaba a vista á fermosa ábsida románica da igrexa parroquial. Agora o que se ve son uns postes de formigón, algún infrautilizado. En concreto, un deles tiña un repetidor de sinal de TV que se pasou á Alemparte para non danar o conxunto histórico, pero só levaron o repetidor; o poste continúa ao pé dos canzorros medievais da igrexa.
O Campo Vello quedou  deste xeito
Agora pódese divisar a ábsida románica da igrexa sen os tres xigantes por diante

Ningún comentario:

Publicar un comentario