14 de xuño de 2016

A Fervenza de Ouzande celebra unha festa este domingo 19 de xuño para conmemorar os seus 15 anos de vida:::


15 anos para unha asociación son moitos anos, máis aínda cando é tan dinámica como A Fervenza de Ouzande. Nos seus obxectivos iniciais estaba dinamizar a vida sociocultural da parroquia, pero foi moito máis aló, converténdose na asociación cultural de referencia da bisbarra. 
A festa de aniversario vai consistir nunha gran comida comunitaria no Campo da Festa de Ouzande ás 14h deste domingo 19. Para o efecto haberá unha gran carpa e ao remate prevén un festival de música a cargo das distintas disciplinas da escola de música, así coma de grupos convidados que durante estes 15 anos tiveron relación coa entidade. Segundo anuncia a Fervenza de Ouzande aínda é posible anotarse na taberna de Ouzande ou ben poñéndose en contacto coa asociación en facebook ou no correo carreirosouzande@gmail.com.
O menú que ofrecen é o seguinte: Empanada, polbo, churrasco mixto, patacas fritidas, ensalada, sobremesa caseira, café e chupitos. O prezo, para as persoas adultas é de 20 euros; para os menores de 12 anos, de 10 euros; e para os mozos e mozas de 12 a 18 anos, será de 15 euros. 
A Fervenza de Ouzande vén realizando centos de actividades moi variadas e grazas ás cales conseguiron dinamizar culturalmente a parroquia, dotándoa dunha importante estrutura de música tradicional, de rutas e excursións de disitnto tipo, actividades divulgativas, festas cíclicas e actividades que sempre se caracterizaron pola súa orixinalidade e calidade. Con motivo do 10 aniversario fixeron, entre outras cousas, un documental no que unha socia pedía que a próxima festa de conmemoración fose unha polbada, e así será.






Ningún comentario:

Publicar un comentario