10 de abril de 2011

LÉVANLLE O COCHE CO GUINDASTRE E ACCIDÉNTANLLO:::

Isto é o que lle pasou ao noso veciño Manuel Buján. Viaxou á capital de Galicia para facer unhas xestións, estacionou o seu coche na zona "ora" deixándolle o correspondente ticket de pago ben á vista. Á volta o coche non estaba. Buján, sen darse de conta, aparcara nunha zona de carga e descarga. Púxose en contacto coa Policía Local e sorprendentemente preguntáronlle que "que tal carácter tiña" posto que a noticia non ía ser do seu agrado. No traslado do vehículo desde o centro da cidade ao depósito municipal este desengachouse do guindastre saíndo despedido á altura da Avenida de Asturias.
Agora o seguro da compañía de guindastres compostelá terá que facerse cargo dos arranxos do PEUGUEOT 406 que Buján tan ben coidado tiña.
Algúns medios de comunicación déronse eco desta noticia polo sorprendente da mesma e pola empatía que provoca en todos os condutores que imaxinan como calquera podería ser a vítima deste desatino, desta volta tocoulle a Buján.

31 de marzo de 2011

A XUNTA PARROQUIAL CREA UN "RASCA E GAÑA"

Coa finalidade de recaudar máis diñeiro para as festas parroquiais e así sanear as contas da entidade, a Xunta Parroquial impulsou a creación dunha lotaría a xeito de porra. Desde este martes xa está na Taberna de Ouzande, en breve estará tamén noutros locais de hostelaría da Estrada como son o Café A Farola, American Bar, Andalucía e Bar Estación.

O mecanismo do concurso baséase nun taboleiro dividido en cadros, identificados cunha letra e un número,que conteñen, ou non, premio. A participación é de 1€ por cadro. Os premios, de diferentes categorías, entregaranse no momento. O último cadro en descubrirse terá premio seguro.

27 de marzo de 2011

O asfalto volve a Ouzande:::


O asfalto volveu á parroquia para completar as obras de urbanización das beirarrúas no tramo que comprende desde o Empalme ata ao Tallo.
Esta obra era moi necesaria para completar esta iniciativa que a día de hoxe na que aínda queda pendente o encendido das farolas e a a ampliación da obra ata a zona da igrexa.
Por outra banda, vénse iniciando nas últimas dastas a precampaña electoral, con mitins por parte do PP onde o alcaldable Xosé López se presentou ante a veciñanza e na xornada de onte foi o alcalde Xosé Dono, do PSOE quen, acompañado da corporación municipal, falou das accións do goberno a nivel municipal e a incidencia na parroquia das súas iniciativas. Ao remate convidaron á veciñanza a uns pinchos no renovado local social.

1 de marzo de 2011

CHEGA O ENTROIDO A OUZANDE:::


Será este sábado 5 de marzo. A Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande organizou unha festa de disfraces no recén inaugurado local social no Campo da Festa.
A festa comeza ás 18:30 e centraráse nos disfraces, haberá viandas propias destas datas e servizo de préstamo de disfraces. Non faltarán os cegos de entroido e as súas satíricas coplas. Desta volta a asociación non contempla facer o tour típico pola parroquia en carrozas e centrará toda a actividade entroideira no Campo da Festa. Máis info no blog da Fervenza de Ouzande.

28 de febreiro de 2011

INAUGURACIÓN POR TODO O ALTO:::

O pasado sábado a Xunta Parroquial, a Fervenza de Ouzande e mailo alcalde de barrio organizaron un acto para darlle o estreo ás obras do local que nos últimos meses transformaron a fisonomía do palco, dotándoo de novos espazos utilizables, facendo a construción máis accesible e aillándoa das inclemencias do tempo.
Foi moita a xente que se achegou para ver de preto o resultado final desta intervención. Para isto organizaron un visionado de fotografías na parte inferior, que conta con novas ventás e persianas. Na marxe superior instaláronse mesas con pinchos que degustou o público asistente. Xa na parte esterior, na zona das novas escaleiras, da rampa de acceso e de palco fíxose o acto simbólico co que a veciñanza festexou esta novidade para a parroquia, coa plantación dunha laranxeira por parte dalgúns nenos e nenas ouzandeses, presente e futuro da parroquia.
Ao acto asistiron membros da corporación municipal que puideron comprobar a utilidade que se lle ha dar a esta intervención na parroquia máis dinámica do municipio e destacaron o bo resultado da obra.


19 de febreiro de 2011

O próximo sábado inaugúrase o novo local social no vello palco:::

Será ás 7 e cuarto tal e como reza o cartel que se fixo para a ocasión. Actuará o grupo ouzandés Retrouso e Xunta Parroquial e Fervenza de Ouzande ofrecerán conxuntamente uns pinchos para compartir tan feliz acontecemento.

Polo de pronto xa volveu a actividade normal á parroquia logo de que durante as obras se trasladaran as clases de pandeireta, baile, percusión e gaita ao local da veciña parroquia de Guimarei. Esta tarde pandeiretas, gaitas e tamboriles estrearon casa nova.

13 de febreiro de 2011

Ouzande estrea casa:::


Remataron as obras de remodelación do palco de Ouzande. Na tarde de onte os operarios da empresa Cutrín, encargada da obra déronlle os últimos retoques. Membrosda Fervenza de Ouzande aproveitaron que se liberou o local da parte inferior para facer unha limpeza profunda do mesmo. Xunta Parroquial e A Fervenza de Ouzande organizan agora un acto dirixido a toda a veciñanza para inaugurar esta ampliación de espazos sociais na parroquia. Sérá o próximo sábado 26 de febreiro ás 19h. Servirán uns pinchos nunha tarde de portas abertas para que todo o mundo poida comprobar como quedou esta importante reforma na que é a casa dos ouzandeses.