13 de outubro de 2013

Ouzande botouse a andar:::

Con motivo da Iª Ruta do Outono e convocados pola Fervenza de Ouzande, ás 10 da mañá de onte partían de diante da igrexa parroquial unha vintena de sendeiristas camiño dos montes da parroquia e do Castro de Arcos. A ruta comezaba pola zona do Prado e en ringleira de a un polos carreiros desa zona camiño dos Muíños da Fervenza. Xabier Camba, presidente da asociación ouzandesa fixo de guía para expicarlle aos que viñan por vez primeira a historia e valor deste conxunto arquitectónico emblemático para a parroquia. A seguir, a marcha ascendeu polas pistas forestais da Areeira camiño do Castro de Arcos. Aos sendeiristas sorprendéronlles moi gratamente as vistas que hai desde este punto, co Monte Xesteiras á fronte, o val da Anllada, o val do Río Ulla co Pico Sacro e Gundián ao norte ou os montes do Pedroso ou a Pedralba ao sur. Á volta, o grupo desviouse polos "camiños dos lobos" que segundo explicaba unha veciña da zona era onde en tempos se acurralaba aos lobos para cazalos. Tras atravesar o lugar de Ferreiros, a ruta emprendeu camiño a Ouzande pola zona do matadoiro municipal e polo Picoto, facendo unha paradiña na Fonte do Redondo. Os participantes percorreron un total de 14 km e gozaron dunha mañá cuberta e coa visita do sol por momentos. Están citados para repetir experiencia na próxima ruta a pé a Fervenza de Ouzande e que será o no día de Nadal.
Dentro da programación de rutas do Concello da Estrada, durante a mañá de hoxe, outro grupo de sendeiristas visitou o conxunto dos Muíños da Fervenza, así coma os montes de Ouzande e da Somoza.
Foto de grupo na saída

Polos carreiros dos caneiros do Prado

Subindo o Castro de Arcos

Foto de grupo no alto do castro

Visita á Fonte do Redondo
Mapa da ruta:

Ningún comentario:

Publicar un comentario