Cé Orquestra Pantasma, Tanto nos ten, Regatos, A Ponte Vella e Kepa Junkera serán os grupos convidados este ano á XVII edición do "Folk de Raíz". A organización ten prevista, ademais das actuacións, varias actividades para completar a velada, como son a habilitación dunha área de acampada libre, un gran aparcadoiro e a instalación de polbeiros e artesáns ao pé do Campo da Festa. A hora de arranque da festa será ao caer da noite e con el préndense as luces das estrelas do folk que continuarán a brillar durante todo o verán nos distintos festivais e festas tradicionais da comarca da Estrada.
Onte martes, 14 de maio, ás 21h , celebrouse no Local Social de Ouzande o acto de entrega dunha manta realizada polas tecedeiras da asociación á ONG galega Implicadas no desenvolvemento. A historia solidaria desta manta é longa e moi interesante, pois foi solidaria antes de nacer. En 2014 celebrouse na parroquia un curso de tecido e trapillo que uniu solidariamente un grupo nutrido de mulleres. Unha vez rematadas as aprendizaxes continuaron xuntándose semanalmente todos os martes ás 20h no mesmo lugar para dun xeito autonomo ir aprendendo novas cousas relativas ao tecido, ganchillado ou outras artes do textil. O intercambio foi moito máis alá do meramente técnico e xerou unha amizade e confianza que sería impensable no inicio. Varios membros do grupo colabora na ONG Implicadas no Desenvolvemento e propuxeron facer algo xuntas para colaborar con este proxecto. A idea materializouse nunha manta colaborativa que onte presentaron ante os medios mentres entregaban a Implicadas. Será, xunto con outros obxectos solidarios, o premio agasallo a un sorteo de rifas que fará esta ONG o próximo mes de xullo nun festival a favor das Mulleres da India na área recreativa do Areal de Berres.
Velaquí un video e fotografías dunha manta que ten moito máis que fío de algodón, un produto feito polas mans solidarias das ouzandesas.
15 anos para unha asociación son moitos anos, máis aínda cando é tan dinámica como A Fervenza de Ouzande. Nos seus obxectivos iniciais estaba dinamizar a vida sociocultural da parroquia, pero foi moito máis aló, converténdose na asociación cultural de referencia da bisbarra.
A festa de aniversario vai consistir nunha gran comida comunitaria no Campo da Festa de Ouzande ás 14h deste domingo 19. Para o efecto haberá unha gran carpa e ao remate prevén un festival de música a cargo das distintas disciplinas da escola de música, así coma de grupos convidados que durante estes 15 anos tiveron relación coa entidade. Segundo anuncia a Fervenza de Ouzande aínda é posible anotarse na taberna de Ouzande ou ben poñéndose en contacto coa asociación en facebook ou no correo carreirosouzande@gmail.com.
O menú que ofrecen é o seguinte: Empanada, polbo, churrasco mixto, patacas fritidas, ensalada, sobremesa caseira, café e chupitos.
O prezo, para as persoas adultas é de 20 euros; para os menores de 12 anos, de 10 euros; e para os mozos e mozas de 12 a 18 anos, será de 15 euros.
A Fervenza de Ouzande vén realizando centos de actividades moi variadas e grazas ás cales conseguiron dinamizar culturalmente a parroquia, dotándoa dunha importante estrutura de música tradicional, de rutas e excursións de disitnto tipo, actividades divulgativas, festas cíclicas e actividades que sempre se caracterizaron pola súa orixinalidade e calidade. Con motivo do 10 aniversario fixeron, entre outras cousas, un documental no que unha socia pedía que a próxima festa de conmemoración fose unha polbada, e así será.
Unha función benéfica a favor dos refuxiados saharauis, ese será o motivo polo que Disfunción Continua Teatro ofrecerá un novo pase da súa exitosa peza teatral "Teimas". A Asociación Sogaps (Solidariedade galega co pobo saharaui) que realiza cada ano o programa "vacacóns en paz" é quen organiza a cita de mañá domingo 5 de xuño, será ás 19.30h no local da Asociación Cultural A Pontevella, de Reis (Teo) As entradas estiveron á venda para A Estrada en Calzados A Esquina, a un prezo de 5 euros. Aínda quedan billetes que se poñerán á venda antes da función na billeteira do local socia, ubicado en Pontevea (Reis-Teo)
A historia que nos conta TEIMAS lévanos á consulta do Doutor Teixeiro, lugar ao que van chegando unha serie de personaxes con cadansua teima. A conversa entre os seis pacientes que agardan polo afamado doutor derivará nunha tola interacción chea de humor coa que máis de un se ha sentir identificado. Dirixida por Jouse García conta no Elenco con Gonzalo d´A Esquina, María Porto, Clara Iglesias, Guille Pose, Natalia Carbajal, Bea del Río e Manuel Rosende. A duración aproximada desta función é de 1h e 15min.
A Fervenza de Ouzande realizou o pasado domingo, 29 de maio a súa excursión anual, unha das actividades máis exitosas da entidade e que provoca máis expectación. Tal é así que nin a publicitan. Todos os socios e persoas que coñecen a organización destas "rutas" tan especiais non o queren perder baixo ningún concepto. O motivo radica no orixinal deseño dos itinerarios destas saidas que posibilitan o coñecemento ameno dos lugares e a convivencia do grupo. Acompañamos este ano á Fervenza de Ouzande rumbo á cidade herculina. O autobús serve para crear bo ambiente ente os viaxeiros e para fornelos de datos relativos á cidade e que posibilitan que no desembarque seaxn coñecedores dalgúns dos seus segredos que, pouco a pouco, se poden descobrir in situ. A mañá foi para coñecer o mar da Coruña, Riazor, Orzán, a Torre de Hércules... un lugar cheo de lendas e mitos e que foi a antesala dunha das actividades máis aplaudidas da xornada, a visita á Casa dos Peixes, onde os ouzandeses puideron coñecer de primeira man os coidados e as particularidades das focas. Nenos e maiores marabillados co mundo mariño e sendo respectados por un día que prometía chuvioso pero que finalmente lociu solleiro. Tal foi así que o xantar se fixo ao aire libre, no Parque de Santa Margarita. Un momento especial, de falar e compartir e sen os agobios das excursións que o prentenden mostrar todo. Coa Fervenza de Ouzande as visitas son moi selectas, imprimíndolle máis valor ao tempo de conversa e ao autocoñecemento. A tarde foi de excepción, a deseñadora Rosa de Cabanas, arquitecta, fixo de guía, mostrando unha Coruña que asombou non só aos ouzandeses, senón tamén aos veciños da cidade que se uniron ás explicación, atopando respostas á razón de existir de tan preciosa cidade. A Coruña medieval, a pegada da poetisa Rosalía de Castro, como era e como é o mar da Coruña, o Paseo do Parrote, como foi na época romana, coa Ilustración... foi moito o que se aprendeu en moi pouco tempo, cun paseo agradable e proveitoso. Ao remate un chisco de tempo libre para perderse pola cidade e para vivila antes de partir de novo para Ouzande, matinando cal será o destino do ano vindeiro...
Explicacións na Casa dos Peixes
Foto de grupo
A Coruña de María Pita
Paseo pola Coruña medieval
foto de grupo nun dos recantos agochados máis fermosos da cidade.
Hoxe Galicia celebra dun xeito especial o Día das Letras ao estar dedicado ao "poeta nacional". Aínda
que a cerna das actividades son en Outeiro de Rei, a nosa comarca tamén homenaxea e dá a coñecer ao "Muiñeiro das Brétemas". Ao tempo que o Consello da Cultura Galega celebra un concerto na Coruña con versos do chairego e a Real Academia centraliza todos os actos na Casa natal do poeta, A Estrada acolle a Ruta das Letras, Santiago a marcha en defensa do idioma lembrado que "o galego é vida" e a TVG organizou unha completa programación que culminará esta noite coa estrea do filme A Esmorga.
Desde Portal de Noticias homenaxeamos diariamente as nosas letras, usándoas de ferramenta para comunicar todo canto pasa pola nosa redacción. Hoxe, tamén, rendimos tributo ao poeta do POBO-TERRA-FALA difundindo estes versos que elevan os traballos do pobo á categoría de poesía musical. Veñen interpretados polo grupo Gelría (grupo internacional con produción estradense) que estes días presenta por toda Galicia "Cantos de poeta".
Fanse zocas
pechadas e chinelas
en Loentria,
Duarría e Formarán.
Non hai zocas
xeitosas como elas:
¡ben lle caen ó
pé e ben se tran!
Foron afumadas
cun casqueiro.
Ó andar son
ledas, cantareiras.
¡Aunque feitas de
bido ou amieiro
son, como o
vento, de lixeiras!
A gracia da
abidueira
atopou o seu
destino,
¡fíxose zoca
chinela,
apreixa un pé
feminino!
Fíxose zoca
chinela
a abidueira
lanzal.
¡Agora sobor da
acera
canta con voz
musical!
A zoca xa é
canción
delgada como
asubío
que aprendeu a
abidueira
dos melros de
xunto ó río.
Fíxose zoca
chinela
a gracia da
abidueira.
¡E vai marcando
na acera os puntos da muiñeira!
Galicia rinde homenaxe a Manuel María e ao noso idioma. Imaxe tomada en Melide
Casa-Museo de Manuel María en Outeiro de Rei (Lugo):
A Fervenza de Ouzande organiza a XI RUTA DAS LETRAS, será coa "Ruta do río Gallo" na mañá do vindeiro día das Letras, o martes17 de maio. A participación é libre e gratuíta, só hai que estar ás 10 da mañá ao carón da igrexa de Ouzande e teñen previsto o regreso para as 13:30 no mesmo lugar. Ao final do roteiro, todas as persoas participantes serán agasalladas cun libro en galego en conmemoración do Día das Letras.