8 de xuño de 2010

O Concello da Estrada anuncia unhas obras moi necesarias no local social:::


O Concello estradense vén de anunciar na súa páxina web a aprobación das obras tanto do arranxo do local social da parroquia coma das instalacións do museo municipal.
A empresa adxudicataria destas dúas intervencións é Construcións Cutrín Castro SL, o montante total desta operación ascende a 61.268 euros a repartir entre a mellora do Museo do Pobo Estradense e a adecuación do local veciñal.
Este inmoble foi rematado en 1976. Durante os primeiros anos foi usado con relativa frecuencia para actividades sociais, culturais e mesmo como vestiario para actividades deportivas, pois conta con dúas duchas e un aseo. A finais dos anos 80 caeu en desuso, cun proceso de deterioro agravado polas humidades que lle afectan. É a primeira vez que algunha administración amosa interese por esta contrución, posto que se leva pedido en numerosas ocasións axuda para dignificar o que posiblemente sexa o local deste estilo máis utilizado en todo o municipio.
A obra ten como finalidade non só proporcionar á parroquia un espazo digno para instalar unha sala de ordenadores ou realizar xuntanzas de moitos tipos, senón tamén recuperar unha construción que no momento actual non se aproveita en toda a súa posible utilidade. Ademais, o seu adecentamento exterior é preciso pola súa proximidade á igrexa románica do lugar.
O proxecto de rehabilitación consiste, por un lado, na realización dunha drenaxe perimetral e impermeabilización para evitar entradas de humidade. Ademais, pecharase a parte superior do palco, que pasará a contar con dúas estancias, unha para conter os ordenadores e a biblioteca, e outra para calquera uso que requira a parroquia.
Tamén se realizará unha explanada exterior, cun pavimento de lousas de formigón. Esta explanada, por un lado, contribuirá á estanqueidade do edificio, e por outro, será un espazo útil para actividades no exterior e actuacións. As escaleiras actuais serán demolidas e o acceso aos locais será a través dunha escaleira e dunha rampla, para mellorar a accesibilidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario