6 de outubro de 2018

Malestar no casco urbano da Estrada pola falta de información sobre o corte de rúas:::

Mañá intensa no centro da Estrada. Sábado pola mañá é día de feira e desta volta tamén día da Subida automobilística á capital de Tabeirós-Terra de Montes. Esta actividade precisa de planificación e previsión para garantir unha mobilidade áxil e segura. Desde varios puntos chegan a esta redacción algunhas queixas que poñen en evidencia o malestar cidadá pola falta de información, sobre todo no tocante ao corte de rúas.
Por unha banda as persoas propietarias de prazas de garaxe subliñan a falta de información por parte do Concello das rúas afectadas, o que os deixa nunha difícil situación se teñen que acceder ou saír cos seus vehículos. Din non estar en contra dos cortes, senón de que non se lles notifiquen os horarios e rúas afectadas para así poderen organizar a súa vida cotiá.
Unha solución que minimice os problemas de tráfico é evitar as zonas quentes, pero subliñan que ao non saber que rúas están fóra de servizo, non poden planificar traxectorias alternativas. 
Achegámonos ao centro da vila e comprobamos o malestar non só de quen conduce, senón tamén de quen transita a pé, fronte a alameda encontramos pasos moi estreitos ao estar todo cheo de valados metálicos que impiden acceder á Praza do Concello ou á parte central de Xusto Martínez, pódese circular polos laterais que están destinados a que o público vexa os coches expostos pero tamén ao paso dos peóns. Mesmo algunha veciña explica que desde primeira hora o barullo é constante, comprobamos que na Praza do Concello hai unha pantalla xigante e o volume do son que acompaña ás proxeccións é bastante alto.
Preguntados por posibles solucións, todos apuntan a que sería moi doado, simplemente avisar dos horarios e rúas cortadas, por exemplo na páxina web do Concello. A oposición manifestou nas últimas semanas a necesidade de que esta web teña contidos de servizo ao cidadán. 







Ningún comentario:

Publicar un comentario