8 de agosto de 2016

Ouzande celebra esta fin de semana as súas festas patronais:::

Este venres día 12 e ata o domingo 14 Ouzande engalánase de festa para honrar a San Lourenzo, patrón da parroquia. O programa festivo inclúe verbena, sesións vermouth e a gran atracción dos "Xogos Oulímpicos".  Venres 12 e a partir das 22h acturará no Campo da Festa a orquestra Galilea e haberá un posto de polbo e churrasco. Xa o sábado 13 celébrase a festa do patrón, San Lourenzo con misa de primeiras comuñóns ás 13:15h e festa con Os Ke Hai e o Trío Diseño. Pola noite haberá festa con dous tríos; Diseño e Savoy. Xa no domingo e ás 13:15h festa na honra do Santísimo Sacramento con misa e concerto da Banda de Música Municipal da Estrada, que durante a mañá fará pasacorredoiras pola parroquia. Ás 18:30h comezan os "Xogos Oulímpicos" no Campo da Festa, con diferentes modalidades deportivas para todas as idades e acto de inauguración e clausura. Con esta actividade que se repite cada catro anos, Ouzande pechas as súas festas patronais, agardando pola romería do Socorro que se celebrará os días 9, 10 e 11 de setembro. 
San Lourenzo na procesión
Orquesta Galilea nunha actuación anterior en OUzande

Os Ke Hai nunha actuación anterior en Ouzande 

Presentan en Pontevedra a revista "Olga":::

O pasado sábado 20 de xullo, a Casa das Campás de Pontevedra acollía ás 20:30h a presentación da Revista Olga, un proxecto promovido por Sabino Torres, xornalista membro da RAG falecido hai escasamente dous meses. Esta revista nace dos proxectos do grupo Bilbao de galegos en Madrid e recolle textos poéticos dos distintos autores que comparten unha circunstancia vital, ser galegos en Madrid. Este número fora presentado na capital hispánica e agora dáse a coñecer por terras galegas da man de Vicente Araguas, Rafael Yañez , Manuel Pereira e Ana Acuña. Contaron coa participación da filla e neta de Sabino Torres. O ouzandés Manuel Pereira é o secretario desta entidade e foi o encargado de ler uns textos de Luz Pichel e Begoña Regueiro ademais dun moi sentido poema, "Pontevedra" dedicado ao propio Sabino Torres. Os deseños da portada e contraportada son do propio Manuel Pereira. O prezo da revista é de 8 euros.


12 de xullo de 2016

15 anos construíndo Ouzande:::

A Fervenza de Ouzande vén de celebrar a súa posta de longo, 15 anos pasaron xa desde aquelas primeiras actividades de 2001 cando un grupo de ilusionados veciños se liaban a manta á cabeza e comezaban a recuperar o ciclo festivo anual, facer xogos para os nenos e grandes, organizaban conferencias, rutas, unha revista... Agora ben poderían dar clases de animación sociocultural coa súa dilatada experiencia e sentir o orgullo de ter máis que cumpridos aqueles obxectivos do comezo. Aínda que queda moito por andar, a Fervenza de Ouzande, toda unha referencia en asociacionismo en Galicia, festexou esta primeira xeira, máis de 300 actividades cun gran xantar no Campo da Festa. Velaquí o video-resumo deste evento. Parabéns á Fervenza de Ouzande. Ou!

5 de xullo de 2016

Romaría Implicada este sábado no Areal de Berres:::


O Areal de Berres acolle este sábado a "Romaría Implicada", unha actividade organziada pola ONG Implicadas no Desenvolvemento. Trátase dunha actividade de recadación de difusión das actividades da ONG aberta ao público en xeral. 
A xeito de romaría campestre, as "implicadas" ofrecen un completo programa de actividades que se inicia ás 12.30h con xogos populares. Unha hora máis tarde realízase o xantar pique-nique.
Trala sobremesa, a organización agasalla aos asistentes cunha gran festa encabezada polo grupo ouzandés de música tradicional RETROUSO e o grupo de canto nacido das clases de música tradicional da Fervenza de Ouzande, RECANTO. A festa complétase con CHAFARIZ, un grupo de música tradicional e as ESTRIBILLO que tamén fan canto tradicional.
Ás 18.30h farase o sorteo da "cesta implicada" Durante a festa é posible colaborar coa ONG mercando produtos da organización pois haberá un gran posto de venda dos mesmos.
Cabe recordar que o grupo de Voluntariado de Implicadas da Estrada aproveitará esta actividade para sortear a súa cesta solidaria, que inclúe as seguintes propostas: unha pintura de Jano Sanmartín, un xogo de bixutaría Lu de Bornias, un mandil de Lupe Porto, unha manta de algodón das Tecedeiras de Ouzande, un xogo de bixutaría de Cousas de Heba, un poemario asinado de Neves Soutelo, un de Antía Otero e outro de Susana Sánchez Aríns, un CD Reactivarte, un DVD do documental Cambia de Papel. 
Desde a organización aproveitan para agrader ás persoas que colaboraron con esta iniciativa, tanto aos grupos como ás persoas que aportaron produtos para o sorteo, demostrando que aínda que a forza que é precisa para cambiar o mundo sexa moita, as pequenas aportacións son a forza motriz capaz de mover montes e mareas.

Lote de produtos a sortear na "Romaría Implicada"

Callobre acolle este venres o XVII Folk de Raíz:::

Cé Orquestra Pantasma, Tanto nos ten, Regatos, A Ponte Vella e Kepa Junkera serán os grupos convidados este ano á XVII edición do "Folk de Raíz". A organización ten prevista, ademais das actuacións, varias actividades para completar a velada, como son a habilitación dunha área de acampada libre, un gran aparcadoiro e a instalación de polbeiros e artesáns ao pé do Campo da Festa. A hora de arranque da festa será ao caer da noite e con el préndense as luces das estrelas do folk que continuarán a brillar durante todo o verán nos distintos festivais e festas tradicionais da comarca da Estrada.

Imaxes arquivo 2013 @portal de noticias

15 de xuño de 2016

A Fervenza de Ouzande ata fíos para crear unha manta solidaria:::

Onte martes, 14 de maio, ás 21h , celebrouse no Local Social de Ouzande o acto de entrega dunha manta realizada polas tecedeiras da asociación á ONG galega Implicadas no desenvolvemento. A historia solidaria desta manta é longa e moi interesante, pois foi solidaria antes de nacer. En 2014 celebrouse na parroquia un curso de tecido e trapillo que uniu solidariamente un grupo nutrido de mulleres. Unha vez rematadas as aprendizaxes continuaron xuntándose semanalmente todos os martes ás 20h no mesmo lugar para dun xeito autonomo ir aprendendo novas cousas relativas ao tecido, ganchillado ou outras artes do textil. O intercambio foi moito máis alá do meramente técnico e xerou unha amizade e confianza que sería impensable no inicio. Varios membros do grupo colabora na ONG Implicadas no Desenvolvemento e propuxeron facer algo xuntas para colaborar con este proxecto. A idea materializouse nunha manta colaborativa que onte presentaron ante os medios mentres entregaban a Implicadas. Será, xunto con outros obxectos solidarios, o premio agasallo a un sorteo de rifas que fará esta ONG o próximo mes de xullo nun festival a favor das Mulleres da India na área recreativa do Areal de Berres.
Velaquí un video e fotografías dunha manta que ten moito máis que fío de algodón, un produto feito polas mans solidarias das ouzandesas.


14 de xuño de 2016

A Fervenza de Ouzande celebra unha festa este domingo 19 de xuño para conmemorar os seus 15 anos de vida:::


15 anos para unha asociación son moitos anos, máis aínda cando é tan dinámica como A Fervenza de Ouzande. Nos seus obxectivos iniciais estaba dinamizar a vida sociocultural da parroquia, pero foi moito máis aló, converténdose na asociación cultural de referencia da bisbarra. 
A festa de aniversario vai consistir nunha gran comida comunitaria no Campo da Festa de Ouzande ás 14h deste domingo 19. Para o efecto haberá unha gran carpa e ao remate prevén un festival de música a cargo das distintas disciplinas da escola de música, así coma de grupos convidados que durante estes 15 anos tiveron relación coa entidade. Segundo anuncia a Fervenza de Ouzande aínda é posible anotarse na taberna de Ouzande ou ben poñéndose en contacto coa asociación en facebook ou no correo carreirosouzande@gmail.com.
O menú que ofrecen é o seguinte: Empanada, polbo, churrasco mixto, patacas fritidas, ensalada, sobremesa caseira, café e chupitos. O prezo, para as persoas adultas é de 20 euros; para os menores de 12 anos, de 10 euros; e para os mozos e mozas de 12 a 18 anos, será de 15 euros. 
A Fervenza de Ouzande vén realizando centos de actividades moi variadas e grazas ás cales conseguiron dinamizar culturalmente a parroquia, dotándoa dunha importante estrutura de música tradicional, de rutas e excursións de disitnto tipo, actividades divulgativas, festas cíclicas e actividades que sempre se caracterizaron pola súa orixinalidade e calidade. Con motivo do 10 aniversario fixeron, entre outras cousas, un documental no que unha socia pedía que a próxima festa de conmemoración fose unha polbada, e así será.