22 de marzo de 2010

Mamasunción volve ao correo o próximo domingo... outra vez:::


Así o vén de anunciar A Fervenza de Ouzande O logo do éxito de participación desta actividade que se desenvolveu na tarde de onte. Outro dos motivos que levou á organización a convocar unha segunda emisión foi que bastante xente que non puido asistir demanda unha reemisión. Tamén se puido constatar que a propia produción de Chano Piñeiro non era tan coñecida como se podería deducir a priori. Esta película vén de facer 25 anos pero continúa a emocionar... polo menos en Ouzande.
Será o próximo día 28 ás 5 e media da tarde.

17 de marzo de 2010

tarde de cinema en Ouzande con MAMASUNCIÓN:::

A Fervenza de Ouzande proramou para este domingo unha tarde de cinema. O motivo é a presentación dun documental realizado por Xoque e Rochi no 25 aniversario da creación desta mediametraxe fundacional do cinema galego moderno. Máis información no blogue da asociación: CARREIROS

10 de marzo de 2010

A Xunta anuncia a retirada do reemisor analóxico de televisión de Ouzande:::

A Xunta de Galicia vén de anunciarlle ao Concello da Estrada que o reemisor de Tv da nosa parroquia deixará de emitir en analóxico, de maneira que quen non teña adaptado o seu televisor á tecnoloxía dixital non poderá recibir o sinal televisivo. Ao mesmo tempo, retiraráse o sinal de Arca e Nigoi.

O remisor da nosa parroquia non lle afecta á totalidade da mesma, senón que beneficiaba a usuarios dalgunhas partes da aldea e a aqueles edificios da vila que teñen a antena orientada cara a Ouzande.

Os reemisores de Arca e Nigoi foron substituídos por un novo equipo que opera, en tecnoloxía dixital, desde o lugar de Outeiro, en Codeseda, mentres que para o de Ouzande aproveitouse a instalación xa existente. Desde finais do mes de febreiro, estes microreemisores estaban a simultanear a emisión en ambas tecnoloxías (dixital e analóxica), con ambos equipos funcionando á vez.

5 de marzo de 2010

O video sobre a "inauguración" das beirarrúas de Ouzande, moi visitado na canle da Fervenza en YOUTUBE.COM:::

Este video relativo ao entroido organizado pola Fervenza de Ouzande, foi un dos máis visto de Youtube.com na canle da asociación con 174 reproducións no momento de redactar esta nova.

O video foi presentado formalmente o domingo pasado canda a revista Carreiros 8 que xa está á venda nos lugares de costume.
A asociación deu de alta unha canle propia no portal www.youtube.com e ten alxados videos relativos á actividade da entidade o 18 de xaneiro de 2008 e xa foi visionada 2590 veces en total. Os videos máis antigos suman maior número de visitas. Os máis recentes son o relativo ás actividades do ano 2009 que, dividido en tres partes pola súa lonxitude, aproxímase en número de visitas.
A Fervenza de Ouzande aloxou tamén ulitmamente un video relativo á entrevista que se lle fixo por parte da cadea privada CORREO TV e que xa ten 60 visitas. Estas imaxes tamén se proxectaron na festa de presentación de Carreiros 8.

26 de febreiro de 2010

Alertan dun forte temporal para este sábado:::

Tanto o servizo de metereoloxía de Galicia (Meteogalicia) coma o do Estado (Axencia Estatal de Metereoloxía) advirten de que continuará o mal tempo, podendo este complicarse moito nas vindeiras 72 horas. Provisionalmente, as autoridades decretaron este xoves a alerta vermella no litoral das provincias da Coruña e de Lugo. Para este venres agárdase unha pequena tregua. Porén, a principal preocupación ten que ver co prognóstico meteorolóxico de cara o sábado.

Meteogalicia alerta de que hai unha fronte moi activa (un ciclón extratropical) que tocará terra contra primeiras horas da noite do sábado e que afectará a todo o país até a mañá do domingo. O principal perigo de cara a fin de semana vai ser os ventos que se prevén moi fortes (con refachos de máis de 130 km/h).

Estaremos, pois, en alerta vermella polo que cómpre aumentar as precaucións nas próximas horas, tal e como indica o mapa de Meteogalicia:

Segundo a Axencia Estatal de Metereoloxía, esta vai ser a predición para o sábado á tardiña

25 de febreiro de 2010

Este domingo preséntase a revista CARREIROS:::


Este domingo 28 de febreiro ás 6 da tarde no local parroquial hase presentar a edición número 8 da revista Carreiros editada pola Fervenza de Ouzande. As novidades desta volta serán o estudo das casas de Ouzande así como da súa toponimia. Coma en revistas anteriores faise un repaso ás noticias de 2009, publícanse fotografías de interese, hai unha entrevista a Manuel de Chedas así como unha escolma poética de persoas próximas a Ouzande. No acto visionaráse o video que a asociación creou con motivo do entroido e a "inauguración" das beirarrúas.
MÁIS INFORMACIÓN EN WWW.CARREIROS.BLOGSPOT.COM

24 de febreiro de 2010

Entrevista sobre Ouzande en Correo TV:::


Xabier Camba, presidente da Fervenza de Ouzande, foi entrevistado no programa O FALADOIRO de Correo Tv. Esta noticia sae publicada tamén no semanario do grupo El Correo Gallego TIERRAS DE SANTIAGO.
Por outra banda, a asociación cultural da parroquia vén de facer público un video sobre a "inauguración" das beirarrúas que se celebrou co gaio do entroido de Ouzande, pódese ver canda unha presentación de fotos no Blog da asociación.