14 de setembro de 2015

Fervenza festeira en Ouzande:::

O pasado venres 11 de setembro a parroquia de Ouzande acolleu unha exitosa edición da Fervenza de Músicas, tratouse da oitava edición deste festival herdeiro do desaparecido "Músicas da Terra" e no que a música se fai a pé de campo, sendo protagonista e ofrecendo numerosas sorpresas. Centos de persoas abarrotaron a partir das 22h as carpas habilitadas para degustar o tradicional polbo como para escoitar as distintas actuacións programadas. A primeira sorpresa foi o debut da charanga de Tequexetéldere, a agrupación municipal de música e baile tradicional presentou unha formación moi animada e coa que arrancou a festa. A continuación espectación ante Nai, unha formación moi orixinal liderada por Marcos Varela, profesor de gaita en Ouzande e que deleitou aos asistentes coa súas voces, teclados, acordeóns, percusión e ventos. Sonche Lerias, de San Xulián de Sales foron os seguintes en darlle forza á velada cun repertorio movido e alegre. A agrupación local de canto, Recanto foi a seguinte en actual, un conxunto de veciños de Ouzande que se reunen semanalmente para aprender a cantar e que desta volta deron un impresionante recital ante os seus propios veciños. Finalmente Retrouso foi o encargado de poñer o broche de ouro a esta cita, con pezas que seguramente se poderán escoitar no seu novo disco que xa está gravado e que en breves se poñerá á venda. O tempo respectou escrupulosamente a festa, quedando unha noite agradable de músicas en fervenza.





visualice todas as fotos do Portal de Ouzande clicando nesta imaxe... 
VIII FERVENZA DE MÚSICAS Ouzande 11.09.15

Ningún comentario:

Publicar un comentario