9 de febreiro de 2010

O sábado volve o ANTROIDO á nosa parroquia:::

Será coa chegada dos cegos do entroido un pouco antes das cinco da tarde ao campo da festa. Percorrerán toda a parroquia e irán parando nos distintos lugares. Ao final hai anunciada unha grande festa de disfraces no local social, sobre as 7 e media do serán.
Toda a información desta actividade no blog da Fervenza de Ouzande

A Fervenza de Ouzande celebrou a Asemblea Xeral:::


Foi unha cita moi concorrida na que se deu conta da situación económica da entidade, dos pormenores da xestión da directiva e das actividades realizadas en 2009. Tamén se apuntaron algunhas novidades para 2010. No acto déuselle estreo a un recurso co que a partir de agora conta a parroquia; un canón para proxectar imaxes, en concreto serviu xa na xornada do domingo para ver o informe económico e mais un video con músicas e imaxes que resumiron todo o ferver de actividades de 2009. A pesar de diminuir o número de actividades, estas foron de maior calidade e gozaron dunha alta participación, a mesma asemblea estivo moi concorrida e foi moi participativa.
Outro dos puntos que tocaba tratar foi o da renovación da xunta directiva que se amplía a catorce membros. Son os seguintes:
Xabier de Camba (presidente), Natalia de Sueiro (vicepresidenta), Manuel de Topete (secretario), Rosa de Cabanas (tesoureira), Julio de Sueiro, Loli de Camba, Malusa da Cardalda, Laura de Topete, Manuel da Taberna, Manuel do Rubio, Xabier Adán, Noelia do Rubio, Álex Ayude e Cristina do Cereiro, sendo estes tres últimos os novos integrantes do equipo directivo.
No transcurso da asemblea fíxose mención ao premio "San Martiño" pola normalización e dinamización da lingua galega coa proxección dun video no que o presidente Xabier de Cambia recolle a estatuíña e pronuncia un sentido discurso sobre a entidade, que vai camiño de cumprir os seus primeiros dez anos de vida.
Para rematar, a organización agasallou con chocolate e biscoitos aos asistentes.
Esta noticia tivo repercusión a nivel comarcal e é referida no Faro de Vigo do luns 8 de febreiro.

4 de febreiro de 2010

A Fervenza de Ouzande celebra o domingo ás 5:30 da tarde a súa Asemblea Xeral de Socios:::


A Asemblea Xeral da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande hase celebrar este domingo día sete de febreiro ás cinco e media da tarde. A Xunta Directiva dará conta da súa xestión. Segundo a Lei de Asociacións e os estatutos desta entidade toca elexir directiva nesta convocatoria. A organización ten previsto mostrar un video co resumo de actividades desenvolvidas durante 2009 e convidar aos asistentes a un chocolate quente ao remate da mesma.

1 de febreiro de 2010

Elexida a nova XUNTA PARROQUIAL de Ouzande:::


O pasado sábado 30 de xaneiro ás sete e media do serán celebráronse as elección á Xunta Parroquial. A novidade radicou na presenza de mulleres nas votacións, saíndo dúas elexidas como membros da nova Xunta Parroquial. Logo dun interesantísimo conto de votos, o resultado quedou desta maneira:
1. Laura de Topete (19 votos)
2. Luis de Susa (15 votos)
3. Alfonso de Porto (14 votos)
4. Conchita de Xestoso (14 votos)
5. Raúl da Campesa (11 votos)
6. José de Pedro (10 votos)
suplentes: José de Pura (fillo) e Martín Campos (fontaneiro)

20 de xaneiro de 2010

O Concello prevé obras para o local social de Ouzande:::

O alcalde da Estrada, Xosé Dono, deu onte información sobre as obras que se prevén no noso municipio nos próximos meses. Entre estas actuacións mencionouse o local de Ouzande, unha obra demandada desde hai moito tempo pola sociedade parroquial. Cambio de ventás, revestimento do exterior ou mesmo a mellora da parte superior para a súa optimización son algunhas das reclamación que se teñen feito nos últimos anos.
O local social de Ouzande, sito nos baixos do palco, é un dos espazos do rural estradense con maior densidade de actividade ao longo de toda a semana. Dende as distintas votacións ata as máis variadas actividades de carácter sociocultural son as que se desenvolven nuns poucos metros cadrados que reclaman unha atención urxente.
O financiamento para estas actuacións anunciadas polo alcalde responden ao plan Feil, ou plan anticrise do Estado e contará con 2,36 millóns de euros.
A proposta municipal pretende darlle traballo a 67 operarios que pertencerán ás empresas locais que traballarán no saneamento de distintas parroquias e na recuperación das casas escola e locais sociais. Para esta segunda actuación anunciouse un investimento de 225.000 euros. Estes traballos dirixiránse para as cubertas dos locais de Souto, Moreira, Matalobos, Cereixo, Couso, Arca, Callobre, Vinseiro e Oca. Adxuntamos as declaracións de Dono en Estrada Tv.

19 de xaneiro de 2010

Un nutrido grupo de persoas realizan a visita guiada á igrexa de Ouzande dentro das Xornadas de Historia da Estrada:::


Organizadas pola Concellaría de Turismo do Concello da Estrada, a pasada fin de semana celebráronse as I Xornadas de Historia da Estrada. As actividades comezaron o venres 15 ás 7 da tarde na Sala de Exposicións de Caixanova e foron presentadas por Raquel Doce, teniente de alcaldesa.
Na primeira das palestras falou a catedrática en filoxía románica Mercedes Brea sobre o mundo trobadoresco. Animou ao público a perderlle o medo aos textos medievais e deu a coñecer o que se sabe sobre a lírica dos irmáns Pai Soarez de Taveirós e Pero Velho de Taveirós. Naturais desta parroquia veciña, naceron nas primeiras décadas do século XIII. Consérvanse quince cantigas de Paio no Cancioneiro da Ajuda e unha de Pero que se localizou no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa.
Anselmo López Carreira que é profesor de historia medieval na UNED explicou a existencia do Reino da Galicia medieval e o silenciamento que se fixo no século XIX da nosa historia por motivos políticos.
Un nutrido grupo de persoas foron as que realizaron a visita guiada á igrexa de Ouzande nunha xornada marcada pola choiva. Guiou a expedición Xosé Luna Sanmartín quen falou dos elementos máis característicos da nosa igrexa, matizando que A Estrada conta con outras vinte igrexas con orixe e restos románicos, sendo a de Ouzande unha das mellor conservadas.
Xa pola tarde do sábado pechou este guía as Xornadas cunha conferencia sobre o románico na comarca e destacando a importancia deste no contexto mundial, acentuou á nosa comarca como "a maior fábrica de románico de Europa", sen nada que envexarlle a Silos ou outros monumentos que figuran nos libros de texto dos institutos.

No mundo nom me sei parelha,
mentre me for como me vai;
ca ja moiro por vós, e ai!,
mia senhor branca e vermelha,
queredes que vos retraia
quando vos eu vi em saia?
Mao dia me levantei,
que vos entom nom vi feia!

E, mia senhor, des aquelha,
me foi a mi mui mal di' ai!
E vós, filha de Dom Pai
Moniz, en bem vos semelha
d' haver eu por vós garvaia?
Pois eu, mia senhor, d' alfaia
nunca de vós houve nem hei
valia d'ua correia!

— Cantiga da garvaia, Paio Soares Taveirós

14 de xaneiro de 2010

Unha árbore cae no Tallo tralo temporal da pasada madrugada:::

O temporal de vento e auga trouxo complicacións na madrugada deste mércores ao xoves. Aínda que as comarcas costeiras foron as máis afectadas polos fortes refachos, tamén no interior nos vimos afectados.
Ademais dos cortes de luz houbo unha incidencia no Tallo ao caer un piñeiro sobre a pista que une a estrada de Codeseda coa de Ouzande.
Ao mediodía de hoxe xa estaba transitable esta pista que diariamente é usada por numerosos automóbiles para acceder á vila pola zona de Bedelle.