23 de decembro de 2014

O camiño ecolóxico, unha saída para a economía da Estrada:::

O pasado venres 12 de decembro celebrouse no Local Social de Ouzande unha charla organizada pola Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande na que se deu a coñecer o traballo da Fundación para o Desenvolvemento Ecolóxico de Galicia. Podería ser a saída á nefasta situación económica da Estrada? Pois si, tal e como explicaron tres dos membros desta fundación que se achegaron á charla, a nosa comarca ten os factores precisos para ser "paraíso ecolóxico"; un territorio pouco contaminado, especies autóctonas moi resistentes ás pragas e produtivas. Nicolás Andión, presidente da Fundación explicou o nacemento e funcionamento desta entidade que investiga cales son as especies máis rendibles economicamente e que menos traballo dán. Trátase de revisitar a temática da produción ecolóxica desde unha perspectiva máis práctica e moderna, levando as potencialidades da nosa contorna ao mercado capitalista. O primeiro paso que deron foi contactar con empresas de comercialización da alimentación para garantir a saída dos produtos e sobre todo un prezo mínimo. A partir dese incio introducíronse na sidra, na mazá de mesa, oliveiras, nogueiras, horta, castiñeiro... e mesmo experimentan con especies coma o pistacho. Manuel Barcala deu unha visión moi práctica de como están traballando, dos problemas que se presentan cos zudres ou a chuvia ácida. Alfonso Uzal, xerente da Fundación explicou como investigan coas sementes desde o seu punto de partida en Moreira e como están levando a produción ecolóxica a moitos puntos de Galicia. De momento quen teña terras sen producir non ten máis que poñerse en contacto con eles, o primeiro é ver que tipo de cultivo ecolóxico é o máis axeitado ao terreo e logo os coidados que lle hai que dar para ter un complemento económico ou mesmo para dedicarse de cheo á produción ecolóxica.
Xabier Camba, presidente da Fervenza de Ouzande, presentando o acto. 
Nicolás Andión, Presidente da Fundación

Alfonso Uzal, Manuel Barcala e Nicolás Andión

Alfonso Uzal, Manuel Barcala e Nicolás Andión

Ningún comentario:

Publicar un comentario