26 de xaneiro de 2013

Tarde de contas e experiencias en Ouzande:::

A Fervenza de Ouzande celebrou o pasado domingo, día 20 de xaneiro a súa asemblea anual. A convocatoria, que era para as 5 da tarde, comezou no local social da parroquia cun nutrido número de asistentes. Xabier de Camba, presidente da asociación presentou o informe de actividades realizadas no ano 2012, destacando o aumento de participación por parte dos socios en varias das actividades. Rosa de Cabanas, tesoureira da asociación fixo a presentación das contas, indicando que a ese día había un saldo positivo e que a meirande parte dos ingresos proceden das cotas de socios. Acordouse retomar a edición da revista "Carreiros" que é a acción cultural que máis diñeiro precisa para saír adiante. Durante o transcurso do acto proxectouse un video que recollía imaxes inéditas da actividades da entidade nese período. Para rematar proxectouse un estracto doutro video, o da presentación do disco OU de Retrouso no Teatro Principal, en homenaxe a este "fillo" da asociación que no ano pasado presentou este traballo e que está a ter moi boa acollida. 
Cando a asemblea xa ía poñer o seu punto e final, o nutrido grupo de cantareiros e cantareiras que semanalmente asisten ás clases de canto con Marcos Varela animáronse a botarlle un par de "pezas" que recollemos neste video. Ao final quedou o sabor dóce do chocolate con rosca e outras viandas que animaron ao público a compartir conversa. O acto alongouse finalmente bastante no tempo grazas ao bo ambiente reinante e á agradable conversa coa que rematou a xuntanza.
Alumnado de canto

socios ao inicio da asemblea


Ningún comentario:

Publicar un comentario