31 de decembro de 2012

Esta noite uvas, badaladas e chocolate en Ouzande:::

Xa está todo listo no local social de Ouzande para darlle a benvida ao anonovo. Será a partir da unha da madrugada e ata que "o corpo aguante". A Fervenza de Ouzande é a organizadora e convida á veciñanza ao primeiro brinde da noite e mais a chocolate con churros. 
cartel-convite para a festa

Xa está todo listo para a festa

30 de decembro de 2012

O "Filmou" de Ouzande arrancou con éxito:::

Ouzande estreou hoxe "Filmou", un festival de películas para repasar a vida ouzandesa nos últimos doce meses. A Fervenza de Ouzande, organizadora do evento, dispuxo o local social como se dunha sala de cinema se tratase. Mesmo se estendeu unha alfombra vermella  para acoller ao numeroso público que quixo pasar unha tarde de cine en familia. Non faltaron os flocos de millo nin os refrescos. Como se se tratase dunha das grandes citas do audiovisual internacional, Filmou foi presentando doce películas que fixeron a delicia do público e que serviu para repasar o máis destacado da vida parroquial en 2012.
Ao remate das proxeccións entregáronse globos de prata para os distintos filmes, foron recollidos por persoas participantes nas actividades ás que se facía referencia. Os premios e mailos galardoados foron os seguintes:
Mellor fotografía:  Eficacia Dixital, polas fotos de todo un ano.
Mellor canción: Na Beira do Mar, pola canció homónima
Mellor actriz de reparto: Cinza por Brave Arcos Mountain
Mellor actriz protagonista: Elsa de Xestoso por Gin Kiber, 50 anos despois
Mellor guión adaptado:  Fachicos de Lume, pola recreación dos III Xogos Oulímpicos
Mellor película de animación: Unha noite non é nada
Mellor coreografía:  A Lot of Pipers
Mellor filme deportivo:  O Penalti máis longo do mundo pola recreación do Triangular de Fútbol
Mellor vestiario: Go On in Ouzande
Mellor actor principal: Uxío Allo por A Noiva e o Navio, a película
Mellor Banda Sonora Orixinal: Cancións interpretadas en Os Dóces do Coro
Mellores localizacións: Montes de Ouzande por Un Conto de Nadal

O público encheu as butacas do local  
Uxío Allo foi un dos premiados

O público seguiu con atención os 12 filmes desta primeira edición

28 de decembro de 2012

Publícase unha noticia falsa a modo de inocentada:::

Neste mesmo blog e durante 24h estivo colgada unha noticia falsa que circulou polas redes sociais como verdadeira. Para facer esta broma mediática escolleuse un tema que impactase aos lectores e déronse datos recoñecibles polos mesmos: que en Ouzande se ía construír un hipermercado. Adxuntouse unha fotografía e datos concretos da súa ubicación, ao final da mesma explicábase que era unha inocentada. Como hai xente que se queda nos titulares, esta enlazouse polas redes sociais e -máis dun- caeu na trampa.
Tal foi así que foron centenares as visitas a esta páxina durante todo o día, a pesar de ser este un medio moi reducido en canto ao nivel de alcance.
Desde o PORTAL DE OUZANDE esperamos que fose unha broma levadeira e que servise para celebrar cun sorriso o "Día dos Santos Inocentes"
Recorte da noticia publicada onte e que xa foi dada de baixa

27 de decembro de 2012

O belén de Ouzande ten boi e burra:::

Ao belén de Ouzande non lle falta nin a burra nin o boi, o cura párroco explicou que na Biblia non se mencionan, pero hai que ter en conta que a tradición do Nacemento se fragua na cultura popular, por iso se representa con estes animais.
A construción deste "Portal de Belén" garda certa similitude coa orografía da parroquia, mesmo está atravesado por un regueiro con muíños.  


Este domingo celébrase FILMOU no local social de Ouzande:::

O local social de Ouzande acollerá o vindeiro domingo o festival de cine FILMOU. Trátase dunha iniciativa da Fervenza de Ouzande para facer un repaso ás actividades da entidade en 2012. Durante a velada, que comeza ás 5 da tarde, imitaráse o procedemento das entregas de premios dos festivais de cine. Cada video será como unha película e ao final haberá sorpresas e unha merenda para os asistentes. Desde a organización animan a asistir sobre todo ás persoas que durante 2012 participaran nalgunhas das moitas actividades da asociación para así compartir recordos e risa en base aos videos proxectados. 

cartel de FILMOU



26 de decembro de 2012

O Campo Vello desfaise dos seus chopos:::

O Campo da Festa de Ouzande ten unha forma caprichosa debido a que alguén -hai máis de 800 anos- decidiu asentar unha igrexa nun pequeno promontorio que divisaba boa parte da ladeira sobre a que hoxe se asenta a parroquia. Ata a época da concentración parcelaria os "bailes" íanse botar á parte de atrás da ábsida románica. Ouzande gañou un terreo común no que no ano 1976 a veciñanza levantou un palco de formigón e onde se comezaron a instalar os actos festivos. O campo vello pasou de ser o centro da festa a quedar coma unha bancada natural na que mesmo se colocaron uns bancos de pedra. A necesidade de sombra fixo que se fosen plantando algunhas árbores, algunhas con pouca fortuna.
Tal foi o caso dos tres chopos que nos últimos anos se convertiron en tres xigantes que apuntaban ao ceo. Xa hai tempo que en Ouzande se barallou a posibilidade de eliminalos; mesmo Don Manuel, o finado cura párroco, pedira que se quitasen. Foi a Xunta Parroquial quen convocou aos veciños para o sábado pasado sacar quilos e quilos de leña do Campo da Festa de Ouzande, unha leña que non servía para dar sombra e que tapaba a vista á fermosa ábsida románica da igrexa parroquial. Agora o que se ve son uns postes de formigón, algún infrautilizado. En concreto, un deles tiña un repetidor de sinal de TV que se pasou á Alemparte para non danar o conxunto histórico, pero só levaron o repetidor; o poste continúa ao pé dos canzorros medievais da igrexa.
O Campo Vello quedou  deste xeito
Agora pódese divisar a ábsida románica da igrexa sen os tres xigantes por diante

25 de decembro de 2012

A chuvia non faltou á "III Feliz Ruta de Nadal":::


A chuvia non se quixo perder a ruta que se celebrou esta mañá polos montes de Ouzande e A Somoza. Coincidindo co día do Nadal, A Fervenza de Ouzande deu inicio ás 10:30h diante da igrexa da parroquia a III edición da "Feliz Ruta de Nadal" que xuntou a unhas 25 persoas a pesar do mal tempo. A auga deixou facer a ascensión polo Picoto, Penerada e a visita ao encoro da Estrada, pero chegando á lagoa destouse unha coriscada para recibir aos sendeiristas en tan acuático escenario. Este foi o punto máis lonxano ao que chegaron, pois despois baixaron pola zona de "Monte Cabalar" bordeando o Pedroso e volvendo a Ouzande cunha parada no Muíño do Rubio. Os temporais dos últimos días deixaron a súa pegada, dotando de numerosos obstáculos en forma de árbores atravesadas nos camiños ou pistas convertidas en auténticos regueiros de auga. Estes elementos fixeron que a ruta resultase divertida, ademais de feliz.
foto de grupo ao pé do Muíño do Rubio