9 de febreiro de 2010

A Fervenza de Ouzande celebrou a Asemblea Xeral:::


Foi unha cita moi concorrida na que se deu conta da situación económica da entidade, dos pormenores da xestión da directiva e das actividades realizadas en 2009. Tamén se apuntaron algunhas novidades para 2010. No acto déuselle estreo a un recurso co que a partir de agora conta a parroquia; un canón para proxectar imaxes, en concreto serviu xa na xornada do domingo para ver o informe económico e mais un video con músicas e imaxes que resumiron todo o ferver de actividades de 2009. A pesar de diminuir o número de actividades, estas foron de maior calidade e gozaron dunha alta participación, a mesma asemblea estivo moi concorrida e foi moi participativa.
Outro dos puntos que tocaba tratar foi o da renovación da xunta directiva que se amplía a catorce membros. Son os seguintes:
Xabier de Camba (presidente), Natalia de Sueiro (vicepresidenta), Manuel de Topete (secretario), Rosa de Cabanas (tesoureira), Julio de Sueiro, Loli de Camba, Malusa da Cardalda, Laura de Topete, Manuel da Taberna, Manuel do Rubio, Xabier Adán, Noelia do Rubio, Álex Ayude e Cristina do Cereiro, sendo estes tres últimos os novos integrantes do equipo directivo.
No transcurso da asemblea fíxose mención ao premio "San Martiño" pola normalización e dinamización da lingua galega coa proxección dun video no que o presidente Xabier de Cambia recolle a estatuíña e pronuncia un sentido discurso sobre a entidade, que vai camiño de cumprir os seus primeiros dez anos de vida.
Para rematar, a organización agasallou con chocolate e biscoitos aos asistentes.
Esta noticia tivo repercusión a nivel comarcal e é referida no Faro de Vigo do luns 8 de febreiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario