19 de outubro de 2013

Disfunción Continua Teatro continúa de xira con Eran outros tempos, ou non?:::

A compañía estradense Disfunción Continua Teatro continúa de xira, presentando a obra Eran outros tempos, ou non? por toda Galicia. Logo de estrearen a peza en Fornelos da Ribeira (Salvaterra), xa levaron esta divertida comedia a Palas de Rei, Ouzande, Ribadeo ou Orazo. Hoxe ás 21 actúan en Ponte (Silleda) e para a semana no Teatro Principal da Estrada (sábado 26 ás 21h). Tamén estarán o día 9 de novembro en Riobó.
Eran outros tempos, ou non? está protagonizado por cinco mulleres que comparten co público os seus recordos da infancia, en concreto as vivencias nunha escola de nenas do franquismo. Así van aparecendo unha serie de personaxes coas que se van recreando as clases de catecismo, ximnasia, matemáticas, ortografía e mesmo reciben a visita do inspector ou saen a recitar e cantar á radio local.
O elenco está composto por oito actores da zona da Estrada; Clara Iglesias, Natalia Carbajal, María Porto, Sabela Magariños, Manu Mougán, Alejandro Picallo e Manuel Rosende.
Esta compañía de teatro tamén ofrece a posibilidade de recibir clases de teatro todos os mércores de 21h a 23h no Local Social de Guimarei, as clases están abertas a todo o público, para informarse basta con achegarse ao lugar das clases ou poñerse en contacto coa compañía a través da súa páxina de facebook ou blog. O profesor é Jouse García quen ata decembro impartirá un obradoiro de clown.






Ningún comentario:

Publicar un comentario