4 de xuño de 2019

Prazas libres para a excursión anual de Ouzande:::

Ouzande marcha de excursión, será este domingo, e farao a Mondoñedo e a súa contorna. A Fervenza de Ouzande, organizadora desta emblemática cita anual do colectivo vén de desvelar que queda algunha vacante libre para poder participar nesta actividade, está aberta a socios e non socios, simplemente hai que poñerse en contacto coa asociación mediante o correo electrónico ou facebook ou ben chamando á taberna de Ouzande. 
habitualmente as prazas esgótanse en cuestión de horas, pero desta ocasión aínda é posible anotarse. A excursión anual da Fervenza de Ouzande é unha das actividades máis demandadas e agradecidas e pretende crear un espazo de convivencia veciñal e achegados con xentes doutros puntos de Galicia, así como dar a coñecer territorios da xeografía galega desde unha perspectiva orixinal.
Nesta ocasión realizarán unha visita ao Santuario de San Martiño de Mondoñedo, en Foz e a continuación descubrirán as terras de Álvaro Cunqueiro, Mondoñedo. Sen embargo, o xantar e a tarde serán en Meira, onde coñecerán o seu mosteiro, xantarán e terán a oportunidade de descubrir un dos lugares máis senlleiros de Galicia, o nacemento do Río Miño, coas súas lendas e historias. A saída é o domingo ás 08.30h da mañá diante da igrexa parroquial.

Casa de Álvaro Cunqueiro coa catedral de Mondoñedo en fronte
Nacemento do románico en Galicia en San Martiño de Mondoñedo


Pinturas medievais en San Martiño de Mondoñedo

Fonte de auga santa

Meira

Meira

Sardiñas e charanga para celebrar o Santo Antonio:::

O vindeiro sábado 8 de xuño, a parroquia ouzandesa celebra a festividade de Santo Antonio. E farao a partir das 20.30h que terá lugar unha misa rezada na honra do patrón dos animais no interior do templo parroquial. A igrexa románica de Ouzande será testumuña á finalización dos actos relixiosos dunha festa baseada na degustación de sardiñas. Esta animación estará musicada pola charanga BB+. A festa é gratuíta e con ela a parroquia ouzandesa inicia os festexos de verán que terán continuación en agosto coas festas patronais e rematarán en setembro coa Romaría do Socorro. Nesta ocasión a celebración de Santo Antonio faise en sábado, cando o habitual era en venres. É unha iniciativa organizada pola Xunta Parroquial de Ouzande.



17 de maio de 2019

Ouzande celebra o día das letras cunha nova ruta de sendeirismo:::

Amantes da lingua...e da natureza. Un grupo de 20 persoas respondeu un ano máis ao convite da Fervenza de Ouzande para participar nun roteiro no Día das Letras, xuntáronse ás 9.30h na igrexa de Ouzande e percorreron 12km dos montes de Ouzande e A Somoza para chegar ao Castrorramiro descubrindo patrimonio e natureza, sorpendeu a aldea de Castrorramiro coa súa eira de hórreos pois algúns sendeiristas non a coñecían. Ao regreso houbo libros de agasallo para marchar para a casa cunha boa lectura en lingua galega e así celebrar o orgullo de manter unha lingua viva, de noso.





1 de marzo de 2019

Ouzande celebra o Entroido en clave nocturna:::

Entroido en clave nocturno, ou polo menos así se pode deducir da temática proposta no cartel co que A Fervenza de Ouzande vén de anunciar este evento. Será este sábado 2 de marzo ás 20.30h no Campo da Festa da parroquia.
  A festividade contará con comida e bebida, así como música e moito bo humor. A temática é ampla pois busca aunar disfraces relativos á noite, desde festas do pixama ata personaxes nocturnos ou que se poidan identificar con este ámbito.

27 de xaneiro de 2019

Un incendio nun garaxe deixa diversos danos materiais en Ouzande:::

 Arden dous coches. Ouzande permanece varias horas sen luz. Cortan a estrada para sofocar o lume.
Faltaban cinco minutos para o mediodía cando un tremendo susto puxo en alerta o lugar do Tallo, no garaxe da Casa do Moreiro (Rúa D.Manuel Castiñeiras num 9) comezaba un lume que provocou diversos danos materiais, principalmente dous dos seus coches que estaban estacionados dentro do garaxe; o Citröen Saxo quedou totalmente calcinado e o Peugeot 306 veuse severamente danado. Salvárosne outros elementos altamente combustibles como leña ou gasoleo que había no lugar, así como a vivenda situada xusto enriba do garaxe, aínda que esta sufriu importantes danos pola fumareda. Por fortuna e o feito de haber un habitante da casa no lugar permitiu a rápida evacuación e o chamamento inmediato aos servizos de emerxencia a través do teléfono de emerxencias 112. A Garda Civil cortou o tramo da estrada local entre o transformador e o desvío polo Tallo ao Cano Sifón, con isto os distintos operativos traballaron con maior comodidade. Unha explosión provocou unha onda expansiva que mesmo levantou as tapas dos sumideiros e levou o lume á fachada da casa así como ao cableado eléctrico circundante. A rápida intervención dos Servizos de Emerxencias fixo minguar as consecuencias da deflagración. As vivendas que reciben subministro eléctrico polas mesmas liñas que as casas situadas ao pé da estrada local de Ouzande quedaron sen electricidade ata ben entrada a tarde, de noite a iluminación pública permaneceu apagada en toda a travesía ouzandesa desde esta casa sita no número 9 ata a zona da igrexa.





25 de decembro de 2018

Ouzande celebra o Nadal a golpe de camiñada:::

Foi no 25 de decembro que A Fervenza de Ouzande volveu saír de ruta de sendeirismo polos camiños e carreiros da parroquia para baixar os efectos dos polvoróns e turróns. Esta cita xa é un clásico no Nadal estradense e cada vez convence a máis adeptos. Desta volta máis de 20 persoas concentráronse ás 10.15 na igrexa ouzandesa para emprender unha camiñata por algúns dos lugares máis senlleiros da zona, visitando entre outros os muíños da fervenza, coas explicacións do presidente da asociación, Xabier Camba. Quen non quixo faltar á cita coas botas de montaña foi o bo tempo, temperaturas agradables para esta época do ano e sol a fartar. Ao regreso, aló polas 13.15h os sendeiristas volveron para as casas con enerxías renovadas.
Camba explicando as características da ruta.

Momentos de cooperación para atravesar o regato de Ouzande.

Descendendo o monte de Ouzande ata a Fervenza.

As recentes chuvias deixaron unha fervenza ben fermosa.

Foto de grupo ao final da ruta, no Muíño do Rubio.

6 de outubro de 2018

Malestar no casco urbano da Estrada pola falta de información sobre o corte de rúas:::

Mañá intensa no centro da Estrada. Sábado pola mañá é día de feira e desta volta tamén día da Subida automobilística á capital de Tabeirós-Terra de Montes. Esta actividade precisa de planificación e previsión para garantir unha mobilidade áxil e segura. Desde varios puntos chegan a esta redacción algunhas queixas que poñen en evidencia o malestar cidadá pola falta de información, sobre todo no tocante ao corte de rúas.
Por unha banda as persoas propietarias de prazas de garaxe subliñan a falta de información por parte do Concello das rúas afectadas, o que os deixa nunha difícil situación se teñen que acceder ou saír cos seus vehículos. Din non estar en contra dos cortes, senón de que non se lles notifiquen os horarios e rúas afectadas para así poderen organizar a súa vida cotiá.
Unha solución que minimice os problemas de tráfico é evitar as zonas quentes, pero subliñan que ao non saber que rúas están fóra de servizo, non poden planificar traxectorias alternativas. 
Achegámonos ao centro da vila e comprobamos o malestar non só de quen conduce, senón tamén de quen transita a pé, fronte a alameda encontramos pasos moi estreitos ao estar todo cheo de valados metálicos que impiden acceder á Praza do Concello ou á parte central de Xusto Martínez, pódese circular polos laterais que están destinados a que o público vexa os coches expostos pero tamén ao paso dos peóns. Mesmo algunha veciña explica que desde primeira hora o barullo é constante, comprobamos que na Praza do Concello hai unha pantalla xigante e o volume do son que acompaña ás proxeccións é bastante alto.
Preguntados por posibles solucións, todos apuntan a que sería moi doado, simplemente avisar dos horarios e rúas cortadas, por exemplo na páxina web do Concello. A oposición manifestou nas últimas semanas a necesidade de que esta web teña contidos de servizo ao cidadán.