1 de novembro de 2012

O novo tramo das beirarrúas podería ser construído en 2013:::

Segundo vén de informar o Concello da Estrada, as beirarrúas proxectadas desde o Tallo e até a igrexa de Ouzande, poderían ser construídas no vindeiro ano. O orzamento para ás mesmas é de 500.000€ e as obras poderían iniciarse no mesmo mes de xaneiro. O tramo a facer sería só dun lado da estrada, en concreto pola  parte dereita segundo imos cara á igrexa, afectaría a unha lonxitude de 500 metros e contaría coa mesma dotación que os 400 xa contruídos. Parece ser que xa falaron con todos os propietarios e que estes ceden desinteresadamente os terreos para que así se poida facer esta necesaria obra para a seguridade vial da parroquia. Polo de pronto, o proxecto terá que pasar o visto bo de Patrimonio, sobre todo polos últimos 100 metros, que entran na zona de especial protección deste organismo debido á proximidade da igrexa ouzandesa. 
O tramo a construír vai dende O Tallo e até a
igrexa de Ouzande (500m)
Na actualidade non hai beiravías;
desde a calzada pásase á cuneta





29 de outubro de 2012

A NOIVA E O NAVIO recalan en Ouzande con Susana Sánchez e Uxío Allo:::

O pasado sábado, a escritora do Foxo, Susana Sánchez presentou en Ouzande o seu último poemario A noiva e o navio no local social.
O acto foi organizado pola Fervenza de Ouzande e presentado polo socio Uxío Allo, da Arousa, quen introduciu aos ouzandeses no ámbito mariñeiro.  Ademais da lectura dalgúns poemas tamén se xogou co vocabulario dos nomes do mar que aparecen no poemario grazas a un bingo.

27 de outubro de 2012

Esta noite toca atrasar os reloxos, ás 3 pasan a ser as 2:::

Hoxe remata o horario de verán e os reloxos atrasaranse unha hora, de modo que ás 3.00 horas volverán ser as 2.00 horas, polo que oficialmente haberá unha hora máis, en cumprimento da Directiva Europea que rexe o denominado Cambio de hora e que afecta a todos os Estados membro da Unión Europea.
A práctica de atrasar o reloxo unha hora no inverno e adiantalo no verán xeralizouse de forma desigual a partir de 1974, en resposta á primeira crise do petróleo, daquela algúns países decidiron adiantar os seus reloxos para poder aproveitar mellor a luz do sol e, polo tanto, consumir menos electricidade en iluminación. 

Aplícase como directiva desde 1981 e foi renovada sucesivamente cada catro anos, segundo recorda o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. Na actualidade é unha decisión indefinida.

O cambio de hora que se aplica esta madrugada poderá servir para aforrar enerxía pero tamén ten efectos adversos pois aféctalle especialmente a vellos e nenos ao alterar os biorritmos nas comidas e horas do sono.




26 de outubro de 2012

Xoque fala na TVG de "Todo é Silenzo":::

En menos dun mes, aproximadamente, chegará ás grandes pantallas a versión cinematográfica da novela de Manolo Rivas, logo de que se presenta no Festival de Cine de Valladolid. O Teatro Calderón da cidade castelá estivo cheo para ver o equipo que traballou baixo a dirección de Luis Cuerda que pousaron no photocall. Xoque falou para a TVG sobre a película e mais sobre as próximas citas co teatro. Tamén avanzou que terá que ir indo "cara ao monte" pois en breve comeza a rodaxe dun novo filme non moi lonxe, nos montes de Moraña.
Teatro Calderón de Valladolid no Festival de Cine coa presentación de Todo é Silenzo
 Xoque co equipo da película pisando a "alfombra vermella"
Cuerda falou do filme 

O de Sueiro fala para o programa Zig-Zag diario da TVG

Resultados da mesa electoral de Ouzande:::

Se de Ouzande dependeran os resultados electorais das Eleccións ao Parlamento de Galicia, este sería o panorama; o PP tería maioría absoluta a pesar de ter perdido votos, o PSOE e BNG perden votos e aparece con forza AGE na dinámica política mentres que CxG se asoma timidamente.

O Partido Popular tivo nas autonómicas de 2009 122 votos, mentres que en 2012 queda con 7 menos; 115.  O Partido Socialista Obrero Español pasou de 73 a 29, O Bloque Nacionalista Galego pasou de ter 49 a 10 votos nas eleccións do pasado domingo. Alternativa Galega de Esquerda, a coalición liderada polo carismático Xosé Manuel Beiras tivo boa acollida en Ouzande, situándose na segunda forza máis votada con  30 votos. O outro partido novo que conseguiu votacións na nosa parroquia foi Compromiso por Galicia que levou 3 papeletas.

De todas maneiras, esta comparativa non ten en conta os cambios no censo electoral (defuncións, novos maiores de idade, cambios de residencia...) pero aínda así déixannos o dato de que a dereita revalida o seu respaldo na nosa parroquia e que a nova formación nacionalista e de esquerda se presenta con forza. 
En comparación coas demais mesas electorais da contorna a tendencia é a mesma, aínda que en Tabeirós-A Somoza a forza máis votada foi o PSOE e nalgunhas mesas do casco urbano AGE tamén aparece como segunda forza, por diante dos socialistas.





20 de outubro de 2012

"Ouzande" supera as 5.000 visitas:::


O blog "Ouzande" vén de superar as 5.000 visitas. Concretamente no momento de redactar esta nova levaba 5.552 visitas. Por países, a maior parte das consultas proceden de España (3.751), sendo os Estados Unidos o país de fóra con máis visualizacións (553), curiosamente Rusia ten 308 visitas e Alemaña 275. Un país con forte relación con Ouzande como é o Brasil ten 148 visualizacións do blog e, xa por debaixo, atópanse outros países europeos como Holanda (77), Francia (68) ou o Reino Unido (31). Sorprendente é que haxa visitas desde o Xapón, que conta con 29 ou Ucraína con outras 29 visualizacións.


Este blog é unha iniciativa altruísta e sen ningún outro ánimo que manter informado de todo o que acontece en Ouzande a quen lle poida interesar. Naceu en 2008 e xa conta con 200 noticias de actualidade sobre a parroquia. A pesar de ter un ámbito de comunicación moi reducido pois en Ouzande viven sobre 300 persoas, ten unha media de 100 visualizacións semanais, aumentando ata ao dobre nos momentos de maior concentración de noticias. As informacións máis presentes son as relacionadas coa intensa actividade social e cultural da parroquia, seguida de deportes, medioambiente ou sucesos. Desde 2012 conta cunha sección de videos informativos e especiais sobre os eventos e aspectos de maior interese que se producen no ámbito de Ouzande.




Celebran o centenario do casamento de Castelao:::

Onte cumpríronse 100 anos do casamento do histórico autor e galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Virxinia Pereira. Por este motivo, a Asociación Vagalumes organizou varias actividades para realzar a figura do insigne autor.
Hoxe ás 16.30h comeza no cemiterio de Figueroa o "Roteiro Amoroso de Castelao". Escollen este punto pois é onde xacen os restos mortais da muller e do fillo. Posteriormente pasaráse por puntos da vila relacionados coa vida de Castelao e Virxinia; a pensión onde quedaba o rianxeiro cando viña visitar á súa moza da Estrada, o lugar onde estaba a igrexa onde casaron, o Casino onde foi o banquete no actual café "A Farola", a casa da familia en Pérez Viondi. Este paseo pola vila sairá a dúas parroquias da Estrada de especial interese para a faceta artística do homenaxeado, xa que acostumaba a dar longos paseos por Ouzande para gozar coa fermosa estampa da ábsida románica da igrexa parroquial ou de sentar ao pé do cruceiro a parolar. A outra parroquia é Guimarei pois a súa torre medieval tamén foi obxecto da mirada de Castelao. 
Xa ás 8 do serán e na Sala de Exposicións de Caixanova, na Estrada, van presentar un cómic sobre a vida de Alfonso Daniel, neste acto estarán Ignacio Vilariño (guionista), Xoán Carlos Garrido (especialista na vida e obra de Castelao) e Fantoches Bag de Lalín (representarán algún fragmento desta banda deseñada).
Estes actos son libres e gratuítos.

 Pintura da igrexa de Ouzande feita por Castelao, exposta no Museo de Pontevedra


 Fotografía de Castelao


 Unha das poucas fotos de Castelao e Virxinia no día do seu casamento
 Pintura da estradense Virxinia Pereira, esposa de Castelao

Cartel das actividades da Asociación Cultural Vagalumes