18 de agosto de 2016

Barcala presume de praia:::

Cando as altas temperaturas de agosto se alían co tempo de lecer, as praias convértense nun cobizado destino que non todos teñen ao pé da porta. A Estrada presume de ter o Concello dos mil ríos, desde o Umia ao Ulla pasando polo Liñares, Vea, Curantes... pero curiosamente é un municipio con poucas áreas de recreo debidamente acondicionadas. En Barcala hai un pequeno gran paraíso chamado O Bao e que ofrece todos os ingredientes para gozar dunha xornada de desconexión en contacto coa natureza. Ata hai pouco, os usuarios eran os veciños máis próximos, pero estes queren compartir o lugar e presumen do seu. Hai anos o Concello da Estrada, a través dun Obradoiro de Emprego, realizou uns traballos de mellora, dotando o lugar dun pequeno parque infantil e unha pontella de madeira, tamén desbrozou a zona. Pero estes espazos precisan un mantemento constante que, ata o momento, realizan os propios usuarios. Son eles quen o limpan e promocionan, crearon unha páxina en facebook na que dan información sobre a temperatura da auga ou comparten fotos ou anuncian actividades que alí se desenvolven. 
O pasado mes de xullo, un usuario comezou unha campaña para que o Concello da Estrada asuma máis responsabilidades en relación ao Bao, creando unha petición pública en change.org  Aínda que recoñecen que o municipio achega o tractor de desbroce ata a pista de acceso, afirman que son necesarios labores de poda e limpeza do areal. Así a petición baséase en catro puntos. O primeiro é a limpeza de maleza e restos que xere, o segundo a poda das árbores próximas á zona de baño, a terceira é o arranxo da zona infantil posto que falta un columpio e o chan está roto, facéndose perigoso para os nenos e nenas que alí se dispoñan a xogar. O último refírese aos accesos, a pista que une a área coa estrada Sinde-Couso non está asfaltada, xéranse buracos coa chuvia e ten certa pendente polo que a baixada en coche queda restrinxida só para valentes.  
A Praia do Bao sitúase preto da Ponte Colgante de Couso, catro quilómetros río abaixo. Pódese acceder desde a estrada que une Couso con Barcala, Sinde ou Padrón pero hai que tomar unha estrada forestal non asfaltada e non está sinalizada. Esta área xérase pola existencia no lugar dun vello  muíño hoxe totalmente abandonado pero que ten un gran muro que encora a auga do Ulla, creando un enorme estanque e que é o que propicia a existencia desta zona de baño. As ríadas do inverno enchen as ribeiras de area e a vexetación frondosa crea zonas de sombra moi apetecibles nos días de calor. Tamén é posible o paseo grazas aos camiños de pescadores que os propios usuarios da praia acondicionan para uso e desfrute de todo o mundo.Un dos aspectos a mellorar para o acceso a esta praia é a sinaléctica, pois actualmente non hai ningún tipo de cartel que indique como se pode acceder a este recuncho marabilloso.

zona de corte do muro do encoro

restos do vello muíño

Praia do Bao

Pontella que salva un dos carreiros polos que se pode pasear

A zona infantil precisa de mantemento

Ningún comentario:

Publicar un comentario