7 de xullo de 2014

Callobre comeza a conta atrás para o "Folk de Raíz":::


A bisbarra estoupa en festas coma cada verán. En Callobre están xa coa conta atrás dun dos festivais de música tradicional máis sobranceiros da comarca, o "Folk de Raíz". Nesta edición a organización concentrou todas as actuacións nun día, o venres, para abaratar custes, o que fará que sexa unha festa moito máis intensa, se cabe. O cartel está encabezado por Tiroliro, Treixadura, A Banda da Balbina, Ce o home orquesta e mailo Regato de Matamulleres. O grupo Treixadura deixou hai uns días moi bo sabor de boca nas festas do San Paio da Estrada polo que se agarda que sexa un dos grupos máis agardados da noite, aínda o que nivel das demais actuacións é tamén moi alto. Á semana seguinte, os días domingo 20 e luns 21 terá lugar a Santa Margarida, polo que Callobre non se despide das festas. Entre as actuacións destaca a orquesta portuguesa Funçao Pública.



Imaxes de arquivo. Folk de Raíz 2013

Así foi a Rapa das Bestas de Sabucedo:::

Centos de medios acreditados están dando conta de como decorreu a Rapa de 2014 que vén de rematar hoxe. Sabucedo acolleu centos de festeiros que dun xeito ou doutro foron convocados pola chamada da natureza e da tradición. Aínda que se correra a voz de que había xente tratando de cobrar pola acampada, non houbo máis incidentes que ese, sacando a chuvia que desluciu a festa, sobre todo o sábado. Tequexetéldere tivo que suspender a súa actuación no curro e moita xente pechouse nas tendas de campaña para protexerse. Pero o domingo volveu o bo tempo a Sabucedo e a rapa foi multitudinaria. Hoxe os fondos recadados irán para a Cruz Vermella.


o espectáculo da rapa das bestas séguese facendo coma antano.

multitude de público para presenciar a rapa.

Polbeiros e atraccións estiveron cheos toda a fin de semana.

Este ano o espectáculo de cetrería de Vilagarcía foi unha das novidades.

Gurpos de xinetes que se uniron á festa.

Tendas de campaña en Sabucedo.

1 de xullo de 2014

Así vai ser a Rapa das Bestas de Sabucedo:::

Cartel da festa da Rapa 2014
Sabucedo acolle esta semana, desde o xoves e ata o luns a tradicional festa da Rapa das Bestas. Desde a asociación "Rapa das Bestas" informan que este xoves día 3 ás 10 do serán haberá unha gala na honra dos aloitadores. Será a inauguración dunha festa declarada de interese turístico internacional. O venres teñen misa na honra de San Lourenzo ás 06.30h para ás 7 dar inicio á subida ao monte para ir na procura das bestas. Sobre as 2 do mediodía está prevista a chegada ao Peón cos animais, neste punto instalarán un carro con comida e bebida que servirá de avituallamento para todos aqueles que axuden a ir polas bestas ao monte. Para as 17:00h será cando teñan previsto o peche das bestas. A actividade lúdica comeza pola noite no Campo da Festa cun concerto de Roi Casal e unha verbena con dúas orquestas. Xa o sábado ás 12 do mediodía procederán a baixar o gando desde o peche na zona do Peón para ás 19:00h proceder á primeira das rapas no Curro Novo. Pola noite verbena con outras dúas orquestas. A segunda das rapas será o domingo ás 12 do medidía no mesmo lugar. Ás 17:00 haberá exhibicións de música e baile tradicional. Retrouso acturá canda a outras formacións da zona. A actividade continúa de noite con outra verbena. O luns 7 de xullo terá  lugar ás 12:00h a terceira rapa das bestas, desta volta cun curro solidario no cal a  recadación vai estar destinada á Cruz Vermella. As bestas serán liberadas ás 3 da tarde, dando por pechada a festa.
Arestora as tendas de campaña xa van deixando ver na parroquia, especialmente na Carballeira do Medio, mentres que se instalan os postos de comida e atraccións; transformando a aldea para acoller a milleiros de visitantes.
  

 Fotografías da Rapa das Bestas (histórica e de arquivo da Asociación Rapa das Bestas)

25 de xuño de 2014

Abel Carbajal recibe o premio á mellor produción con Te Pillé no Festival Jove de Valencia:::

Abel portando o diploma á mención especial.
Desde o 20 deste mes e ata o 27 estase a celebrar na cidade de Valencia a 29 edición do Festival Internacional de Cine de València. Cinema Jove. Abel Carbajal vén de recibir o pasado luns 23 o premio á mellor produción audivisual de entre as máis de 120 presentadas.

Abel, exactamente como funciona o concurso e cal é valor do premio?
Pois é un encontro audiovisual de xente nova que se celebra durante unha semana aproximadamente e que se organiza en tres categorías por idades, a min correspóndeme a "B" A miña sorpresa foi que non me deron o premio á miña categoría, senón que se trata dunha mención sobre todos os traballos presentados entre as tres categorías.

Como foi a experiencia?
Pois non o esperaba. Esta edición había entre 120 e 150 curtas entre as tres categorías cando o ano pasado eran a metade e este é un festival dos máis importantes que hai a nivel internacional polo que é unha honra xa só o feito de participar. A experiencia é moi enriquecedora pois podes visualizar as obras seleccionadas e aprender moito do sector, cousa que me interesa pois é ao que me quero dedicar. Presentaba a actriz Ana Álvarez que tamén era membro do xurado e que fixo unha charla sobre a interpretación para o cine cos asistentes. A curta "Te Pillé" aínda pode participar este ano en certames deste tipo polo que a pesar de haber tempo que a fixemos é unha satisfacción que segue a dar froitos.

Xa de volta en Ouzande, algún proxecto en mente?
Si algunha cousa teño pensado facer este verán. De momento está moi verde, teño que madurar un pouco a idea e poñerme mans á obra. Xa vos irei contando.

Guimarei celebra o San Xoán con Milgrandeira:::

50 persoas gozaron de sardiñas e outros manxares no San Xoán.
Guimarei sumouse á celebración do San Xoán o pasado sábado 21 ás 22h cunha xuntanza no local social do Outeiro á que acudiron unhas 50 persoas. Durante a velada degustaron apetitosos manxares típicos desta época.
A formación musical Milgrandeira foi a encargada de animar a ritmo de gaita e bombo a festa. Trátase dunha formación nacida hai menos dun ano do seo da Banda de Gaitas de Barbude e que xa animou numerosos saraos na comarca. O seu nome parte da planta que dá as granadas, escollérono por considerarse unha formación moi "explosiva" en referencia ao dobre significado que se pode tomar desta exótica froita.
Para os veciños da parroquia guimareiciense foi todo un orgullo esta xuntanza pois puideron retomar con normalidade o uso do local social do Outeiro logo de das obras de pintado que realizaron nos últimos meses. Estes labores supuxeron o remate dos arranxos realizados logo de que no pasado Nadal un temporal levase polo aire a cuberta do local ocasionando un grande prexuízo para a parroquia.

A veciñanza retomou a actividade no local logo de meses en obras tralo temporal do Nadal.

Milgrandeira animou a festa.
fotos: Asociación de Veciños Santa Apolonia de Guimarei

24 de xuño de 2014

Purificación espiritual a golpe de lumeiro:::

Espectacular queima do Home do Saco
O Home do Saco non foi quen de fuxir á espectacularidade do Lumeiro de Ouzande. Ás 7 da tarde comezaban a traballar na construción do home de palla e na recolección das herbas aromáticas coas que fixeron a auga do San Xoán. Contra a noitiña un nutrido grupo de veciños e festeiros arrimábanse á calor do lume para asar chourizos e botar uns contos. Contra a medianoite e ao ritmo que marcaban as gaitas de Retrouso, comezaban as escrituras. Trátase dunha neotradición creada para escribir cousas negativas das que un se quere desfacer e que ten moito éxito todos os anos. Con todos estes ingredientes comezou a marcha da queima do Home do Saco. Saía da entrada posterior do Campo da Festa e dirixiuse cara a cacharela presidida polo protagonista da noite. Nun primeiro momento este tentou desafiar os inquisidores esforzos dos ouzandeses pero a dureza do lume non tivo perdón e non houbo indulto. Cando o lumeiro foi reducindo o seu tamaño e perigosidade este fíxose escenario dos tradicionais saltos, que desta volta foron certamente espectaculares.

Veciños escribindo aquelo que quixeron queimar.


Paseniñamente, o Home do Saco foise consumindo no lume.

Os chourizos estiveron presentes desde o principio da festa.

Saltando a fogueira.
Saltando a fogueira.

22 de xuño de 2014

Conta atrás para a festa máis máxica do ano:::

O Campo da Festa de Ouzande acolle hoxe 23 de xuño, cadrando en luns, o que seguramente é o Lumeiro máis particular de cantos se celebran. A parroquia quérelle dar a benvida ao verán queimando o Home do Saco e bailando e cantando arredor do lume purificador da fogueira. A música corre a cargo de Retrouso e haberá un posto con comida, este ano volverase ofrecer a posibilidade de asar chourizos ao agarimo do lume. A actividade é gratuíta e aberta a quen queira participar. Xa comezan ás 7 da tarde cos preparativos do boneco e da recollida de herbas, contra o luscofusco poñeráselle lume ao Home do Saco para purificar o mundo dos males que o atormentan e logo saltarase a fogueira e farán festa ata que os corpos aguanten.

Cartel desta orixinal festa.